Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O leite humano ou leite materno humano é o leite producido polas glándulas mamarias da muller para a alimentación inicial dos seus fillos. O leite é a primeira forma de nutrición do neonato nos mamíferos antes de que poida comer e dixerir outros alimentos. Acéptase de forma xeral que a lactación ten unha serie de beneficios para a saúde do meniño e a nai.[1][2]
Baixo a influencia das hormonas prolactina e oxitocina, as mulleres producen leite despois de que se produce o nacemento do bebé. O leite producido inicialmente denomínase costro, o cal contén un nivel elevado de inmunoglobulina A (IgA), que cubrirá o tracto gastrointestinal do neno. Isto axuda a protexer ao neonato ata que o seu propio sistema inmunitario funcione plenamente, e crea un suave efecto laxante, que expulsa o meconio e axuda a impedir a acumulación de bilirrubina (un factor que contribuiría á ictericia).
A verdadeira incapacidade de producir leite dabondo para alimentar ao neno é rara, e os estudos de nais de países subdesenvolvidos que estaban pasando un período de escaseza nutricional mostran que malia todo producían cantidades de leite de calidade similar ao das nais de países desenvolvidos.[3] Porén, hai moitas razóns polas cales unha nai pode non producir leite suficiente. A máis común é que o meniño non conecta eficientemente coa mamila e non succiona o suficiente como para facer saír o leite, e outras son certas medicacións (como os contraceptivos con estróxenos), enfermidades e deshidratación. Unha razón máis rara é a síndrome de Sheehan, tamén chamada hipopituitarismo posparto, que está asociada cunha deficiencia de prolactina, e que pode requirir a administración de hormonas.
A cantidade de leite producido depende da frecuencia coa que a nai dá o peito (e/ou bombea leite para almacenalo); canto máis aleite a nai ao meniño (ou bombee leite), máis leite producirá.[4][5][6]
Graxas | |
total (g/100 mL) | 4,2 |
ácidos graxos de 8C (% ) | trazas |
ácidos graxos insaturados (%) | 14 |
Proteína (g/100 mL) | |
total | 1,1 |
caseína 0,4 | 0,3 |
α-lactoalbumina | 0,3 |
lactoferrina (apo-lactoferrina) | 0,2 |
IgA | 0,1 |
IgG | 0,001 |
lisozima | 0,05 |
albumina sérica | 0,05 |
ß-lactoglobulina | - |
Carbohidratos (g/100 mL) | |
lactosa | 7 |
oligosacáridos | 0,5 |
Minerais (g/100 mL) | |
calcio | 0,03 |
fósforo | 0,014 |
sodio | 0,015 |
potasio | 0,055 |
cloro | 0,043 |
Se faltan os nutrientes procedentes dos alimentos, estes poden obterse dos depósitos almacenados no corpo da nai para producir o leite, pero aínda así, a composición exacta do leite materno varía dun día para outro, dependendo da composición dos alimentos comidos e do ambiente, o que significa que a proporción de auga e graxas flutúa.
Durante os primeiros días despois do parto, a nai produce costro. Este é un fluído amarelado pouco denso, que é o mesmo fluído que ás veces gotea dos peitos durante o embarazo. É rico en proteínas e anticorpos que proporcionan unha inmunidade pasiva ao meniño, xa que o seu sistema inmunitario non está desenvolvido no momento do nacemento. O costro tamén axuda ao aparato dixestivo do neonato a crecer e funcionar debidamente.
O costro cambia gradualmente ata converterse no leite maduro. Nos primeiros 3-4 días o leite aparece pouco espeso e acuoso e sabe moi doce, e máis tarde farase máis espeso e cremoso. O leite humano apaga a sede e fame do meniño e fornece as proteínas, azucres, minerais, e anticorpos que precisa.
