Matthias Jakob Schleiden
botánico alemán From Wikipedia, the free encyclopedia
Matthias Jakob Schleiden, nado en Hamburgo o 5 de abril de 1804 e morto en Francoforte do Meno o 23 de xuño de 1881, foi un célebre botánico alemán autor, xunto ao seu compatriota e amigo o fisiólogo Theodor Schwann, da teoría celular.

Un ano despois de que Schleiden publicara a súa teoría celular das plantas, o Schwann estendeuna aos animais, unificando así a botánica e a zooloxía baixo unha teoría común.
Schleiden foi un dos primeiros científicos alemáns en adherirse ás teses evolucionistas de Charles Darwin.
Traxectoria
Despois de estudar dereito en Heidelberg desde 1824, en 1826 obtén o grao de doutor. Comezou a traballar como avogado en Hamburgo, pero despois dun curto período cambia e, desde 1832, estuda ciencias naturais, especialmente o que verdadeiramente o apaixonaba, a botánica, na universidade de Gotinga.
En 1835 vai a Berlín a estudar na universidade co seu tío, o botánico Johann Horkel, que o anima a estudar embrioloxía.
En Berlín traballa no laboratorio de Johannes Müller, xunto con Theodor Schwann, do que se fixo moi amigo.
Obtén o grao de doutor en filosofía (medicina) na universidade de Jena en 1839, sendo nomeado o ano seguinte profesor asociado de botánica na Facultade de Medicina desta universidade, na que foi profesor até 1862.
Despois, entre 1863 e 1864, foi profesor de antropoloxía na universidade de Dorpat, (Tartu, Estonia) e despois de 1864 profesor privado en Dresden, Darmstad, Wiesbaden e Frankfurt.
En 1844 fundou, con Carl Nägeli a Zeitschrift für wissenschaftliche Botanik.
Home de carácter polémico, burlouse dos botánicos do seu tempo, que se limitaban a nomear e describir as plantas, e en responder a preguntas de taxonomía.
Contrariamente aos botánicos da época, Schleiden utiliza principalmente o microscopio para estudar os vexetais,[1] e concibiu a idea de que estaban compostos por unidades recoñecíbeis ou células, destacando a importancia do núcleo celular, descuberto polo botánico escocés Robert Brown (1773-1858), e o seu papel na división celular.
No seu libro Beiträge zur Phytogenesis (Contribucións á fitoxénese, 1838), afirma que o crecemento das plantas se produce pola xeración de células novas que, segundo as súas especulacións, propagaríanse a partir dos núcleos celulares das vellas.
Aínda que posteriores descubrimentos mostraron o seu erro respecto ao papel do núcleo na mitose ou división celular, o seu concepto de célula como unidade estrutural común a todas as plantas, tivo o efecto de atraer a atención dos científicos cara aos procesos vitais que se producían a nivel celular.
Obra
Entre as súas publicacións destacan:
- "Einige Blicke auf die Entwicklungsgeschichte des vegetabilischen Organismus bei den Phanerogamen", in Archiv für Naturgeschichte 3, páxs. 289-320. (1837).
- "Beiträge zur Phytogenesis" in Archiv für Anatomie, Physiologie und wissenschaftliche Medicin (1838), páxs. 137-176.
- Grundzüge der wissenschaftlichen Botanik nebst einer methodologischen Einleitung als Anleitung zum Studium der Pflanze (Part 1-2) (2 volumes, 1842-1843). Leipzig: Müller.
- "Ueber die Wichtigkeit des Mikroskops in allen Zweigen der Naturwissenschaft" in Archiv der Pharmacie, eine Zeitschrift des Apotheker-Vereins in Norddeutschland, 87, páxs. 68-82, 291-310. (1844).
- Die Bedeutung der Juden für den Erhaltung und Weiderbelebung der Wissenschaften (1877).
- Die Pflanze und ihr Leben. Populäre Vorträge. Leipzig: Engelmann. (1848).
- Grundzüge der wissenschaftlichen Botanik (1861).
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.