Aliénor de Aquitania
From Wikipedia, the free encyclopedia
Aliénor de Aquitania[1] ou Lionor de Aquitania (en francés Aliénor d’Aquitaine ou Éléonore de Guyenne; en inglés Eleanor of Aquitaine), nada contra 1122 ou 1124 en Belin ou en Bordeos[2][3] (Ducado de Aquitania) e finada o 31 de marzo ou o 1 de abril de 1204[4] en Poitiers,[5] [6] e non na Abadía de Fontevraud, como se cita en moitos textos,[7][8] foi condesa de Poitiers, duquesa de Aquitania e Güiena, duquesa de Gascuña por dereito propio, así como raíña consorte de Francia e raíña consorte de Inglaterra. Foi a nai de Ricardo Corazón de León e de Xoán sen Terra. Durante o seu primeiro matrimonio participou na Segunda Cruzada e, á súa volta da Terra Santa, Aliénor desempeñou un importante papel na política da Europa Occidental.

Traxectoria
Primeiros anos
Nada no 1122, Aliénor foi descendente dos nobres gobernantes do gran territorio de Aquitania, situado ó sur de Francia. A pequena Aliénor creceu baixo o amparo de titores que a dotaron do amor polas belas artes e de inmediato mostrou dotes para a música e as linguas[9].
Os quince anos, finou o seu pai Guillerme X de Poitiers e Aliénor herdou o ducado de Aquitania, moi ansiado por Francia. A causa disto, a solución máis razoable foi a de ligar ambas as liñaxes e quedou deste xeito ligado o futuro de Aliénor ó do futuro Lois VII de Francia. A voda tivo lugar o 25 de xullo de 1137 en Bordeos e como era de costume na época, as celebracións duraron varios días. A parella estivo no palacio de l'Ombrière, preto de Bordeos ata a súa partida á París. A noite de vodas, os noivos foron coroados duques de Aquitania na catedral de Saint Pierre de Poitiers.[10]. Nese mesmo ano ascenderon ó trono francés, tras a morte do rei Lois VI.
Raíña de Francia
No ano 1145, Aliénor de Aquitania tivo a súa primeira filla, María, futura condesa de Champaña. As tensións entre a parella comezaron moi cedo, cando a raíña apoiou o matrimonio ilexítimo da súa irmá Petronila co conde Raúl I de Vermandois, mentres que o rei enviaba o seu irmán Roberto a invadir o condado como castigo pola bigamia do conde.
Aliénor convenceu o seu marido de participar na Segunda Cruzada (1147-1149). Antes da partida promoveu torneos para recadar recursos, recolleu doazóns e foi a todas as abadías a pedir a bendición. Acompañou o seu marido na expedición, así como outras damas da nobreza, máis ela, contaba co título de líder feudal do exército de Aquitania en pé de igualdade con outros dirixentes.
Durante a expedición, as diferenzas entre Aliénor e Lois creceron pois mentres que Aliénor desexaba a loita para reconquistar o condado de Edessa, que pertencía ó seu irmán Raimundo de Tolosa, Lois consideraba máis importante acadar Xerusalén. A discusión rematou cunha rebelión por parte dos cabaleiros de Aquitania, e o exército quedou dividido.
No 1149, Lois e Aliénor regresan a Europa, pasando por Roma onde Uxío III promoveu a súa reconciliación. A segunda filla do matrimonio, Alicia Capeto, naceu pouco despois, pero a relación xa estaba esgotada. No 1152 o matrimonio é anulado por consanguinidade e Aliénor recuperou o control dos seus territorios.
Raíña de Inglaterra

O 18 de maio de 1152, Aliénor casou na catedral de Santo André de Bordeos co que sería o rei Henrique II de Inglaterra, unindo os seus dominios en Francia cos que xa posuía o seu novo marido (Anjou, Maine e Normandía alén de Inglaterra e Gales). Deste xeito formábase o chamado Imperio anxevino, no cal os reis de Inglaterra sendo vasalos do rei de Francia, controlaban un territorio oito veces maior ó controlado por Lois VII.
Deste matrimonio naceron oito fillos, cinco homes e tres mulleres. Na súa corte, establecida principalmente en Poitiers, tivo un grande auxe a literatura cabaleiresca, sendo mecenas de moitos trobadores. A existencia dunha amante do seu marido provocou o enfrontamento entre Aliénor e Henrique, e a partir de 1173 Aliénor promoveu a rebelión de tres dos fillos do rei contra o seu pai. Tras reprimir a rebelión, Henrique encarcerou a Aliénor primeiro en Chinon e máis tarde en Salisbury, onde permaneceu en arresto ata a morte de Henrique en 1189.
Viúva
Á morte de Henrique II de Inglaterra o 6 de xullo de 1189, Aliénor foi liberada por orde do novo rei, o seu fillo Ricardo Corazón de León. Viaxou por toda Inglaterra e liberou os prisioneiros do antigo rei ós que mandou xurar fidelidade a Ricardo. Ela gobernou no seu nome ata comezos de 1191[12]. Cando Ricardo partiu á Terra Santa durante a Terceira Cruzada, Aliénor vai buscar a Berenguela de Navarra e condúcea en pleno inverno ata Messine, onde Ricardo se dirixía para partir cara a Terra Santa[13]. Acadárono o 30 de marzo e a voda celebrouse o 16 de maio.
Cando Ricardo Corazón de León volvía da cruzada, foi capturado en Austria. Aliénor, indignada pola falta de reacción por parte do Papa (quen protexía normalmente os cruzados), escríbelle para recriminarlle a súa actitude e pedirlle axuda para rescatar o seu fillo. Ela mesma foi quen entregou o rescate a Henrique VI, fillo de Frederico I Barbarroxa no inverno de 1193.[14].
No 1200, con oitenta anos, dá mostras dunha gran fortaleza cando decide viaxar cara a Castela, cruzando os Pireneos para escoller entre as súas netas, as infantas de Castela - fillas da súa filla Aliénor e de Afonso VIII de Castela- a que sería a esposa do fillo de Filipe II de Francia, o futuro Lois VIII. A escollida foi Branca, unha das máis célebres raíñas de Francia, rexente do reino en tres ocasións e modelo de virtude e habilidade política.
Aliénor de Aquitania finou o 1 de abril de 1204 en Fontevrault ós 82 anos. Foi sepultada alí mesmo co seu esposo Henrique II e co seu fillo Ricardo Corazón de León.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.