Mumford & Sons é un grupo inglés de folk rock, formado por Marcus Mumford (voz principal, guitarra, batería, mandolina), Ben Lovett (voces, teclado, acordeón, batería), Winston Marshall (voces, banjo, dobro), e Ted Dwane (voces, contrabaixo, batería, guitarra). O grupo formouse en outubro de 2007, aproveitando o éxito do que os medios cualificaron como "a escena folk do oeste de Londres" xunto con outros artistas como Laura Marling, Johnny Flynn e Noah and the Whale.
Mumford & Sons | |
---|---|
Mumford & Sons tocando no festival Dot to Dot en Bristol (23 de maio de 2009) | |
Orixe | Londres, Inglaterra |
Período | 2007–presente |
Xénero(s) | Folk rock, bluegrass[1] |
Selo(s) discográfico(s) | Gentlemen of the Road Island Records (UK) Glassnote Records (US) Universal Music (Canadá) Universal Music Australia (AUS) |
Membros | Marcus Mumford Winston 'Country' Marshall Ben Lovett Ted Dwane |
Na rede | |
mumfordandsons.com | |
|
Mumford & Sons gravaron tres EP's antes de publicar o seu primeiro álbum, Sigh No More, que foi lanzado no Reino Unido en outubro de 2009, e nos Estados Unidos en febreiro de 2010. O álbum chegou ao número dous no UK Album Chart e no Billboard 200 dos Estados Unidos.[2][3]
O grupo obtivo popularidade no 2010, tocando ante grandes audiencias e tendo a súa primeira aparición na televisión norteamericana. O 1 de decembro de 2010, o grupo recibiu dúas candidaturas aos Premios Grammy, unha por Mellor artista novo e outra por Mellor canción de rock (por "Little Lion Man"). Gañaron o Premio musical ARIA de Artista internacional máis popular no 2010, e o Premio Brit no 2011 por Mellor álbum británico.
Historia
Primeiros anos: 2007–2008
Mumford & Sons foi formado en outubro de 2007 polos multi-instrumentistas Marcus Mumford, Ben Lovett, Winston Marshall, e Ted Dwane.[4] Os membros do grupo tocan diversos instrumentos como guitarra, batería, teclado, baixo, e instrumentos tradicionais do folk como o banjo, a mandolina, e o dobro.[5] O nome do grupo orixinouse polo feito de que Marcus Mumford era o membro máis coñecido do grupo naquel momento, organizando o grupo e as súas presentacións locais. Lovett indicou que o nome tiña a intención de evocar a sensación dun "nome de negocio familiar antigo".[6] Varios grupos similares a Mumford & Sons incrementaron a súa visibilidade no oeste de Londres na mesma época, facendo coñecida a "Escena folk do Oeste de Londres". Mumford cualificouno como unha esaxeración - Mumford & Sons e outros grupos de folk comezaron a tocar no mesmo sitio ao mesmo tempo. Nunha entrevista con Herald Sun, Marcus Mumford dixo, "Non é folk, realmente. Bueno, algo éo, pero certamente non é unha escena. Alguén se emocionou demasiado por uns poucos grupos que viven nun radio de 100 millas e púxoos nunha caixa para vendelos como un paquete. É unha comunidade, non unha escena. Non é algo exclusivo."[4] Xa que se desenvolveran no mesmo ambiente, tanto musical como culturalmente, o son de Mumford & Sons foi comparado con artistas como Noah and the Whale, Johnny Flynn, e Laura Marling, para quen Marcus Mumford adoitaba tocar a batería.[7]
A comezos de 2008, o grupo empezou a traballar co representante Adam Tudhope, quen, como parte da empresa Everybody's, tamén representa a Keane e Laura Marling.[8] Foi a través da conexión con Tudhope, cando Mumford & Sons foron expostos a Louis Bloom, quen comezou a monitorizar o grupo. Bloom dixo a HitQuarters que o grupo aínda estaba xermolando e que aínda non estaban listos para un contrato discográfico: "Non había ninguén alí para iso, só uns poucos amigos, e necesitaban tempo para desenvolvelo. Os seguintes seis meses continuei indo a velos e a cada momento estaban, literalmente, escollendo fans."[8]
