O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de maio na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Inclúese algún refrán relativo á Ascensión, festividade que se celebra corenta días despois do Domingo de Resurrección. Pode caer no mes de maio ou a principios de xuño.
Tralo inverno e as chuvias de abril, o tempo permite empezar xa cos traballos no campo, que cómpre realizar con premura para a sementeira. Maio é, xa que logo, un mes de moito traballo para o labrego, e de aí as expresións estar amaiado ou andar co maio ó lombo cando un está canso e baldado. Do mesmo xeito maiola significa "preguiza", como maiolán ou maioleiro é un preguiceiro, e maiolarse ou esmaliolarse é caer rendido polo cansazo.
Pero maiola tamén significa "castaña seca", tamén chamada castaña maiola ou, simplemente, maia; o día das maiolas era o nome co que se designaba o 1º de maio, data na que se adoitaba regalar castañas ós veciños e ós pobres do lugar.
Para protexe-los campos e comezar maio libres de calquera mal, na noite do 29 de abril realizábase o ritual de alumea-las leiras.
Tamén é un costume moi común poñer na noite do último día de abril unha rama de xesta ou flor do maio nas portas das casas, nos barcos, nos coches e mais nas cortes para que non lles poida entra-lo maio nin collan o meigallo (Leiro Lois).
Nos primeiros días de maio (nalgúns lugares o día 1, noutros o 3) celébranse as festas dos Maios, festas lúdicas coas que se recibía o comezo da floración e o fin do inverno.
Na zona de Laza, os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza, adornándoa con faroliños. A esta árbore chamábana maio.
Andar co maio ó lombo: aplícase a quen está canso, desmaiado, esgotado, en referencia ós traballos do campo que hai que facer neste mes.
Carpaza de maio: unha variedade de Erica.
Folla de maio: tipo de alga (recollido en Oia, Pontevedra; Elixio Rivas Quintas).
Porca de maio: días de mal tempo que disque hai sempre a mediados de maio (Aínda non veu a porca de maio).
Ser (ou vir) como auga de maio: aplícase a algo que é moi esperado, ben recibido e chega no momento oportuno [1].
Ser [longo] coma o mes de maio: ser algo de moita dura, inacabable.