A Liga de Campións da UEFA 2006-07 foi a edición número 52 na historia desta competición. Disputouse entre xuño de 2006 e maio de 2007, coa participación inicial de 73 equipos, representantes de 49 federacións nacionais diferentes.
Datos rápidos Nome na lingua orixinal, Tipo ...
Pechar
A fase final da competición deu inicio en setembro de 2006, con 32 equipos competindo polo trofeo que defendía o FC Barcelona, trala súa vitoria na edición 2005-06. O campión final do torneo foi AC Milan, despois de derrotar ao Liverpool FC na final, disputada o 23 de maio no Estadio Olímpico de Atenas, mercé a dous goles do seu dianteiro Filippo Inzaghi, para acabar cun resultado final de 2-1. Para os italianos supuxo a súa sétima conquista da máxima competición europea, quedando a dous títulos do Real Madrid, que acumulaba un total de nove.
O partido final disputouse o 23 de maio, no Estadio Olímpico de Atenas, o Spyros Louis. Os dous equipos que a disputaron, Liverpool FC e AC Milán, eran dous dos grandes dominadores da competición ao longo da súa historia. Ámbolos dous eran os equipos máis laureados, por detrás do Real Madrid, con cinco e seis títulos respectivamente, antes da disputa do encontro. O AC Milán xa sabía o que era acadar o título de campión na capital grega, pois trece anos antes vencera no mesmo estadio por 0-4 ao FC Barcelona. Porén, facía só dúas temporadas que perdera outra final xustamente contra o Liverpool FC, caendo na quenda de penaltis despois de empatar a tres goles no tempo regulamentario.
Finalmente o AC Milán, acabou impoñéndose ó Liverpool FC por 2 goles a 1, con 2 goles de Filippo Inzaghi a prol do AC Milán no minutos 45 e 82, e un gol de Dirk Kuyt a prol do Liverpool FC no minuto 89.
Deste xeito o AC Milán acadou por sétima vez na súa historia o título de campión de Europa.