En febreiro de 2008, o grupo completou unha extensa xira polo Reino Unido co apoio de Alessi's Ark, Sons of Noel and Adrian, Peggy Sue, Pete Roe, The Cutaway e outros grupos. Xuño marcou a primeira aparición do grupo no Festival de Glastonbury.[5] Marcus Mumford tamén realizou unha xira canda Laura Marling, quen tiña pouca inclinación para comunicarse co público, o que fixo que Marcus Mumford se gañase un lugar destacado ante el. A experiencia axudoulle moito para actuar fronte ao público de Mumford & Sons, que consiste nunha actitude frecuentemente interactiva con el e intentando crear unha atmosfera cómoda e casual.[4]
O primeiro proxecto de Mumford & Sons foi o EP titulado Love Your Ground, que lles levou un ano realizalo e que foi publicado en novembro de 2008 por Chess Club Records.[5]
Sigh No More: 2009–2010
Durante 2008 e 2009, Mumford & Sons tocaron en pequenos locais no Reino Unido e nos Estados Unidos, mostrándolle ao público as cancións de Love Your Ground, así como outras que finalmente formarían Sigh No More. O grupo acabou gravando o seu primeiro disco, Sigh No More, con Markus Dravs, quen produciu discos de artistas como Arcade Fire.[4] Por aquel momento, os membros do grupo nin posuían os seus propios instrumentos. Nun primeiro momento, Dravs rexeitounos cando apareceron nas sesións de gravación coas mans baleiras.[9] A única canción de Love Your Ground que foi incluída en Sigh No More foi "Little Lion Man". Segundo lle comunicaron ao Herald Sun, eles mesmos financiaran o disco para evitar os compromisos técnicos e artísticos.[4] Tamén fixeron unha xira en apoio a Laura Marling no 2009, como tamén contribuíron como músicos no seu disco que publicou no 2010, I Speak Because I Can.[4][10]
En agosto de 2009, Mumford & Sons asinaron un contrato de licenza con Island Records no Reino Unido, con Dew Process en Australia e Nova Zelandia, con Glassnote Records en América do Norte e con Cooparative Music no resto do mundo, a través da súa propia discográfica, Gentlemen Of The Road. O xefe de Dew Process, Paul Piticco, firmou co grupo tras ver un dos seus concertos nos Estados Unidos no 2009 e poder apreciar a súa honesta aproximación co público e o seu particular son.[4] O seu disco debut foi publicado o 5 de outubro de 2009 con "Little Lion Man" como o seu sinxelo principal.
Dave Berry da XFM nomeou "Little Lion Man" a súa canción da semana. O DJ Zane Lowe, da BBC Radio 1, fixo de "Little Lion Man" o seu "Reaction Record" o 27 de xullo de 2009,[11] para nomeala "Hottest Record in the World" a noite seguinte.[12]
Na súa primeira actuación na televisión estadounidense, o grupo tocou o tema "Little Lion Man" no programa da CBS Late Show with David Letterman o 17 de febreiro de 2010. Esta aparición foi seguida por unha actuación de "The Cave" en The Late Late Show with Craig Ferguson o 26 de febreiro de 2010.[13]
Mumford & Sons foron comercialmente exitosos en Australia e Nova Zelandia. O single "Little Lion Man" foi moi popular, en xaneiro de 2010, estivo no cume da lista Triple J Hottest 100 de todo o 2009. A súa marxe de vitoria foi a máis ampla da historia da lista.[14] En novembro de 2010, o grupo gañou un Premio Musical ARIA por Artista Internacional Máis Popular.[15] Sigh No More primeiro acadou o número 9 nas listas de Nova Zelandia en outubro de 2010, para máis tarde alcanzar o número un en xaneiro de 2011, debido á popularidade dos sinxelos.[16]
Nunha entrevista de marzo de 2010, Ray Davies anunciou que Mumford & Sons aparecería no seu seguinte disco de colaboracións.[17] Marcus confirmouno nunha entrevista ese mesmo mes, dicindo, "Estou máis emocionado por isto que por calquera outra cousa en toda a miña vida".[4] Mumford & Sons interpretou a canción "Days/This Time Tomorrow" xunto con Davies o 12 de febreiro de 2010 en Later...with Jools Holland.[18]
O grupo tamén foi parte dos tres anuncios de 30 segundos da televisión británica.
