From Wikipedia, the free encyclopedia
Nos mamíferos, as glándulas suprarrenais tamén chamadas glándulas adrenais son glándulas endócrinas que están situadas sobre a parte superior dos riles. Nos humanos a glándula suprarrenal dereita ten forma triangular e a esquerda ten forma semilunar. Son principalmente responsables da produción e liberación de hormonas en resposta ao estrés, que son corticoesteroides (por exemplo o cortisol) e catecolaminas (por exemplo, a adrenalina). As glándulas suprarrenais actúan sobre a función renal por medio da secreción da hormona aldosterona, que está implicada na regulación da osmolaridade do plasma sanguíneo.
Anatomicamente, as glándulas suprarrenais ou adrenais están localizadas no retroperitoneo na parte superior dos riles. Están rodeadas por unha cápsula adiposa e pola fascia renal. Nos humanos, as glándulas suprarrenais están ao nivel da 12ª vértebra torácica ou dorsal. Cada glándula adrenal comprende dúas partes distintas: a parte externa da glándula, que é o córtex adrenal, e a parte interna ou medula adrenal; ambas as partes producen hormonas. O córtex produce principalmente cortisol, aldosterona e menores cantidades de andróxenos e estróxenos, e a medula produce adrenalina e noradrenalina. O peso conxunto das glándulas suprarrenais é de entre 7 e 10 g nos humanos adultos.[1]
O córtex suprarrenal ou córtex adrenal ten a función de sintetizar hormonas esteroides, fundamentalmente corticosteroides (mineralocorticoides e glicocorticoides) e pequenas cantidades de andróxenos e estróxenos. Células corticais específicas producen determinadas hormonas como aldosterona, cortisol, e andróxenos como a androstenediona. En condicións normais relaxadas (sen estrés), as células das glándulas suprarrenais humanas producen o equivalente de 35–40 mg de cortisona acetato diarias.[2] A diferenza da innervación directa que ten a medula suprarrenal, o córtex está regulado por outras hormonas neuroendócrinas segregadas pola hipófise ou pituitaria, que á súa vez está baixo o control hormonal do hipotálamo e polo do sistema renina-anxiotensina.
O córtex suprarrenal comprende tres zonas ou capas. Esta zonación anatómica pode apreciarse a nivel microscópico, onde cada zona pode ser recoñecida por características distintivas estruturais e anatómicas.[3] O córtex suprarrenal mostra tamén unha zonación funcional: debido ao diferente conxunto de encimas presentes en cada parte, cada zona produce distintas hormonas.[3]
Todas as hormonas adrenocorticais se sintetizan a partir do colesterol que chega á glándula. Noutros tecidos poden orixinarse tamén hormonas esteroides, pero as reaccións que producen aldosterona e cortisol (posteriores á formación de proxesterona) só se dan fundamentalmente no córtex suprarrenal. Estas reaccións finais son:
Prodúcense na zona glomerulosa. O principal mineralocorticoide é a aldosterona. A súa secreción é regulada polo oligopéptido anxiotensina II (a anxiotensina II é regulada pola anxiotensina I, a cal á súa vez está regulada pola renina). A aldosterona segrégase en resposta aos niveis extracelulares altos de potasio, baixos de sodio, e baixos niveis de fluídos e de volume sanguíneo. Os efectos da aldosterona son:
Os glicocorticoides prodúcense na zona fasciculada. O principal nos humanos é o cortisol, e en moitos outros animais a corticosterona. A súa secreción está regulada pola hormona adrenocorticotropa (ACTH) da adenohipófise ou pituitaria anterior e esta á súa vez está controlada hormonalmente polo hipotálamo.
O cortisol potencia o metabolismo das súas células diana de diferentes modos:
Os andróxenos prodúcense na zona reticular en pequenas cantidades. Os andróxenos máis importantes son: testosterona, dihidrotestosterona (DHT), androstenediona, deshidroepiandrosterona (DHEA), e deshidroepiandrosterona sulfato (DHEA-sulfato). No córtex suprarrenal tamén se poden producir pequenas cantidades de estróxenos, polo que é unha das fontes de estróxenos dos tecidos periféricos para as mulleres menopáusicas, nas cales os ovarios xa non os producen [7].
A medula suprarrenal ou medula adrenal ocupa a parte central da glándula, e está rodeada polo córtex suprarrenal. O límite entre a zona reticular e a medula non é moi nítido nos humanos, xa que hai columnas de células do córtex que penetran algo na medula. A medula segrega aproximadamente un 20% de noradrenalina e un 80% de adrenalina.[4] As células cromafíns da medula, denominadas así pola súa característica tinguidura castaña con sales do ácido crómico, son a principal fonte do corpo das catecolaminas circulantes adrenalina (epinefrina) e noradrenalina (norepinefrina). As catecolaminas derivan do aminoácido tirosina e estas hormonas hidrosolubles son as principais hormonas que inflúen na resposta de loita ou fuxida. As células que producen noradrenalina teñen gránulos de núcleo denso rodeados de membrana, que conteñen dita hormona. As que liberan adrenalina teñen gránulos homoxéneos e menos densos. Os gránulos libéranse por exocitose [5].
Para levar a cabo a súa parte desta resposta, a medula suprarrenal recibe innervación do sistema nervioso simpático por medio de fibras preganglionares orixinadas na medula espiñal torácica de T5–T11.[8] Como está innervada por fibras de nervios preganglionares, a medula adrenal pode ser considerada como un ganglio simpático especializado.[8] As células medulares derivan da crista neural embrionaria, polo que poden considerarse neuronas modificadas. Porén, a diferenza doutros ganglios simpáticos, a medula adrenal carece de sinapses visibles e libera as súas secrecións directamente no sangue. Como o sistema nervioso autónomo exerce un control directo sobre as células cromafíns, a liberación de hormonas ten lugar moi rapidamente. En resposta a un estrés, como pode ser o exercicio ou un perigo inminente, as células da medula suprarrenal liberan catecolaminas no sangue na proporción 17:3 de adrenalina:noradrenalina.
O cortisol tamén favorece a síntese de adrenalina na medula suprarrenal. O cortisol producido no córtex chega á medula adrenal en grandes cantidades, e alí pode promover o aumento da expresión do encima feniletanolamina N-metiltransferase (PNMT), o que aumentará a síntese e secreción de adrenalina.[3]
Normalmente, hai tres arterias que irrigan cada glándula suprarrenal:
A drenaxe venosa da glándula realízana as veas suprarrenais:
As veas suprarrenais poden formar anastomoses coas veas frénicas inferiores. Como a vea suprarrenal dereita é curta e desemboca directamente na vea cava inferior é probable que dane a esta última durante a extirpación da glándula suprarrenal dereita.
As glándulas adrenais e a glándula tiroide son os órganos do corpo que teñen o maior subministración de sangue por gramo de tecido. Ata 60 arteriolas poden irrigar cada glándula suprarrenal.[9] Esta pode ser unha das razóns polas que o cáncer de pulmón con frecuencia crea metástases nas glándulas suprarrenais.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.