Pintura de Francisco de Goya From Wikipedia, the free encyclopedia
O 3 de maio en Madrid (tamén coñecido como Os fusilamentos na montaña do Príncipe Pío[1][2] ou Os fusilamentos do tres de maio[3]) é un cadro do pintor aragonés Francisco de Goya rematado en 1814 que se conserva no Museo do Prado (Madrid, España). A intención de Goya ó elaboralo era plasmar a loita do pobo español contra a dominación francesa no marco do Levantamento do dous de maio, ó comezo da Guerra da Independencia Española.
O 3 de maio en Madrid | |
---|---|
Artista | Francisco de Goya |
Data | 1813 - 1814 |
Técnica | óleo sobre lenzo |
Dimensións | 268 cm × 347 cm |
Localización | Museo do Prado (Madrid) |
Xunto coa súa parella (ou pendant) é O dous de maio de 1808 en Madrid —tamén chamado A carga dos mamelucos—. Goya suxeriu o encargo destes cadros de gran formato á rexencia liberal de Luis María de Borbón y Vallabriga, antes da chegada do rei Fernando VII. Tense dito que adornaron un arco do triunfo adicado ó rei na Porta de Alcalá, pero as últimas investigacións desmentírono.[4] Ámbolos dous cadros son da mesma época e corrente artística.
A súa técnica e cromatismos, son propios dun Goya maduro. A pintura é escura, e presenta imaxes fortes e crúas creando o arquetipo de horror na pintura española, que Goya aproveitara nesa época para os seus augafortes titulados Los desastres de la guerra.
O contido, a presentación e a forza emocional da obra supoñen un lugar importante como unha imaxe innovadora e arquetípica dos horrores da guerra. Aínda que se basea en moitas fontes, tanto da arte popular como da culta, a obra provoca unha clara ruptura coas formas anteriores ao afastarse tanto da arte propiamente relixiosa como das representacións tradicionais da guerra, polo que non ten un precedentes claros e é recoñecida como unha das primeiras pinturas da era contemporánea. Segundo o historiador da arte Kenneth Clark, o Tres de maio de 1808, é "a primeira gran imaxe que se pode chamar revolucionario en tódolos sentidos da palabra, en estilo, tema e intención".[5]
Na década de 1850, o pintor José de Madrazo, daquela director do Museo do Prado, puxo en dúbida que Goya pintase este lenzo. Afirmou que «o cadro é de calidade moi inferior a outros retratos do mestre Goya».[6] Décadas despois, durante o apoxeo do impresionismo e do Romanticismo, adquiriu fama mundial ao ser considerada antecedente directo de tales estilos. Durante a Guerra vivil, a obra foi trasladada a Valencia en 1937 xunto con todo o fondo do Museo para evitar posibles danos mais durante o traxecto a obra sufriu un accidente. Os estragos fóronse reparando grazas ás restauracións emprendidas en 1938, 1939, 1941 e 2008. Nesta última restauración, realizada por Clara Quintanilla, procedeuse á limpeza completa do cadro, a base de rebaixar os vernices amarelos que cubrían gran parte da obra e reintegráronse algunhas partes que resultaron danadas no accidente.
O 3 de maio de 1808 serviu de inspiración a varias outras obras pictóricas importantes, como en O Fusilamento de Maximiliano de Manet ou no Masacre en Corea e o Guernica de Picasso.
