From Wikipedia, the free encyclopedia
O monte da Madroa é un monte que se atopa no lugar da Madroa, na parroquia de Candeán, no concello de Vigo.
Neste monte atópanse pegadas de asentamentos prehistóricos, como petróglifos e dolmens. Este campo megalítico conta cun gran número de túmulos, dos que o máis grande, coñecido coma A Casa dos Mouros[1], acada un diámetro de vinte metros e unha altura de 3,5 m; é posíbel que formaran parte dunha gran necrópole emprazada nas proximidades de Redondela.[2] Así mesmo, existen restos dunha vella construción medieval defensiva, coñecida como A Torre.[Cómpre referencia].
Tamén sobresae o miradoiro da Madroa, duns 250 m de altitude, desde o que se poden apreciar panorámicas da totalidade da ría de Vigo, a ponte de Rande, o casco urbano e as illas Cíes. Á beira do miradoiro sitúase unha área con merendoiro cun quiosco e áreas para facer lume.[2] Dentro da flora do parque destacan o piñeiro marítimo e acacia negra xunto coa reintrodución de especies de frondosas autóctonas (carballos, salgueiros, bidueiros, castiñeiros etc.).[2] Ademais, tamén se encontra nel o parque forestal do Vixiador, dependente do concello de Vigo, de máis de 15 hectáreas e cunha grande diversidade de especies de flora e fauna.[2]
Nas abas do monte da Madroa atópanse o zoolóxico de Vigo (único de Galiza con máis de 600 animais) e as instalacións deportivas auxiliares do Celta de Vigo.
Nas últimas décadas o monte sufriu varias perforacións para construír dúas importantes infraestruturas: os túneles para a autoestrada AP-9 e, máis recentemente, o túnel das Maceiras para o paso das vías do ferrocarril do eixe atlántico de alta velocidade que dá acceso desde Redondela á nova estación de Vigo-Urzáiz.[3][3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.