composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
A deshidroepiandrosterona ou DHEA [1][2][3] (tamén ás veces escrita dehidroepiandrosterona) é unha hormona esteroide endóxena de 19 carbonos [4]. É o principal produto esteroide producido polas glándulas adrenais[5] e tamén se produce nas gónadas e o cerebro, e a partir del sintetízanse outros esteroides.[6] A DHEA é o esteroide circulante máis abundante nos humanos.[7]
A DHEA está implicada en gran número de efectos fisiolóxicos nos humanos e outros animais. Actúa sobre o receptor de andróxenos tanto directamente coma por medio dos seus metabolitos, como o androstenediol e androstenediona, que poden sufrir unha transformación ulterior ao andróxeno testosterona e a estróxenos, como a estrona, estradiol, e estriol.[8] A DHEA é tamén un potente agonista do receptor sigma-1.[9] Considérase un neurosteroide.[8]
A DHEA prodúcese a partir do colesterol pola acción de dous encimas citocromo P450. O colesterol convértese primeiro en pregnenolona por acción do encima P450 scc (córtase a cadea lateral); e despois o encima CYP17A1 converte a pregnenolona en 17α-hidroxipregnenolona e despois en DHEA.[10] A DHEA convértese encimaticamente en dihidroepiandrosterona sulfato (DHEAS), que é a forma circulante predominante no sangue.
O exercicio regular incrementa a produción de DHEA no corpo.[11][12] A restrición calórica tamén se viu que incrementa a produción de DHEA nos primates.[13] Algúns teorizan que o incremento de DHEA endóxena orixinado pola restrición calórica é parcialmente responsable da maior expectativa de vida asociada coa restrición de calorías.[14]
A DHEA pode considerarse unha prohormona dos esteroides sexuais. A dihidroepiandrosterona sulfato (DHEAS) pode considerarse un tampón e un reservorio. Como a maioría da DHEA se produce na zona reticular do córtex adrenal, suxeriuse que podería xogar un papel nas respostas ao estrés e inmune.
Como case toda a DHEA se forma nas glándulas adrenais, a medición da DHEAS/DHEA sanguínea é útil para detectar o exceso de actividade adrenal como se observa en casos de cáncer adrenal ou hiperplasia, incluíndo certas formas de hiperplasia adrenal conxénita. As mulleres con síndrome de ovario poliquístico tenden a ter niveis elevados de DHEAS.[15]
A deshidroepiandrosterona sulfato (DHEAS) é a versión sulfatada da DHEA. Esta sulfatación é reversible e é catalizada por unha sulfotransferase (SULT2A1) principalmente nas adrenais, fígado, e intestino delgado. No sangue, a maioría do DHEA atópase en forma de DHEAS, xa que chega a ter niveis aproximadamente 300 veces máis grandes cós da DHEA libre. A DHEA inxerida por vía oral é convertida no seu sulfato cando pasa polos intestinos e fígado. Aínda que os niveis de DHEA chegan ao seu pico máximo nas primeiras horas da mañá, os niveis de DHEAS non mostran variacións diúrnas. Desde un punto de vista práctico, a medición da DHEAS pode ser preferible nalgúns casos á da DHEA, porque os seus niveis son máis estables.
O termo "deshidroepiandrosterona" é ambiguo quimicamente porque non inclúe as posicións específicas nas que a epiandrosterona perdeu os seus átomos de hidróxeno (por iso é deshidro). A DHEA ten varios isómeros que aparecen naturalmente que poden ter un efecto farmacolóxico similar. Algúns isómeros da DHEA son: 5-deshidroepiandrosterona (ou 5-DHEA, o máis importante), 1-deshidroepiandrosterona (1-DHEA) e 4-deshidroepiandrosterona (4-DHEA). Todos estes isómeros son tecnicamente DHEA, xa que son deshidroepiandrosteronas formadas por eliminación de hidróxenos do esqueleto da molécula de epiandrosterona.
