From Wikipedia, the free encyclopedia
A ansiedade (do latín anxietas, 'angustia, aflición'), ansia ou nerviosismo, é unha resposta emocional ou conxunto de respostas que engloban aspectos subxectivos ou cognitivos de carácter displacenteiro, aspectos corporais ou fisiolóxicos caracterizados por un alto grao de activación do sistema periférico, aspectos observables ou motores que acostuman implicar comportamentos pouco axustados e escasamente adaptativos.[1] É unha característica biolóxica do ser humano, que antecede momentos de perigo real ou imaxinario, marcada por sensacións corporais desagradables tales como unha sensación de baleiro no estómago, corazón batendo rápido, medo intenso, aperto no tórax, transpiración etc
A ansiedade ten unha función moi importante relacionada coa supervivencia, canda o medo, a ira, a tristeza ou a felicidade. Actualmente estímase que un 20,5% ou máis da poboación mundial sofre algún tipo de trastorno de ansiedade, xeralmente sen sabelo.
A nivel patolóxico, a ansiedade non xorde na vida da persoa por unha escolla. Existen vivencias interpersoais e problemas na primeira infancia que poden ser importantes e causas desta. Alén diso, existen causas biolóxicas como anormalidades químicas no cerebro ou problemas hormonais. As persoas ansiosas teñen un vasto número de síntomas. Moitos resultan dun aumento da estimulación do sistema nervioso vexetativo ou autónomo, que controla o reflexo ataque-fuga. Outros son somatizacións, é dicir, que os doentes converten a ansiedade en problemas físicos, incluíndo dores de cabeza, males intestinais, tensión muscular etc
Cerca da metade das persoas con ansiedade sofren principalmente de síntomas físicos, normalmente localizados nos intestinos e no peito. Conforme a sintomatoloxía, a ansiedade pode ser clasificada en varios trastornos, mais sempre e cando haxa un grao patolóxico, definido como aquel que causa interferencia nas actividades normais do individuo.
Ante unha situación de alerta, o organismo pon a funcionar o sistema adrenérxico. Por exemplo, cando o organismo considera necesario alimentarse, este sistema entra en funcionamento e libera sinais de alerta a todo o sistema nervioso central. Cando se detecta unha fonte de alimento para a cal se require certa actividade física, dispáranse os mecanismos que liberan adrenalina, e fórzase a todo o organismo a achegar enerxías de reserva para a consecución da fonte enerxética e que normalizará os valores que dispararon esta "alerta amarela". Neses momentos, o organismo, grazas á adrenalina, pasa a un estado de "alerta vermella".
O sistema dopaminérxico tamén se activa cando o organismo considera que vai perder un ben prezado. Nesta situación, o organismo entra en alerta amarela ante a posibilidade da existencia dunha ameaza, que non é o mesmo que cando a ameaza pasa a ser real, pois nese caso o que se libera é adrenalina.
Desde este punto de vista, a ansiedade considérase un sinal positivo, de saúde, que axuda na vida cotiá, sempre que sexa unha reacción fronte a determinadas situacións que teñan a súa cadea de sucesos de forma correlativa: alerta amarela, alerta vermella e consecución do obxectivo. Se a cadea se rompe nalgún momento e esas situacións se presentan con asiduidade, entón o organismo corre o risco de intoxicarse por dopaminas ou por outras catecolaminas.
Todas as persoas poden sentir ansiedade, principalmente coa vida atribulada actual, mais cando a ansiedade se acaba tornando constante na vida, dependendo do grao ou da frecuencia, tórnase patolóxica e pode carrexar moitos problemas posteriores, mais non sempre é patolóxica.
Mais nas sociedades avanzadas modernas, esta característica innata do home desenvolveuse de forma patolóxica e conforma, nalgúns casos, cadros sintomáticos que constitúen o denominado trastorno de ansiedade, que ten consecuencias negativas e moi desagradables para quen o padece. Entre os trastornos de ansiedade encóntranse as fobias, o trastorno obsesivo-compulsivo, o trastorno de pánico, a agorafobia, o trastorno por estrés postraumático, o trastorno de ansiedade xeneralizada etc
No caso do trastorno de ansiedade xeneralizada, a ansiedade patolóxica vívese como unha sensación difusa de angustia ou medo e desexo de fuxir, sen que quen o sofre poida identificar claramente o perigo ou a causa deste sentimento. Esta ansiedade patolóxica é resultado dos problemas de diversos tipos aos que se enfronta a persoa na súa vida cotiá, e sobre todo, das súas ideas interiorizadas acerca dos seus problemas.
Ter ansiedade ou sufrir dese mal fai que a persoa perda unha boa parte da súa autoestima, ou sexa, deixa de facer certas cousas porque se xulga ser incapaz de realizalas. Desa forma, o termo ansiedade está de certa forma ligado á palabra medo, pasando así a persoa a ter medo de errar na realización de diferentes tarefas, sen mesmo chegar a intentalo.
A ansiedade en niveis moi altos, ou cando se presenta coa timidez ou depresión, impide que a persoa desenvolva o seu potencial intelectual. O aprendido é bloqueado e iso interfire non só no aprendido da educación tradicional, senón tamén na intelixencia social. O individuo fica sen saber como comportarse en ocasións sociais ou no traballo, o que pode levar a un estancamento vital.
Os síntomas da ansiedade son moi diversos e talvez os máis comúns consistan na hiperactividade vexetativa, que se manifesta con taquicardia, taquipnea, midríase, sensación de afogo, tremores de extremidades, sensación de perda de control ou do coñecemento, transpiración, náusea, rixidez muscular, debilidade muscular, insomnio, inquietude motora, dificultades para a comunicación, pensamentos negativos e obsesivos etc
A ansiedade pódese manifestar de tres formas diferentes: a través de síntomas fisiolóxicos, cognitivos e condutuais. Estes fan referencia a tres niveis distintos, os cales poden influírse uns cos outros, é dicir, os síntomas cognitivos poden exacerbar os síntomas fisiolóxicos e estes á súa vez disparar os síntomas condutuais. Cabe notar que algúns síntomas da ansiedade poden parecerse aos de padecementos non mentais, tales como a arritmia cardíaca ou a hipoglicemia.
A ansiedade tamén pode converterse nun trastorno de pánico, no cal a persoa cre que vai desmaiarse, falecer ou sufrir algún outro contratempo fisiolóxico. É común que as persoas con este trastorno visiten a sala de urxencias con certa frecuencia, e, tipicamente, séntense mellor despois de ser atendidas.
Abaixo lístanse síntomas que se poden padecer na ansiedade patolóxica:
En xeral, considérase que a ansiedade é unha condición que existe de por vida en certo grao. Non todos os pacientes responden da mesma forma aos tratamentos, pero unha porcentaxe importante deles poden lograr unha recuperación parcial ou case completa a longo prazo coa axuda de terapia psicolóxica (terapia cognitivo-condutual). Crese que a prognose da ansiedade vese afectada pola crenza común (posiblemente unha crenza negativa e incorrecta) por parte dos pacientes de que a súa condición é especialmente grave, máis grave que a de calquera outra persoa que xa se recuperara.
Alén do tratamento feito con psicoterapia e medicamentos (ansiolíticos e antidepressivos), hai algunhas técnicas que auxilian na prevención e tratamento da ansiedade. Por exemplo:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.