Nas décadas de 1980 e 1990 era frecuente que os profesionais da lactación fixesen a diferenciación entre o primeiro leite e o leite do final durante unha sesión de lactación. Pero esta diferenciación causa confusión, xa que non hai dous tipos de leite. En realidade, a medida que o bebé se aleita o contido de graxa do leite aumenta gradualmente, polo que o leite se fai cada vez máis graxo.[8]
O nivel de inmunoglobulinas A (IgA) no leite humano mantense alto desde o día 10 ata polo menos 7,5 meses despois do parto.[9]
O leite humano contén de 0,8% a 0,9% de proteínas, 4,5% de graxas, 7,1% de carbohidratos, e 0,2% de minerais.[10] Os carbohidratos son principalmente a lactosa; identificáronse como compoñentes menores varios oligosacáridos baseados na lactosa. A fracción graxa contén triglicéridos específicos de ácido palmítico e ácido oleico (triglicéridos con enlace éster O-P-O), e tamén cantidades bastante grandes de lípidos con dobres enlaces trans que algúns estudos consideran beneficiosos para a saúde[11] (a diferenza doutras graxas trans). Trátase do ácido vaccénico, e o ácido linoleico conxugado (CLA) que supoñen o 6% da graxa do leite humano.[12][13]
As principais proteínas son a caseína (homóloga da β-caseína bovina), α-lactoalbumina, lactoferrina (apo-lactoferrina), IgA, lisozima, e albumina sérica. Nun ambiente ácido como o do estómago, a α-lactoalbumina desprégase adoptando unha forma diferente e únese ao ácido oleico para formar un complexo chamado HAMLET que ten a capacidade de matar células tumorais. Isto crese que contribúe á protección dos bebés lactantes contra o cancro.[14]
Os compostos que conteñen nitróxeno non proteico supoñen o 25% do nitróxeno do leite, e entre eles están a urea, ácido úrico, creatina, creatinina, aminoácidos, e nucleótidos.[15][16] O leite materno ten tamén variacións circadianas na súa composición; algúns dos nucleótidos prodúcense máis comunmente durante a noite, outros durante o día.[17]
O leite materno proporciona un tipo de endocannabinoide chamado 2-araquidonoilglicerol.[18]
O leite humano das nais diabéticas ten diferente composición ca o das mulleres non diabéticas. Pode conter niveis elevados de glicosa e insulina e niveis diminuídos de ácidos graxos poliinsaturados. Detectouse un efecto dependente de dose exercido polo leite de diabéticas sobre o aumento de atrasos da linguaxe nos nenos, aínda que os doutores recomendan que as nais diabéticas dean o peito a pesar dese risco potencial.[19]
Todas as especies de mamíferos producen leite, pero a súa composición en cada especie varía amplamente, e nalgúns casos son moi diferentes á do leito humano. En xeral, o leite dos mamíferos que se aleitan con gran frecuencia (o que inclúe aos humanos) é menos rica, ou máis augada, ca o leite dos mamíferos que se aleitan con menos frecuencia. O leite humano é menos espeso e máis doce ca o de vaca, por exemplo.
O leite de vaca enteiro contén demasiado pouco ferro, retinol, vitamina E, vitamina C, vitamina D, graxas insaturadas ou ácidos graxos esenciais para os requirimentos dun bebé.[20][21] Ademais ten demasiadas proteínas, sodio, potasio, fósforo e cloruro o cal pode someter a un esforzo os inmaturos riles infantís. Ademais, as proteínas, graxas e calcio do leite vacún son máis difíciles de dixerir e absorber polo neno ca os do leite humano.[22][23] Unha pequena porción dos nenos son alérxicos ao leite vacún, xeralmente ás súas proteínas.[24] Estes problemas tamén poden afectar aos leites maternizados derivados do leite de vaca.
