antiga moeda sueca de cobre From Wikipedia, the free encyclopedia
As moedas-placa de cobre (en sueco: plåtmynt) eran unhas moedas de cobre a modo de grosas placas de forma cuadrangular e de gran tamaño empregadas en Suecia entre 1644 e 1776. Contaban cuns selos, xeralmente redondos, cuñados no centro e nas súas esquinas, co seu contravalor en moeda de prata.[1][2][3]
As máis grandes pesaban arredor dos 19 quilogramos e tiñan o valor de dez daler de prata.[4]
Suecia foi o maior produtor de cobre de Europa; a mediados do sécullo XVII producía 3.000 toneladas deste metal ao ano, o que supuña a metade da produción mundial. As moedas-placa de cobre foron introducidas neste país porque as súas reservas de prata eran moi escasas, máxime tendo en conta que Suecia tivo que pagar a Dinamarca indemnizacións por enfrontamentos bélicos con este metal.[5] As moedas-placa de cobre, en función do seu peso, amosaban o seu valor equivalente en moeda de prata: medio, un, dous, catro, oito e dez dalers. No entanto, a cantidade de cobre utilizada nestas placas foi diminuíndo co tempo, aínda que conservaban a mesma equivalencia nominal coa moeda de prata.[6]
Un dos principais polos de produción de cobre en Suecia era a mina de Falun, na cidade mineira de Avesta.[5] A maior parte das moedas placa de cobre foron producidas e estampadas nesta cidade, que ata 1674 fora a única ceca de Suecia que cuñaba cobre, aínda que tamén se fixeron nas cecas de Garpenberg, Svappavaara, Ljusneda, e nas minas Gustafsberg, en Jämtland. Nalgunhas destas cecas alternábase a produción de placas coa de moedas convencionais.[7]
No século XVII produciuse en Suecia unha sobreprodución de cobre e as autoridades viron na produción de moedas-placa un método para lle dar saída a este exceso de produción. En 1660 estableceuse en Estocolmo o primeiro banco do país, o Stockholms Banco, que fixo emisións de billetes de depósito contra importantes existencias de placas de cobre, o que fixo que Suecia se considere o primeiro país europeo en emitir papel moeda. O motivo do nacemento destes billetes viuse favorecido pola incomodidade que supuña o uso cotian de pezas de semellante tamaño e peso.[8][9][10]
O uso de tanta cantidade de cobre en circulación provocou o aumento da demanda deste metal e a conseguinte subida do seu prezo. No artigo de Leo Ääri en Turun Sanomien cualifícanse as moedas-placa como unha "enxeñosa invención" dos produtores de cobre.[5]
O derradeiro ano de produción de moedas-placa de cobre que se coñece é 1768, en 1777 a súa emisión deixou de ter recoñecemento legal.[5] Logo da desmonetización das moedas-placa, unha compañía danesa de comercio coas Indias Orientais enviou grandes cantidades delas á India para a súa reconversión en moedas tradicionais.[11]
Aínda que o uso de moedas-placa de cobre se considera algo característico da numismática sueca, esta experiencia serviu como modelo para algúns intentos en Rusia (1725-1727)[12] e en Dinamarca no século XVIII.[10][13] Tamén se utilizaron moedas-placa de cobre na Pomerania sueca, ao norte de Alemaña, aínda que os exemplares producidos na cidade de Wismar (1715) se consideran como diñeiro de emerxencia de uso temporal.[13]
Estímase que se converteron en moedas-placa 44.000 toneladas de cobre, cun valor nominal total de 42 millóns de daler.
Os valores emitidos comunmente en moedas-placa de cobre foron os de medio, un, dous, catro e oito daler, e ocasionalmente producíronse placas de tres, de cico e de dez daler. As de oito e as de dez daler tiñan forma rectangular, en tanto que as restantes eran cadradas. É frecuente que as súas esquinas se recortasen, para axustar o seu peso.[14]
Unha gran parte das moedas-placa de cobre hoxe coñecidas procede do barco Nicobar, afundido fronte ás costas surafricanas o 11 de xullo de 1783, cando facía a ruta ata a posesión dinamarquesa de Tranquebar, na India, a onde levaba o cobre para o converter alí en moeda tradicional, logo da desmonetización das moedas-placa na reforma monetaria de 1777. Foi un grupo de pescadores locais o que descubriu os restos do naufraxio en 1987.[15][11][16]
Nos restos do Nicobar acháronse 5.183 destas placas, cun peso total de máis de oito toneladas. O cobre e o ferro que apareceron nel eran produtos moi cobizados na India, polo que as moedas-placa eran levadas alí con propósito comercial e, aproveitando o seu peso, dispúñanse nas partes máis baixas das adegas para lle dar estabilidade ao barco durante a travesía. Noutro naufraxio atopado en 1975 fronte ás costas inglesas na desembocadura do Támese apreciouse unha disposición simnilar das moedas-placa atopadas no seu interior.[13][15][16]
Antes da descuberta dos restos do Nicobar coñecíase a existencia de arredor de 12.000 moedas-placa, polo que case un terzo das que hoxe se conservan proceden dese naufraxio. Porén, é destacable que todas as placas desta procedencia se corresponden cos valores inferiores da serie, entre medio e catro daler de prata. [15][16]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.