Nas mulleres con insuficiencia adrenal e nas persoas anciás con boa saúde as evidencias son insuficientes para apoiar o uso da DHEA.[16][17]
As probas non son conclusivas en relación cos efectos da DHEA sobre a forza nos anciáns.[18]
Nos homes máis novos, a suplementación con DHEA non ten efectos estatisticamente significativos sobre a masa muscular, forza, ou niveis de testosterona nos ensaios controlados aleatorios con placebo.[19]
A suplementación con DHEA non parece ser útil para as funcións da memoria en adultos normais de mediana idade ou vellos.[20] Foi estudada tamén para o tratamento do alzhéimer, pero non se atopou evidencia de que fose efectiva.[21]
Desde o ano 2000, a suplementación con DHEA é utilizada en medicina reprodutiva en combinación con gonadotropinas para tratar a infertilidade feminina.[22]
Unha revisión de 2003 encontrou evidencias suficientes que suxerían que os baixos niveis séricos de DHEAS podían estar asociados con enfermidades cardíacas coronarias nos homes, pero os datos eran insuficientes para determinar se a suplementación con DHEA podería ser beneficiosa para o funcionamento cardiovascular.[23]
Un estudo de 1986 encontrou que un nivel alto de DHEA endóxena, determinado no estudo por unha soa medición, se correlacionaba cun menor índice de mortalidade ou de enfermidades cardiovasculares.[24] Porén, un estudo máis recente de 2006 non encontrou correlación entre os niveis de DHEA e o risco de padecer enfermidades cardiovasculares ou de mortalidade nos homes.[25] Un estudo de 2007 encontrou que a DHEA restablecía o equilibrio oxidativo en pacientes diabéticos, reducindo os niveis tisulares de pentosidina, un biomarcador de produtos da glicación avanzada.[26]
Hai algunhas evidencias de beneficios a curto prazo en pacientes de lupus eritematoso sistémico, pero poucas evidencias de beneficios a longo prazo ou da súa seguridade.[27]
Nalgúns países, como EEUU, a DHEA véndese como suplemento dietético e está especificamente excluído da Lei de Control de Esteroides Anabólicos de 1990 e 2004, pero noutros países só se pode comprar con prescrición médica.[28][29][30][31]
Nos deportes a DHEA está considerada substancia dopante. Está prohibida polo Código Antidopaxe Mundial da Axencia Antidopaxe Mundial,[32] que xestiona as probas antidopaxe dos Xogos Olímpicos e outros deportes. Desde 1999 en que se empezaron a facer probas varios xogadores de baloncesto da NBA (National Basketball Association) foron suspendidos por utilizar esta substancia.[33][34]
A 5-DHEA prodúcese naturalmente no corpo humano e ten un historial de seguridade no seu uso nos últimos 15 anos. Nun estudo de Chang et al, a 5-DHEA (ou 3β-hidroxiandrost-5-en-17-ona) foi administrada a unha dose de 200 mg/día durante 24 semanas con só lixeiros efectos androxénicos observados [35]. Outro estudo utilizou unha dose de ata 400 mg/día durante 8 semanas con poucos efectos adversos [36] . Un estudo a longo prazo con doses de 50 mg de 5-DHEA durante 12 meses informou de poucos e leves efectos secundarios.[37] Noutro estudo no que se administraba unha dose de 50 mg de 5-DHEA durante 10 meses non se informou de efectos secundarios de importancia.[38] Moitos outros estudos con doses de 25 mg e máis diarios durante 24 meses de terapia en homes, mulleres e nenos demostraron que a 5-DHEA é ben tolerada e ten numerosos efectos beneficiosos, sen que se observasen efectos secundarios adversos de importancia.
Como precursor hormonal, houbo algúns informes de efectos secundarios causados polos metabolitos hormonais da DHEA.[39][40]
Algúns estudos in vitro encontraron que a DHEA ten efectos antiproliferativos e mesmo tamén apoptóticos sobre as liñas de células canceríxenas.[41][42][43] O significado clínico disto, se o ten, é descoñecido. Niveis máis altos de DHEA e outras hormonas sexuais endóxenas están fortemente asociados cun incremento do risco de desenvolver cancro de mama en mulleres pre- e posmenopáusicas.[44][45]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.