From Wikipedia, the free encyclopedia
Leonor de Aquitania (en francés Aliénor d’Aquitaine ou Éléonore de Guyenne; en inglés Eleanor of Aquitaine), nada contra 1122 ou 1124 en Belin ou en Bordeos[1] [2] (Ducado de Aquitania) e finada o 31 de marzo ou o 1 de abril de 1204[3] en Poitiers,[4] [5] e non na Abadía de Fontevraud, como se cita en moitos textos,[6] [7] foi condesa de Poitiers, duquesa de Aquitania e Güiena, duquesa de Gascuña por dereito propio, así como raíña consorte de Francia e raíña consorte de Inglaterra. Foi a nai de Ricardo Corazón de León e de Xoán sen Terra. Durante o seu primeiro matrimonio participou na Segunda Cruzada e, á súa volta da Terra Santa, Leonor desempeñou un importante papel na política da Europa Occidental.
Nada no 1122, Leonor foi descendente dos nobres gobernantes do gran territorio de Aquitania, situado ó sur de Francia. A pequena Leonor creceu baixo o amparo de titores que a dotaron do amor polas belas artes e de inmediato mostrou dotes para a música e as linguas[8].
Os quince anos, finou o seu pai Guillerme X de Poitiers e Leonor herdou o ducado de Aquitania, moi ansiado por Francia. A causa disto, a solución máis razoable foi a de ligar ambas as liñaxes e quedou deste xeito ligado o futuro de Leonor ó do futuro Lois VII de Francia. A voda tivo lugar o 25 de xullo de 1137 en Bordeos e como era de costume na época, as celebracións duraron varios días. A parella estivo no palacio de l'Ombrière, preto de Bordeos ata a súa partida á París. A noite de vodas, os noivos foron coroados duques de Aquitania na catedral de Saint Pierre de Poitiers.[9]. Nese mesmo ano ascenderon ó trono francés, tras a morte do rei Lois VI.
No ano 1145, Leonor de Aquitania tivo a súa primeira filla, María, futura condesa de Champaña. As tensións entre a parella comezaron moi cedo, cando a raíña apoiou o matrimonio ilexítimo da súa irmá Petronila co conde Raúl I de Vermandois, mentres que o rei enviaba o seu irmán Roberto a invadir o condado como castigo pola bigamia do conde.
Leonor convenceu o seu marido de participar na Segunda Cruzada (1147-1149). Antes da partida promoveu torneos para recadar recursos, recolleu doazóns e foi a todas as abadías a pedir a bendición. Acompañou o seu marido na expedición, así como outras damas da nobreza, máis ela, contaba co título de líder feudal do exército de Aquitania en pé de igualdade con outros dirixentes.
Durante a expedición, as diferenzas entre Leonor e Lois creceron pois mentres que Leonor desexaba a loita para reconquistar o condado de Edessa, que pertencía ó seu irmán Raimundo de Tolosa, Lois consideraba máis importante acadar Xerusalén. A discusión rematou cunha rebelión por parte dos cabaleiros de Aquitania, e o exército quedou dividido.
No 1149, Lois e Leonor regresan a Europa, pasando por Roma onde Uxío III promoveu a súa reconciliación. A segunda filla do matrimonio, Alicia Capeto, naceu pouco despois, pero a relación xa estaba esgotada. No 1152 o matrimonio é anulado por consanguinidade e Leonor recuperou o control dos seus territorios.
O 18 de maio de 1152, Leonor casou na catedral de Santo André de Bordeos co que sería o rei Henrique II de Inglaterra, unindo os seus dominios en Francia cos que xa posuía o seu novo marido (Anjou, Maine e Normandía alén de Inglaterra e Gales). Deste xeito formábase o chamado Imperio anxevino, no cal os reis de Inglaterra sendo vasalos do rei de Francia, controlaban un territorio oito veces maior ó controlado por Lois VII.
Deste matrimonio naceron oito fillos, cinco homes e tres mulleres. Na súa corte, establecida principalmente en Poitiers, tivo un grande auxe a literatura cabaleiresca, sendo mecenas de moitos trobadores. A existencia dunha amante do seu marido provocou o enfrontamento entre Leonor e Henrique, e a partir de 1173 Leonor promoveu a rebelión de tres dos fillos do rei contra o seu pai. Tras reprimir a rebelión, Henrique encarcerou a Leonor, primeiro en Chinon e máis tarde en Salisbury, onde permaneceu en arresto ata a morte de Henrique en 1189.
Á morte de Henrique II de Inglaterra o 6 de xullo de 1189, Leonor foi liberada por orde do novo rei, o seu fillo Ricardo Corazón de León. Viaxou por toda Inglaterra e liberou os prisioneiros do antigo rei ós que mandou xurar fidelidade a Ricardo. Ela gobernou no seu nome ata comezos de 1191[11]. Cando Ricardo partiu á Terra Santa durante a Terceira Cruzada, Leonor vai buscar a Berenguela de Navarra e condúcea en pleno inverno ata Messine, onde Ricardo se dirixía para partir cara a Terra Santa[12]. Acadárono o 30 de marzo e a voda celebrouse o 16 de maio.
Cando Ricardo Corazón de León volvía da cruzada, foi capturado en Austria. Leonor, indignada pola falta de reacción por parte do Papa (quen protexía normalmente os cruzados), escríbelle para recriminarlle a súa actitude e pedirlle axuda para rescatar o seu fillo. Ela mesma foi quen entregou o rescate a Henrique VI, fillo de Frederico I Barbarroxa no inverno de 1193.[13].
No 1200, con oitenta anos, dá mostras dunha gran fortaleza cando decide viaxar cara a Castela, cruzando os Pireneos para escoller entre as súas netas, as infantas de Castela - fillas da súa filla Leonor e de Afonso VIII de Castela- a que sería a esposa do fillo de Filipe II de Francia, o futuro Lois VIII. A escollida foi Branca, unha das máis célebres raíñas de Francia, rexente do reino en tres ocasións e modelo de virtude e habilidade política.
Leonor de Aquitania finou o 1 de abril de 1204 en Fontevrault ós 82 anos. Foi sepultada alí mesmo co seu esposo Henrique II e co seu fillo Ricardo Corazón de León.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.