From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha Falla o Monumento Falleiro é un monumento artístico, satírico, xeralmente de grandes dimensións (entre tres e vinte metros de altura) de figuras ou ninots (bonecos), ao redor dunha ou máis figuras centrais (chamadas remat) que se plantan nas rúas durante as festas das Fallas. O monumento ten xeralmente un lema e atópase cheo de carteis por todo arredor en versos, frases e reclamos de carácter xocoso, provocando as gargalladas do espectador.
O monumento está erixido de materiais combustíbeis (coma o cartón, madeira, papel e telas) pera que, logo duns días de exposición nas rúas, se poidan prender e queimar completamente.
No catalán medieval, a verba falla servía para nomear os fachos que se colocaban no alto das torres de vixía. Deriva do latín facula. No Llibre dels Fets (a primeira das catro grandes crónicas de Jaume I), cítase que as tropas do Rei Jaume, levaban falles para alumear.
A orixe material do monumento falleiro foi a queima de residuos dos obradores carpinteiros e dos domicilios particulares. É dicir, unha mestura dunha festa gremial e popular. De xeito que decotío eran os nenos, os cales facían a arreplega (recollida) de elementos coma cadeiras de espadana, móbeis vellos ou estores de esparto, como di a famosa canción popular "El Faller": Hi ha una estoreta velleta pa' la falla de Sant Josep? (Hai unha alfombriña velliña "pra" falla de San Xosé?) á véspera da festa de San Xosé (Sant Josep), patrón do gremio da madeira.
Até aquí a festa das fallas non era moi diferente das Cacharelas de Alacant, as Fogueiras de San Xoán que se fan arredor de Europa ou as Cacharelas de Sant Antoni, moi típicas tamén das terras valencianas.
A especificidade das fallas parte do feito de que é unha festa de veciñanza, que os propios veciños aproveitaron para facer crítica uns dos outros. Foi a creación dos primeiros ninots, moi rudimentarios, con carteis escritos, cunha fin burlesca e satírica. Decotío estas críticas chegaban ao poder municipal, á igrexa ou ao estado. Poderiamos encontrar un entroncamento cos versos que o pobo romano enganchaba ao Paschino ou a outras esculturas de Roma.
Esta etapa vai dende o comezo, incerto, até as últimas décadas do século XIX. Os ninots estaban feitos de desproveitos, papel, madeira e cartón. É durante o cambio de século cando aparecen os primeiros bonecos feitos con corpo de roupa e coa cabeza e mans feitos de cera. A súa elaboración tiña moito máis traballo, podemos dicir que nace a figura do artista falleiro. Esta etapa chega até os anos 1920-1930. Neste momento hai unha transformación da festa, coa aparición das figuras de molde de cartón.
Esta técnica permitiu levantar monumentos máis altos e chega practicamente até os nosos días, onde aínda se realiza, especialmente para os ninots máis pequenos e as fallas de menos orzamento. Unha vantaxe e á vez inconveniente da técnica do molde é a posibilidade de facer indefinidamente o mesmo boneco. Polo tanto as fallas de máis orzamento facían moldes orixinais cada ano, que aproveitaban, a menor prezo as outras os anos vindeiros, perdendo parte da graza e a novidade. Mais este método de traballo permitiu o profesionalismo do artista, e a súa dedicación completa a este oficio.
Finalmente, a partir dos anos 90 do século XX apareceu a técnica do polistireno expandido ou poliexpán. Polo seu menor peso, que permite máis altitude nos monumentos, obriga a unha maior innovación nos deseños.
Coma os monumentos poden ser de grande altura (decotío máis de 10 metros), é necesario unha elaborada técnica para construílos. A primeira cousa que facer é a elaboración duns bosquexos e se cadra dunha maqueta a escala, que ha de ser aprobada pola comisión falleira que paga ao artista falleiro.
