Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O océano Reico foi o océano que separaba a mediados do Paleozoico os dous maiores paleocontinentes de entón, Gondwana e Laurusia (Laurentia-Báltica-Avalonia). É un dos principais océanos do Palaeozoico, cuxas suturas se estenden hoxe ao longo de 10 000 km desde México a Turquía e o seu peche causou a ensamblaxe do supercontinente Panxea e a formación da oroxenia varisca–allegheniana–ouachita.[1]
Utilizouse o nome de Reico como unha relación con Xápeto, que lle dera nome a outro océano máis antigo. Primeiramente, o océano situado entre Gondwana e Laurentia a inicios do Cámbrico recibiu o nome de océano de Xápeto polo personaxe da mitoloxía grega Xápeto, pai de Atlas, xa que o océano de Xápeto foi o predecesor (o pai) do océano Atlántico, nomeado así en referencia a Atlas. Posteriormente, o océano situado entre Gondwana e Laurusia (Laurentia–Báltica–Avalonia) no Cámbrico tardío-Ordovícico temperán foi nomeado océano Reico en referencia a Rea, irmá de Xápeto.[1][2]
A inicios do Paleozoico, hai uns 540 millóns de anos, a maioría das masas continentais da Terra estaban agrupadas arredor do polo sur formando o paleocontinente de Gondwana. As excepcións eran varios continentes máis pequenos como Laurentia e Báltica. O océano paleozoico que había entre Gondwana, Laurentia e Báltica denomínase océano de Xápeto. A beira norte de Gondwana estivera sometida á oroxenia cadomiana durante o período ediacárico. Esta oroxenia formou un arco volcánico de tipo cordilleira no que a codia oceánica subducía por debaixo de Gondwana. Cando unha dorsal oceánica subduciu nun ángulo oblicuo, desenvolvéronse cuncas extensionais ao longo da marxe norte de Gondwana.[3] Durante o Cámbrico tardío ao Ordovícico temperán estas cuncas extensionais evolucionaron formando un rift que discorría ao longo do bordo norte de Gondwana.[4] O rift á súa vez evolucionou orixinando unha dorsal oceánica que separou pequenos fragmentos continentais como Avalonia e Carolina desde a masa continental principal de Gondwana.
A medida que Avalonia-Carolina se moveron derivando cara ao norte desde Gondwana, o océano Reico empezou a crecer e chegou á súa máxima anchura de 4 000 km no Silúrico. Neste proceso, o océano de Xápeto pechouse conforme Avalonia-Carolina foron chocando con Laurentia e se formou a oroxenia apalachiana.[5]
O peche do océano Reico empezou no Devoniano temperán e completouse no Mississippiano cando Gondwana e Laurentia chocaron para formar a Panxea. Este peche orixinou os maiores oróxenos de colisión do Paleozoico: os oróxenos varisco e allegheniano entre amarxe africana occidental de Gondwana e o sur de Báltica e leste de Laurentia, así como a oroxenia ouachita entre a marxe amazónica de Gondwana e o sur de Laurentia.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.