Remove ads
escritor estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Nathan Wallenstein Weinstein, coñecido co nome de Nathanael West, nado en Nova York o 17 de outubro de 1903 e finado en El Centro (California) o 22 de decembro de 1940, foi un novelista, dramaturgo e escritor satírico estadounidense, xeralmente encadrado dentro da Xeración perdida.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Nathan Wallenstein Weinstein 17 de outubro de 1903 Nova York, Estados Unidos de América |
Morte | 22 de decembro de 1940 (37 anos) El Centro, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | morte accidental, accidente de tráfico |
Lugar de sepultura | Mount Zion Cemetery (en) |
Educación | Universidade Brown |
Actividade | |
Ocupación | escritor, guionista, dramaturgo, novelista, prosista |
Movemento | Lost Generation (pt) |
Influencias | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Eileen McKenney |
|
Nathanael West foi o primeiro fillo dunha parella de xudeus xermanofalantes de orixe lituana, que posuía un fogar de clase media alta nun barrio xudeu do Upper West Side. Malia que abandonou o instituto, ingresou na Universidade Tufts falsificando as súas cualificacións. Tras ser expulsado desta, entrou na Universidade Brown tras apropiarse dos rexistros académicos doutro alumno de Tufts chamado tamén Nathan Weinstein. Aínda que West non estudou demasiado durante a súa estancia en Brown, comezou a ler de forma intensiva. Aínda que no seu país os seus contemporáneos se decantaban pola corrente do realismo, el preferiu inclinarse cara ao surrealismo de orixe francesa e cara aos poetas británicos e irlandeses da década de 1890, especialmente Oscar Wilde. West estaba interesado en crear un estilo literario infrecuente para un contido igualmente infrecuente.
Viuse atraído polo cristianismo e o misticismo nas súas expresións literarias e artísticas. Dado que o alumnado xudeu non podía formar parte de ningunha irmandade, o seu mellor amigo foi o seu futuro cuñado, Sidney Joseph Perelman, que acabaría sendo un dos escritores cómicos máis eruditos dos Estados Unidos.
Despois de acadar a diplomatura a duras penas, viaxou tres meses a París, período no que decidiu adoptar o nome artístico de Nathanael West. A súa familia, que o apoiara economicamente até entón, viuse en dificultades a finais da década de 1920, polo que Nathanael viuse obrigado a volver a casa dos seus pais e traballar na construción para o seu pai, até que atopou un traballo como director nocturno do Kenmore Hotel en Manhattan.
Aínda que estivera traballando nos seus escritos desde o período universitario, foi no seu traballo nocturno onde atopou o tempo necesario para terminar as súas primeiras obras. En 1931 publicou The Dream Life of Balso Snell, e en 1933 unha das súas novelas máis coñecidas, Miss Lonelyhearts. Nesa época mantiña unha forte relación con outros escritores de Nova York como William Carlos Williams ou Dashiell Hammett.
En 1933 mercou unha casa no leste de Pensilvania, pero axiña marchou a Hollywood ao atopar traballo como guionista para Columbia Pictures. Alí publicou a súa terceira novela, A Cool Million, en 1934. Ningunha destas tres primeiras novelas logrou grandes vendas, polo que West pasou dificultades económicas a mediados da década de 1930, e colaborou ocasionalmente en obras de teatro. O seu traballo en Hollywood estaba orientado ao cinema de serie B, como Five Came Back (1939). Durante esta época West escribiu O día da lagosta (The Day of the Locust, 1939), que retrata moitas das experiencias do propio autor durante a súa estancia nun hotel de Hollywood Boulevard.
West e maila súa muller, Eileen McKenney, morreron nun accidente de tráfico. West sempre fora moi mal condutor, e varios dos seus amigos non quería viaxar con el. O accidente puido estar causado porque West estaba conmocionado pola morte o día anterior do seu amigo F. Scott Fitzgerald dun ataque ó corazón, e saltase un stop. A parella foi enterrada no Mount Zion Cemetery de Queens.
Polo seu estilo e polo humor negro dos seus relatos, West foi comparado con autores como Gogol ou Edgar Allan Poe, e está considerado un antecedente de Saul Bellow, Vladimir Nabokov ou Martin Amis. Tamén se atopou unha influencia directa entre as obras de West e as da case contemporánea Flannery O'Connor.
Aínda que West foi relativamente pouco coñecido en vida, a súa reputación creceu trala súa morte, en especial coa publicación das súas obras completas en 1957. Miss Lonelyhearts está considerada a súa mellor obra, e The Day of the Locust considérase unha das mellores novelas sobre a primeira época de Hollywood, xunto con The Last Tycoon de F. Scott Fitzgerald.
A maioría das súas obras son unha resposta á Gran Depresión que sacudiu Estados Unidos tralo crack de 1929, que durou toda a década de 1930. As paisaxes obscenas e coloreadas de The Day of the Locust son especialmente significativas ao ter en conta que o resto do país vivía nunha pobreza case total nesa época. West pensaba que o soño americano fora traizoado, tanto espiritual como materialmente, idea da que West foi un pioneiro, e que tivo gran repercusión até moito despois da súa morte. Así, o poeta W. H. Auden creou a expresión "West's disease" ("a doenza de West") para referirse á pobreza en sentido espiritual e económico.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.