novela de F. Scott Fitzgerald From Wikipedia, the free encyclopedia
O Gran Gatsby é unha novela en lingua inglesa escrita polo estadounidense F. Scott Fitzgerald, publicada por vez primeira en 1925 co título orixinal de The Great Gatsby. A trama desenvólvese en Nova York e Long Island na década de 1920. O libro foi descrito como o reflexo da era do jazz na literatura estadounidense. Foi traducido ao galego por Laura Rodríguez Gómez, e publicado en 2002 por Ir Indo Edicións.
O Gran Gatsby | |
---|---|
Título orixinal | The Great Gatsby |
Autor/a | F. Scott Fitzgerald |
Orixe | Estados Unidos de América |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Scribner Ir Indo |
Data de pub. | 10 de abril de 1925 setembro de 2002 |
Páxinas | 218 |
ISBN | ISBN 978-0-7432-7356-7 ISBN 978-84-7680-418-0 |
Precedido por | The Beautiful and Damned |
Seguido por | Tender Is the Night |
Premios | |
Tradución | Laura Rodríguez Gómez |
[ editar datos en Wikidata ] |
O narrador é Nick Carraway. A obra comeza cun consello do seu pai, que di que non se debe criticar as demais persoas. Nick presenta a súa curmá Daisy Buchanan, o agresivo esposo desta, Tom Buchanan, e a súa amiga Jordan Baker, coa que comeza unha relación amorosa. Tom leva a Nick a Nova York para presentarlle a súa amante, Myrtle Wilson, que á súa vez está casada con George, un home pasivo que ten un taller mecánico e que non sabe da infidelidade da súa muller.
Mentres que os Buchanan viven en East Egg, unha vila moi de moda por aquel entón, Nick vive en West Egg, menos elitista pero tamén elegante, á outra beira da baía de East Egg. O seu veciño é Jay Gatsby, un home rico e misterioso que ten unha mansión enorme e que adoita pasar as tardes mirando unha luz verde ao outro lado da baía desde o seu xardín. Gatsby organiza grandes festas os sábados pola noite, ás que acode unha gran multitude. Gatsby convida a Tom a unha desas festas, e nela a xente rumorea sobre como Gatsby chegou a ser tan rico. Aos poucos, os dous veciños comezan a ser amigos. Gatsby cóntalle que é orfo e que herdou unha fortuna, e que estivo no exército na primeira guerra mundial e estudou na Universidade de Oxford. Porén, Nick descobre o verdadeiro pasado de Gatsby: procede dunha familia moi pobre, e que o que aprendeu da vida foi grazas a Dan Cody, un home rico e vello. Finalmente sábese que Gatsby é un contrabandista de alcohol durante a época da Lei seca dos Estados Unidos.
Gatsby preséntalle ao seu socio, Meyer Wolfshiem. Despois confésalle, a través de Jordan, que tivera unha relación con Daisy antes da guerra e antes de que casase con Tom. Gatsby quere volver estar con Daisy, e intenta conseguilo a través de Nick. Este organiza unha cita e Daisy e Gatsby volven ter unha relación. En Nova York Tom e Gatsby discuten sobre quen pode estar con Daisy. Ao pouco, o coche de Gatsby conducido por Daisy atropela e mata a Myrtle, a amante de Tom. Gatsby dille a Nick que el asumirá a culpa. Tom condena a Gatsby, dicíndolle a George Wilson onde pode atopar o home que matou a súa esposa. George Wilson pégalle un tiro a Gatsby e despois suicídase.
Daisy e Tom deixan a súa relación. Nick, farto de todo, rompe con Jordan dun xeito algo brusco. El é o único que pode manexar os asuntos de Gatsby e organizar o funeral, ao cal non foi ningunha das persoas que asistían ás festas agás un home peculiar. Nick coñece entón o pai de Gatsby. Finalmente, no xardín de Gatsby, mirando a luz verde, Nick conclúe que a nostalxia, o desexo de replicar o pasado, é o que nos leva a el constantemente.
A novela non foi un best-séller, se ben logrou vender preto de 24.000 exemplares antes da morte do autor. Durante a Gran Depresión e a segunda guerra mundial caeu no esquecemento, se ben foi reeditado na década de 1950, con grande éxito de público, ao ser estudado no ensino secundario e universitario. Parte da crítica considéraa non só a mellor novela de Fitzgerald, senón unha das novelas máis importantes da literatura norteamericana do século XX.
Foi traducida a numerosos idiomas. A tradución ao galego de Laura Rodríguez Gómez foi publicada por Ir Indo Edicións. Amais, fixéronse cinco adaptacións cinematográficas:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.