From Wikipedia, the free encyclopedia
Michael Andreas Helmut Ende, nado en Garmisch-Partenkirchen, Baviera, RFA o 12 de novembro de 1929 e finado en Stuttgart, na Alemaña reunificada, o 28 de agosto de 1995, foi un escritor alemán. As súas obras foron traducidas a máis de 40 linguas con vendas de máis de 35 millóns de exemplares.[1]
Foi o fillo único do pintor surrealista Edgar Ende e a fisioterapeuta e despois tamén pintora Luise Bartholomä. Segundo Michael Ende, o pai fora marcado polos nazis como "artista dexenerado"[2] e era ela a que sostiña economicamente á familia.[3] Os seus pais estaban separados desde 1953, o pai morreu en 1965 e a nai en 1973, aos 81 anos.[4]
Sendo estudante participou na agrupación anti-nazi "Frente Libre Bávaro", pero debeu suspender os estudos para servir no exército alemán da RFA. Tempo despois mudouse coa súa familia a un barrio de artistas en Múnic, o que lle supuxo unha grande influencia. En 1947 entrou na escola Waldorf, seguidora da liña antroposófica creada polo filósofo Rudolf Steiner en Stuttgart.[5] En 1948 entra na Escola de Teatro de Cámara, de Otto Falckenberg, en Múnic.
Comezou a escribir relatos de corte infantil e xuvenil a principios da década de 1950. Traballou como actor, guionista de espectáculos de cabaret e como escritor de críticas cinematográficas.
En 1964 casou coa cantante Ingeborg Hoffman, que coñecera en 1949, e coa que foi vivir a Roma. Ingeborg faleceu en 1985 debido a un cancro de pulmón, e Michael Ende casou de novo en 1989 coa xaponesa Mariko Sato, que fora a súa a súa tradutora ao xaponés.[6]
Michael Ende morreou con 65 anos, debido a un cancro de estómago que se lle diagnosticara o ano anterior.[4]
A súa obra enmárcase no xénero fantástico.
En 1947 escribiu a súa primeira obra de teatro, dedicada á matanza de Hiroshima. Ao longo da súa vida Ende viaxou catro veces ao Xapón.[6]
Logrou popularidade no seu país coa obra Jim Knopf und Lukas der Lokomotivführer ("Jim Botón e Lucas o Maquinista"), publicada en 1960, unha novela fantástica que lle supuxo o premio Deutscher Jugendbuchpreis como mellor libro alemán do ano para público infantil. En 1962 publicou a segunda parte, Jim Knopf und die Wilde 13 ("Jim Botón e os 13 salvaxes").
Momo foi publicada en 1973 con grandes dificultades, debido á dura crítica social que entraña. Foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Xuvenil.
Die unendliche Geschichte ("A historia interminable") foi publicada en 1979, e supúxolle o Premio Internacional Janusz Korczak.
Ao longo da súa vida, Ende recibiu 41 premios, entre eles o Buxtehuder Bulle (galardón dado por un xurado de nenos e adultos), o Premio Literario Europeo de Libro Xuvenil, o Nakamori do Xapón, ou o Simpatía Cidade de Roma.[7]
En 1998 inaugurouse na Bibliothek für internationale Kinder- und Jugendliteratur (Biblioteca internacional de literatura infantil e xuvenil) de Múnic o Museo Michael Ende. Nel consérvanse obras do autor en diversos idiomas, manuscritos, pinturas do seu pai, libros da súa biblioteca privada, e obxectos persoais de especial valor. Ende era un coleccionista de figuras de tartarugas feitas de toda clase de materiais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.