Napoleón I de Francia declarouse como Primeiro Cónsul da República Francesa o 10 de novembro de 1799 e coroouse como emperador en 1804. Debido a que España controlaba o acceso ao Mediterráneo, o país era importante dende o punto de vista político e estratéxico para os intereses franceses. O rei español, Carlos IV, era considerado internacionalmente, como inepto e, mesmo, súa propia Corte era visto como un "rei medio inxenuo que renuncia á atención do estado pola satisfacción da caza",[7] e como un rei débil incapaz de controlar á súa enérxica esposa, María Luísa de Parma. Napoleón aproveitou esa debilidade suxerindo unha alianza entre as dúas nacións para conquistar e dividir Portugal, entre Francia e España tomando cada unha un terzo do botín, e o terzo final que sería para o valido Manuel de Godoy, que tamén recibiría o título de Príncipe do Algarve. Godoy quedou seducido e aceptou a oferta francesa. Non puido, porén, comprender as verdadeiras intencións de Napoleón e tamén descoñecía que o fillo do rei español, o futuro Fernando VII de España, usaba a alianza como excusa para se apoderar do trono español, pretendendo tamén afastar a Godoy e a seus pais do poder.[7]
Baixo o pretexto de reforza-los exércitos españois, 23.000 soldados franceses entraron en España sen oposición en novembro de 1807.[8] Mesmo cando as intencións de Napoleón quedaron claras, en febreiro seguinte do ano seguinte, as forzas ocupantes atoparon pouca resistencia máis aló de accións illadas en áreas desconectadas, incluída Zaragoza.[9] O comandante principal de Napoleón, o mariscal Joachim Murat, cría que España se beneficiaría dos gobernantes máis progresistas e competentes que os Borbóns, e o irmán de Napoleón, Xosé Bonaparte, converteuse en rei.[10] Despois de que Napoleón convencese a Fernando para que devolvera o goberno español a Carlos IV, este quedou sen outra opción que abdicar, o 19 de marzo de 1808, en favor de Napoléón que transmitiu os dereitos a seu irmán Xosé, que se converteu en rei de España.
Aínda que o pobo español aceptara monarcas estranxeiros no pasado, rexeitaou profundamente ao novo gobernante francés e, o 2 de maio de 1808, por mor do espallamento dunha nova que afirmaba a próxima marcha dos últimos membros da familia real española cara a Francia, os madrileños rebeláronse na denominada sublevación do Dous de Maio. Ese mesmo día, o mariscal Murat emitía unha proclama ás súas tropas na que dicía: "A poboación de Madrid, desviada, deuse á sublevación e ao asasinato. O sangue francés fluíu. Esixe a vinganza. Tódolos arrestados na sublevación, con armas na man, serán fusilados".[11]
Esta sublevación foi conmemorada por Goya no cadro de "O dous de maio de 1808 en Madrid", na que representa unha carga de cabalería contra os rebeldes na Porta do Sol, no centro de Madrid, na que houbo durante varias horas un combate feroz.[12] O "Tres de maio", o cadro máis coñecido da parella, representa as represalias dos franceses: antes do mencer, centos de españois foron prendidos e fusilados, en varias localidades de Madrid. A oposición civil española persistiu como unha característica durante os cinco anos posteriores da guerra peninsular, que foi a primeira en ser denominada como "guerra de guerrillas".[10] As forzas españolas irregulares axudaron considerablemente aos exércitos español, portugués e británico dirixidos conxuntamente por Sir Arthur Wellesley, que chegou por primeira vez a Portugal en agosto de 1808. Na época da concepción da pintura, a imaxinación pública convertera aos sublevados en símbolos do heroísmo e do patriotismo.[13]
Como outros liberais españois, Goya sufriu un grave conflito persoal pola invasión francesa pois apoiara os obxectivos e principios iniciais da Revolución francesa e esperaba un desenvolvemento semellante en España. Varios dos seus amigos, como os poetas Juan Meléndez Valdés e Leandro Fernández de Moratín, foron afrancesados, o termo para os afeccionados e colaboradores de Xosé I,[14] e o retrato de Goya, en 1798, do comandante convertido en embaixador francés, Ferdinand Guillemardet, revelaba unha certa admiración persoal.[15][16] Aínda que mantivo a súa posición de pintor da corte, para o que era necesario un xuramento de lealdade a Xosé I, Goya tiña por natureza unha aversión instintiva á autoridade.[17] Foi testemuña da derrota dos seus paisanos fronte as tropas francesas. Durante estes anos pintou pouco, aínda que as experiencias da ocupación proporcionaron inspiración para debuxos que serían a base das súas estampas Los desastres de la guerra.
En febreiro de 1814, trala expulsión definitiva dos franceses, Goya achegouse ao goberno provisional cunha solicitude de "perpetuar mediante o seu pincel as accións máis notables e heroicas da nosa gloriosa insurrección contra o tirano de Europa".[18] A súa proposta foi aceptada e comezou a traballar no Terceiro de Maio. Non se sabe se el presenciou persoalmente a rebelión ou as represalias,[19] malia os moitos intentos posteriores de situalo nos eventos de calquera dos dous días.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.