Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Manuel Allendesalazar y Muñoz de Salazar, nado en Gernika-Lumo o 24 de agosto de 1856 e finado en Madrid o 17 de maio de 1923,[1] foi un enxeñeiro e político vasco, Presidente do Goberno de España entre 1919 e 1920, e en 1921. Foi ademais, senador, deputado, presidente do Senado e alcalde de Madrid.[2]
Foi ministro de Facenda durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo e presidente do Consello de Ministros, ministro de Instrución Pública e Belas Artes, de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas, de Gobernación, de Estado, de Fomento e de Mariña durante o reinado de Afonso XIII.
Naceu na localidade biscaíña de Gernika-Lumo. Fillo de Manuel María Allendesalazar y Loyzaga, terceiro conde de Montefuerte, e de Ángela Muñoz de Salazar y Martorell, oitava señora da vila de Villanueva de Tapia. Tras licenciarse como enxeñeiro agrónomo e impartir clases como profesor na Escola de Enxeñaría na que estudara.
Iniciou a súa carreira política no Partido Conservador con quen concorreu ás eleccións de 1884 sendo elixido deputado na Cortes pola circunscrición de Biscaia (distrito de Markina),[3] escano que volvería obter nas sucesivas eleccións celebradas até 1891.
En 1900, foi alcalde de Madrid e a partir desa data, foi ministro en varias ocasións. A primeira, entre o 6 de xullo de 1900 e o 6 de marzo de 1901, foi nomeado ministro de Facenda nun goberno de Azcárraga; posteriormente, ministro de Instrución Pública e Belas Artes entre o 6 de decembro de 1902 e o 20 de xullo de 1903 nun gabinete de Silvela; ministro de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas entre o 5 de decembro de 1903 e o 5 de decembro de 1904 nun goberno de Maura no que desenvolveu e favoreceu os proxectos de transformación do secaño en regadío; e ministro de Gobernación entre o 5 e o 16 de decembro de 1904 no mesmo goberno de Maura.
Tamén foi gobernador do Banco de España entre 1904 e 1905, e non sería novamente ministro ata que Maura o reclamou para que ocupase, entre o 25 de xaneiro de 1907 e o 16 de decembro de 1909, a carteira de ministro de Estado no chamado "goberno longo de Maura".
Tras esta etapa, Allendesalazar preferiu desempeñar cargos en empresas públicas, máis rendibles economicamente, e sería nomeado novamente gobernador do Banco de España (1919) e director de Tabacalera.
Volveu ser ministro, entre as súas dúas etapas como presidente do Consello de Ministros, nesta ocasión de forma interina, ao ocupar a carteira de ministro de Fomento, entre o 14 e o 17 de febreiro de 1920 nun gabinete de Dato, e a carteira de ministro de Mariña entre o 17 de marzo e o 5 de maio de 1920 nun goberno que el mesmo presidiría.
En 1919, Antonio Maura nomeouno presidente do Senado, e a finais do mesmo ano Afonso XIII encargoulle presidir, entre o 12 de decembro de 1919 e o 5 de maio de 1920, un novo goberno. Con todo, cando o seu sucesor no cargo, Eduardo Dato, foi asasinado o 7 de marzo de 1921, o rei volveulle a encargar a confección dun novo gabinete que se estendería entre o 13 de marzo e o 14 de agosto de 1921. Neses momentos, a Batalla de Annual provocou unha crise no goberno que acabou de modo definitivo coa súa carreira política sendo substituído polo incombustible Antonio Maura.
Estivo casado con María de los Ángeles Bernar y Llácer coa que tivo unha filla, María de la Concepción de Allendesalazar y Bernar, dama da Orde das Damas Nobres da Raíña María Luisa, que posteriormente casaría con Manuel González Hontoria.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.