A estrutura (estada) constrúese de madeira e logo utilízanse todo tipo de materiais (cartón, cera, tela, ...). Aínda que hai anos que se chegaba a utilizar tela metálica, actualmente estes materiais están prohibidos pola Xunta Central Falleira. Os ninots constrúense tradicionalmente a partir de moldes, que se fan xeralmente de xeso, énchense de pasta de papel, que logo de enxugar píntanse.
Mais hoxe en día, por comodidade e facilidade de manexo, utilízanse novos materiais, coma o polexpán, a recina ou a fibra de vidro. Estes novos materiais fan que os monumentos sexan máis lixeiros e os artistas falleiros se poidan arriscar a crear formas atrevidas e innovadoras.
Moitas persoas critican os novos materiais aos que a xente chama cortiza branca (suro blanc en valenciano) polo feito de que o fume negro que ocasionan durante a queima do monumento non deixa ver ben a combustión. Tamén se critica a contaminación que producen estes novos materiais en contra dunha suposta máis feble contaminación dos materiais tradicionais. Na Universidade Politécnica de Valencia fíxose un estudo no que semella ser demostrado que é máis ben ao contrario, a cortiza branca contamina menos que os materiais tradicionais. O estudoso de Fallas Manuel Sanchis Ambrós fixo un estudo no que aseguraba que se ben a combustión da cortiza é moito máis calórica, a combustión da madeira e dos materiais líquidos que leva facer unha estrutura de madeira é dabondo máis contaminante.[1]
Tamén están os refritos. Adóitase pensar que cos novos materiais sería máis difícil copiar patróns e modelos dado que non hai moldes. Iso demostrouse que non é certo senón que ademais agora é máis sinxelo copiar xa que os moldes son dixitais e cada artista garda os seus no seu ordenador e pode agrandalos ou facelos pequenos facilmente. Así téñense visto fallas como a do Concello reproducida o ano seguinte en pequeno.
Durante os anos oitenta sobre todo a falla da Plaça de l'Ajuntament (antes coñecida coma do País Valenciano) inseriu unha serie de trocos experimentais. O artista Manolo Martín contou coa colaboración do debuxante de banda deseñada Sento Llobell e do deseñador Francis Montesinos o cal vestía os ninots. Desta época lémbranse fallas como a que reproducía a faciana do consistorio valenciano ou a grúa que escavaba o terreo e atopaba milleiros de cousas.[2]
Aínda que non hai un xeito concreto de facer unha falla tradicionalmente divídense nas escenas que se atopan abaixo de todo, e que representan diversas situacións xeralmente críticas con algún acontecemento. Un cartel con algunha rima en valenciano conta a temática. O remate adoita ser unha figura grande que se atopa no centro do monumento e que representa a temática xeral da falla.
As fallas de sección especial, a sección máis importante, non seguen este patrón ao pé da letra e adoitan ter máis dun remate.
A temática das fallas variou ao longo da historia.
Nun comezo servían para criticar feitos que ocorrían nos barrios ou temas de marcado carácter local. Mais pouco a pouco e de vez en cando de agochadas comezaron a criticar personaxes de relevancia local. Dende a transición as Fallas tocaron temáticas máis globais e acaban criticando temas da política e a sociedade local, autonómica, estatal e global. Aínda así abundan as fallas que adican as súas críticas a temas banais como a televisión, os famosos etc.
Cada comisión falleira planta unha falla grande e unha falla infantil. Esta última ten reducidas dimensións e os ninots son máis pequeniños, adícase a temas infantís, onde a sátira e a ironía son menos agudas.
Os monumentos falleiros reciben diferentes premios segundo a categoría da falla e a temática. O Premio máis prezado de tódalas categorías é o Primeiro Premio de tódalas Seccións. Os premios máis prezados en cada sección son o primeiro de sección, o primeiro de enxeño e graza e o de falla alternativa. Ademais a Generalitat Valenciana, a Deputación de Valencia, as Fogueiras de Alacant e a Xunta Xestora da Madalena e outras entidades privadas tamén dan os seus propios premios decotío dotados dunha cantidade económica.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.