Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A mucosa gástrica é a capa de membrana mucosa que reviste interiormente ao estómago, que contén células produtoras de moco protector e as glándulas produtoras de zume gástrico. Nos humanos ten aproximadamente 1 mm de grosor e a súa superficie é lisa, suave, e aveludada, de cor rosa agrisada cando está fresca, máis pálida na zona do cardia e píloro, e de tons máis brillantes na infancia, debido a unha maior vascularización. Este mucosa consta dun epitelio superficial, unha lámina propia, e unha capa muscular da mucosa (muscularis mucosae).
Mucosa gástrica | |
---|---|
Estómago | |
Sección da membrana mucosa do estómago humano, preto do orificio cardíaco, a 45 aumentos. c. Glándulas cardíacas. d. Ductos das glándulas cardíacas. cr. Glándulas con células mucosas. mm. membrana mucosa. m. Muscularis mucosae. m’. Tecido muscular dentro da membrana mucosa. | |
Latín | Tunica mucosa gastris |
Gray's | pág.1166 |
Dorlands/Elsevier | 12831946 |
A mucosa gástrica é máis delgada na zona do cardia, e máis grosa cara ao píloro. Durante o estado contraído do órgano a mucosa forma moitos pregamentos, sobre todo lonxitudinais, que están máis marcados na zona pilórica, e arredor da curvatura maior do estómago. Pero cando o estómago se distende porque está cheo, os pregamentos estíranse e desaparecen, polo que a mucosa parece lisa. Este pregamento e despregamento débese á contracción da muscularis mucosae e á natureza laxa da submucosa.[1]
Cando se examina a superficie da mucosa cunha lupa, esta presenta unha serie de elevacións e sucos, que forman áreas de 2 a 6 mm de diámetrto. Nestas áreas fórmanse invaxinacións con forma de pozo ou funil denominadas foveolas ou fosiñas gástricas, de 0,12 a 0,25 mm de diámetro. Hai uns 3,5 millóns destas fosiñas en todo o estómago. No fondo destas fosiñas desembocan unha tubos finos (xeralmente 3 ou 4 en cada unha), que se estenden en zonas máis profundas por todo o espesor da mucosa, que se denominan glándulas gástricas, fúndicas ou oxínticas (uns 15 millóns en total na mucosa), e que producen os zumes gástricos e moco.
Ademais das glándulas gástricas ou fúndicas, existen na mucosa outros dous tipos de glándulas tubulares que desembocan nas foveolas, que son: glándulas cardíacas, situadas na zona proximal do estómago, preto do cardia, e as glándulas pilóricas, situada ao final do estómago, na zona pilórica. As glándulas cardíacas e pilóricas producen moco.
Na mucosa atópanse varios tipos de células endócrinas. As glándulas pilóricas conteñen células produtoras de gastrina, chamadas células G; esta hormona estimula a produción de ácido por parte das células parietais ou oxínticas das glándulas gástricas. As células ECL, atópanse nas glándulas gástricas ou fúndicas e liberan histamina, que é tamén un estimulante da secreción de ácido. As células enterocromafíns (células EC) producen serotonina, que estimula a contracción dos músculos lisos.
A superficie da mucosa está cuberta por unha capa simple de epitelio columnar. Este epitelio comeza abruptamente no orificio do cardia, onde hai unha brusca transición co epitelio esofáxico estratificado. As células que o forman denomínanse célula mucosa superficial, producen moco, e revisten tamén o interior das foveolas gástricas. Nas glándulas gástricas ou fúndicas atopamos células produtoras de moco similares chamadas células mucosas do colo (hai unha transición coas células mucosas superficiais), células parietais ou oxínticas produtoras de ácido clorhídrico, e células principais ou cimoxénicas, produtoras de pepsinóxeno (precursor do encima pepsina), xunto con algunhas células endócrinas. As células mucosas superficiais do fundus do estómago e da zona pilórica teñen unha importante concentración de iodo creada polo simportador de sodio-ioduro.[2][3]
A lámina propia está formada por tecido conxuntivo situado nos espazos entre as glándulas gástricas, e entre estas e a muscularis mucosae. Está formada por fibras coláenas e reticulares, fibroblastos e algúns leucocitos. Na zona pilórica pode haber na lámina propia células musculares lisas e pequenas cantidades de tecido linfoide.[1]
A última capa da mucosa, antes de dar paso á submucosa, é a capa muscular da mucosa (muscularis mucosae), formada por fibras de músculo liso, que forman unha capa circular (interna) e outra lonxitudinal (externa), e ás veces hai outra capa circular adicional (na posición máis externa). Algunhas fibras chegan á lámina propia entre as glándulas. Cando se contraen estes músculos comprímese a mucosa.[1] Nas lesións da parede estomacal, se estas non chegan á muscularis mucosa denomínanse erosións, pero se a lesión é máis profunda e chega a ela denomínase úlcera.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.