Remove ads
lugar da parroquia de Pastoriza, no concello de Arteixo From Wikipedia, the free encyclopedia
Meicende é un lugar da parroquia de Pastoriza, no concello coruñés de Arteixo. Segundo o padrón municipal (INE 2018) ten 3.783 habitantes (1.906 homes e 1.877 mulleres), o que supón un descenso de 40 habitantes en relación ao ano anterior.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2012.) |
Meicende | |
---|---|
Travesía de Meicende no ano 2012. | |
Parroquia | Pastoriza |
Concello | Arteixo |
Coordenadas | 43°20′44″N 8°26′54″O |
Poboación | 3.783 hab. (2018) |
[ editar datos en Wikidata ] |
A pesar da súa pertenza ao concello de Arteixo, o núcleo de Meicende atópase 7 km afastado do centro do concello, lindando xa co concello da Coruña e nas proximidades da Refinería da Coruña e da factoría de Alcoa no polígono de Agrela-Bens.
A localidade experimentou un forte crecemento demográfico no século XX como consecuencia do proceso de industrialización da periferia coruñesa que provocou que o lugar, que nos anos 1960 era unha aldea de 300 habitantes, se convertese nunha pequena vila.
Como se deriva do anteriormente exposto, a maioría da súa poboación é orixinaria doutras vilas e comarcas e, cada vez máis, doutros países (principalmente africanos, tanto do Magreb coma do Sur do Sáhara, mais tamén de Suramérica). Tamén habita na localidade unha importante comunidade de etnia xitana.
O tradicional, até hai ben pouco, sector agrícola encóntrase practicamente desaparecido ficando residualmente algunha quinta dedicada ao autoconsumo.
O sector que máis destaca é o da industria e dentro deste sector sobresae a refinaría de petróleo da Coruña, que foi inaugurada o 11 de setembro de 1964,[1] e que constituíu xunto con Alcoa (a antiga Aluminios de Galicia) o motor do crecemento da localidade. A refinaría é un dos tradicionais polos de atracción de emprego na comarca e deixou grandes cantidades de diñeiro en Meicende, ben de xeito directo a través do pago de impostos e doazóns para o acondicionamento de zonas verdes e plantación de árbores, ben de xeito indirecto coa dinamización do sector dos servizos para satisfacer as necesidades dos operarios da refinaría.
Por outro lado, a fábrica de Aluminios cumpriu un papel semellante ao da refinaría ofrecendo emprego a un importante número de persoas. A esta fábrica débese un dos elementos máis característicos do Meicende actual, a presa. A empresa aproveitou o curso dun pequeno rego para construír un encoro de auga para abastecerse das cantidades que necesitaba de dito elemento en certo momento da fase produtiva. Na actualidade a presa está en desuso e convertida nunha área de lecer.
Alén destas dúas grandes industrias, en Meicende hai outras pequenas industrias e talleres: talleres de reparación de automóbiles, carpinterías, almacéns de madeira, etc.
O sector servizos tamén ten presenza na localidade, representado principalmente pola hostalería (bares e restaurantes) e outros pequenos comercios (salóns de peiteado, librerías, un supermercado, varios ultramarinos, etc.).
Boa parte da poboación de Meicende non está empregada en empresas da localidade, senón que teñen o seu lugar de traballo noutros lugares da comarca da Coruña.
A localidade conta cunha escola pública, o Colexio Público San Xosé Obreiro de Meicende, que foi creado a mediados do século XX baixo o patrocinio dun antigo párroco de Pastoriza coñecido como Don José. Esta escola conta cunha pequena biblioteca integrada dentro da rede do concello, cun patio amplo dotado de árbores e acaneadoiros e unha pista polideportiva cuberta. No centro, o seu alumnado participa en diferentes actividades educativas e culturais.
O deporte tradicional do lugar é a chave. Este deporte popular sempre tivo grande importancia na localidade existindo varios equipos: o Borroa, Meicende, A Cunca. Estes equipos participan en competicións comarcais, destacando tamén o torneo que se celebra todos os anos coincidindo coas festas patronais de Meicende, Borroa e Nostián.
O outro deporte por antonomasia é o fútbol. O equipo da localidade é o Sporting de Meicende, que participa na liga en divisións rexionais e está vencellado á Sociedade Recreativa Deportiva e Instrutiva "La Esperanza" de Meicende. O club ten dous campos nos cales chegou a adestrar o Fabril.
No que respecta a zonas verdes e parques, a localidade carece de máis espazos con árbores por mor do impacto ecolóxico das industrias situadas nas proximidades. A principal zona verde é o paseo da presa; porén, ten que facer fronte á forte presión urbanística dos últimos anos.
Existen dúas festas principais ao longo do ano. En primeiro lugar, as festas patronais que se celebran arredor do día 15 de agosto (Santa María) e que acostuman durar catro ou cinco días. As celebracións adoitan incluír verbena (con sesión vermú incluída), torneo de chave, alboradas, torneo de fútbol, proxección dalgún filme, fogos de artificio, etc. As segundas festas coinciden co primeiro de maio, festa de San Xosé Obreiro, e son menos importantes cás anteriores, con só dous días de festexos habitualmente. Alén destas dúas datas principais, tamén se organizan nalgunha ocasión sardiñadas (sobre todo no San Xoán, acompañado de lumaradas) ou churrascadas, aínda que de menos importancia cás de agosto ou maio.
Entre a veciñanza da localidade destacan a cantautora Silvia Penide e a actriz Isabel Naveira, famosa polo seu papel na serie Mareas vivas interpretando á sobriña da alcaldesa de Portozás.
A localidade conta cun centro médico para que a poboación reciba atención sanitaria xeral e enfermería. A nivel de comunicacións, a arteria principal da localidade é a Travesía de Meicende, pola que pasa a estrada AC-452 que comunica A Coruña con Fisterra. Tamén conecta polo barrio do Petón coa AG-55, autoestrada que une A Coruña con Carballo.
Meicende dispón de conexión por autocar con Arteixo, Carballo, A Coruña e con algúns núcleos do concello e localidades da comarca de Bergantiños grazas ás liñas da empresa Autocares Vázquez, que é a que actualmente xestiona este servizo. Ademais, dende o ano 2015, a liña número 6 dos autobuses urbanos do Concello da Coruña atravesa o núcleo de Meicende realizando varias paradas.[2]
En canto a servizos, en moitas ocasións os veciños de Meicende recorren aos ofrecidos na cidade da Coruña ou directamente son atendidos por eles.
Alén das deficiencias asistenciais xa referidas anteriormente, tamén se poden sinalar outras problemáticas que afectan á localidade. En primeiro lugar, destaca o urbanismo incontrolado no que medrou Meicende. A organización das rúas é caótica e presenta abondosas mostras de feísmo.
Outra problemática destacábel é a medioambiental, a causa dos danos ocasionados polas múltiples industrias situadas na zona. A isto sumáselle a ausencia de grandes zonas verdes que poidan absorber parte desta contaminación e que puidesen ofrecer máis calidade de vida aos seus veciños. Os efectos contaminantes destas industrias veñen de lonxe. Por exemplo, algúns labregos da zona sinalan como pouco despois da instalación da fábrica de aluminios, a maioría das árbores deixaron de dar froita.
Talvez unha das referencias escritas máis antigas a esta localidade é este poema[3] que o bardo Eduardo Pondal dedicou aos campos de Meicende na súa obra Queixumes dos pinos.
Bastantes anos despois encóntrase outro testemuño literario que dá conta da enorme transformación do lugar nos últimos anos, ofrecido por Manuel Rivas na súa obra En salvaxe compaña.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.