En decembro de 2010, Mumford & Sons conseguiu candidaturas aos Premios Grammy por Mellor Artista Novo e Mellor Canción de Rock ("Little Lion Man"). Aínda que non gañaron en ningunha das categorías, o grupo interpretou o seu single "The Cave" na cerimonia, que lles proporcionou unha moi positiva atención dos medios e aumentou a visibilidade de Sigh No More. As vendas nos Estados Unidos aumentaron un 99% no período posterior á cerimonia.[19][20] Tamén interpretaron xunto a Bob Dylan "Maggie's Farm".[21] En febreiro de 2011 resultaron gañadores do Premio Brit por Mellor Álbum Británico do Ano con Sigh No More e tocaron "Timshel" na cerimonia.[6] As vendas no Reino Unido do disco aumentaron un 266% tras o evento.[20]
En marzo de 2011, Sigh No More tiña vendido arredor dun millón de copias entre os Estado Unidos e o Reino Unido.[20]
Segundo disco de estudio: 2011–presente
Durante a xira polos Estados Unidos a comezos de 2011, o grupo empezou a escribir cancións para o seu seguinte disco. Ben Lovett comentou que o ambiente creativo de Nashville, Tennessee, axudou moito no proceso de escritura.[22] O disco estaba previsto que saíse a finais de 2011.[23]
En marzo de 2011, anunciouse que o grupo ía aparecer no The Other Stage no Festival de Glastonbury, tras ter tocado practicamente como descoñecidos no John Peel Stage o ano anterior.[24] O 13 de abril de 2011, VH1 gravou unha actuación de Mumford & Sons con instrumentos acústicos - titulado 'Mumford & Sons: Unplugged'.[25] O 11 de xulo de 2011, Mumford & Sons actuou en Bonnaroo no Which Stage.
Mentres tocaban en Buzz Under The Stars Night 1 en Kansas City, o 3 de xuño, a primeira parada da súa xira norteamericana, o grupo anunciou que estaban gravando un novo disco, que sería lanzado a finais de 2011. Tocaron novas cancións do novo álbum, aínda que non desvelaron o título.[26]
Mumford & Sons gravou dúas cancións para a adaptación de Cumes Torboentos por Andrea Arnold, unha das cancións (titulada "Enemy") oirase nos créditos finais.
En setembro de 2013 o grupo anunciou un receso por tempo indefinido.
Estilo musical e influencias
Mumford & Sons son recoñecidos polas súas enérxicas actuacións en directo, nas cales os membros do grupo se intercambian instrumentos entre eles. Nalgunhas entrevistas, expresaron a súa atracción pola cultura dunha conexión persoal con membros do público.[4] Membros do grupo declararon en múltiples ocasións que os concertos son a súa parte preferida da experiencia musical.
Unha gran cantidade do contido lírico de Mumford & Sons contén unha forte influencia literaria, o nome do seu álbum debut deriva da obra de Shakespeare, Much Ado About Nothing. A pista "Sigh No More" inclúe versos da obra como "Serve God love me and mend" e "One foot in sea and one on shore". Nunha entrevista, Marcus Mumford foi citado dicindo, "Podes roubarlle a Shakespeare todo o que queiras; ningún avogado te vai denunciar."[27] "The Cave" inclúe varias referencias á Odisea e á alegoría da caverna.
"Timshel" e "Dustbowl Dance" conteñen feitos das novelas de John Steinbeck, De ratos e homes, East of Eden e The Grapes of Wrath. Marcus Mumford, nunha entrevista, incluso comparou as xiras cunha aventura de Steinbeck: "El falou sobre como unha viaxe éa en si mesma, non podes planeala ou predicila demasiado, porque iso pode acabar con ela. Algo así é ir de xira. Aínda que hai unha estrutura, sabes a que cidades irás, e que farás un concerto, calquera cousa pode ocorrer." Tamén, Marcus Mumford dirixe un club de lectura no seu tempo libre na páxina web oficial do grupo.[28]
Discografía
Discos de estudio
EP's
- Lend Me Your Eyes (2008)
- Love Your Ground (2008)
- The Cave And The Open Sea (2009)
- Dharohar Project (colaboración con Laura Marling) (2010)
- The Wedding Band (Mumford & Sons e amigos) (2010)
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.