A Organización Mundial da Saúde recomenda dar o peito durante os primeiros seis meses de vida, e introducir gradualmente as comidas sólidas despois dese tempo. A lactación complementaria recoméndase ata os dous anos ou máis, xa que tamén é beneficiosa nos nenos pequenos. A lactación no neno diminúe o risco de contraer diversas infeccións e enfermidades crónicas e favorece a súa maduración cognitiva.[1] [25][26][27][28][29]
A lactación materna tamén proporciona beneficios para a saúde da nai. Axuda á nai a que o seu aparato reprodutor se recupere despois do parto, e que volva ao seu peso normal anterior ao ambarazo, e, segundo algúns estudos, reduce o risco de cancro de mama durante a vida.[30][31]
Aínda que a lactación materna é universalmente prescribida, nalgúns países a partir da década de 1950 dita lactación pasou por un período en que non estaba de moda e no que se consideraba que os leites maternizados de fórmula eran superiores ao leite de peito. Porén, hoxe recoñécese xeneralizadamente que ningún leite maternizado de fórmula pode igualar as cualidades do leite materno. Ademais das cantidades axeitadas de carbohidratos, proteínas e graxas, o leite materno proporciona vitaminas, minerais, encimas dixestivos,[32] hormonas,[32] anticorpos e linfocitos procedentes da nai que axudan ao meniño a resistir as infeccións.[33] A función inmune do leite materno é individualizada, xa que a nai entra en contacto cos patóxenos que colonizan ao meniño ao tocalo e agarimalo, e así o sistema inmunolóxico materno fabrica anticorpos contra eses patóxenos, que despois pasan polo leite ao seu fillo.[34] O leite materno contén menos ferro ca os leites de fórmula (e ca o de vaca), xa que o ferro é esencial para a supervivencia dos patóxenos dentro do hóspede.[35] Porén, o ferro fornecido polo leite materno está máis dispoñible para o organismo do neno que o subministrado no leite maternizado de fórmula ou en suplementos dietéticos. Arredor dos 4 a 6 meses de idade os depósitos de ferro intestinal almacenados ho fígado do neno están esgotados; por tanto, este é o momento en que se introduce a alimentación complementaria.[36][37]
A maioría das mulleres que non dan o peito aos seus fillos utilizan leites de fórmula, pero outras almacenan e conservan o leite extraído do peito para usalo noutro momento ou, nalgúns países, existen bancos de leite humano doado por voluntarias que pode obterse por prescrición.
A pesar do risco da transmisión de substancias a través do leite da nai ao fillo, a lactación materna ten máis vantaxes ca os leites maternizados de fórmula, e, con poucas excepcións, a OMS recomenda a lactación exclusiva nos primeiros 6 meses de vida.[38]
As células produtoras de leite son máis permeables ás drogas durante a primeira semana despois do parto.[39]
As características dos fármacos que fan que estes incrementen a súa excreción no leite son:[39]
Os fármacos son transportados polo plasma sanguíneo a través das células dos ductos ata o leite por difusión ou transporte activo. Isto último pode orixinar que haxa unha maior concentración do fármaco no leite ca no plasma da nai.[39]
As cantidades da maioría dos fármacos no leite non exceden o 2% do total da dose inxerida.[39]
Os contaminantes ambientais que se encontran no leite xeralmente non son daniños, e deberían terse en consideración só cando os niveis ambientais son infrecuentemente altos. Os contaminantes máis preocupantes son os pesticidas, mercurio orgánico, e chumbo. O DDT e a dieldrina son inevitables e poden detectarse en pequenas cantidades no leite e mesmo en leites maternizados de fórmula.[41] Os pesticidas e outras substancias tóxicas bioacumúlanse; é dicir, os seres vivos que están máis altos na cadea trófica almacenan máis cantidade deles nas súas graxas corporais. Isto pode observarse especialmente nos inuit (esquimós), que teñen unha dieta fundamentalmente carnívora. Estanse a facer estudos sobre o leite das nais inuit sobre os efectos dos bifenilos policlorados e contaminantes orgánicos persistentes, que mostran que dito leite ten niveis moi altos de compostos tóxicos.[42]
O leite materno non é estéril, polo que pode conter bacterias e virus, e a nai lactante que teña certas enfermidades transmisibles pode infectar ao neno, como é o caso de infeccións por virus como o VIH e o CMV.[43][44] Ás nais infectadas polo VIH aconséllaselles non dar de mamar.
Ademais de nutrir ao neno, ao leite humano téñenselle dado outros usos, especialmente usos medicinais.[45][46] O leite materno contén fortes anticorpos e antitoxinas que moita xente cre que promoven a curación e a saúde xeral e úsano como remedio caseiro contra conxuntivite, picadas de insectos, queimaduras e abrasións, aínda que a ciencia médica nunca o considerou unha panacea. Como caso curioso algúns restaurantes teñen usado leite humano nas súas preparacións.[47][48]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.