escritor albanés From Wikipedia, the free encyclopedia
Ismail Kadaré (en albanés Ismail Kadare), nado o 28 de xaneiro de 1936 en Gjirokastër (Albania), e finado o 1 de xullo de 2024 en Tirana, foi o máis coñecido dos escritores en lingua albanesa no século XX e principios do XXI. Fillo dun funcionario público, na súa infancia presenciou a devastación de Albania a consecuencia dos enfrontamentos armados da segunda guerra mundial, experiencia que o marcou profundamente. Estudou Historia e Filoloxía na Universidade de Tirana e posteriormente en Moscova, no prestixioso Instituto Gorki de Literatura, até 1960. En outubro de 1990, tras recibir ameazas por parte do réxime comunista albanés, decide exiliarse no Estado francés. A pesar do inminente colapso do réxime, Kadaré non volverá a Albania até o ano 1999.
Ismail Kadaré ten destacado especialmente no eido da narrativa, a pesar de que conta cunha estimábel obra poética e algunha incursión na literatura dramática.
Encadrada nun principio dentro das teses do realismo socialista, a obra de Ismail Kadaré trata con moita frecuencia os temas históricos dos Balcáns, especialmente dos pobos de lingua albanesa, achegándose en ocasión á historia contemporánea, e mesturándoos algunhas veces con elementos lendarios ou fantásticos da tradición albanesa. Ao mesmo tempo ten tratado a miúdo a cuestión do ser humano individual acurralado polo totalitarismo e as súas dinámicas absurdas, dun xeito que lembra en ocasións á narrativa de Kafka.
Un dos temas clave da súa obra é o relativo á configuración política e filosófica da identidade albanesa ao longo dos tempos, que el entende como unha personalidade situada constantemente entre as influencias de Oriente e de Occidente. Nese sentido é frecuente atopar escenarios contemporáneos á ocupación otomá do actual territorio de lingua albanesa, un contexto de opresión que foi interpretado tamén como unha referencia implícita ao totalitarismo do réxime comunista albanés. Así mesmo, é frecuente a aparición nas súas obras de elementos da tradición albanesa, como a música ou a literatura oral.
Aínda que a preocupación pola identidade albanesa é unha constante na súa obra, e xa tratara o caso da represión iugoslava contra Kosovo en Krushqit janë të ngrirë, (O cortexo nupcial conxelado na neve), o autor xogou un papel especialmente comprometido no conflito entre Serbia e Kosovo durante a Guerra de Kosovo (1989-1999), publicitando as razóns da postura albano-kosovar.
Non existe un acordo sobre se a postura de Kadaré durante o réxime comunista albanés foi de simple conformismo ou de disidencia. Por unha banda, Kadaré foi un dos poucos escritores que gozaron do apoio do réxime para exercer o seu oficio, chegando mesmo a ter acta de deputado no goberno de Enver Hoxha, de corte estalinista. O propio autor manifestou publicamente que, a pesar de autoexiliarse, non gustaba de que o alcumasen como un escritor disidente.
Por outra banda, é certo que moitas das novelas de Kadaré non poden interpretarse doutro xeito que como unha denuncia contra o totalitarismo, en ocasións camuflado no contexto da opresión otomá. Isto é así especialmente na obra Pallati i ëndrrave (O palacio dos soños), onde describe a situación dun réxime que arquiva os soños dos seus súbditos para empregalos como un xeito de predición. Varios críticos apuntaron que a descrición do escenario da acción coincide coa de Tirana, e o "Palacio dos Soños", co Ministerio de Defensa albanés nos anos 70 [1]. Ao mesmo tempo, o autor achegouse á represión da Sigurimi (policía política) albanesa noutras obras posteriores como Spiritus, onde se persegue a gravación dunha psicofonía que supostamente recolle a voz dun disidente asasinado.
As propias declaracións de Kadaré na súa saída do país son reveladoras:
A literatura e as ditaduras son incompatíbeis. Un escritor é o inimigo natural dunha ditadura.
As obras de Kadaré foron traducidas a máis de corenta linguas, e é o escritor albanés máis recoñecido internacionalmente. O seu nome soa con frecuencia entre os candidatos ao Nobel de Literatura.
Entre outros premios, recibiu o Prix Mondial Cino del Duca en 1992 e o Premio Internacional Man Booker no ano 2005
A referencia cronolóxica principal da bibliografía é a da primeira edición albanesa. Moitas destas obras foron revisadas e modificadas polo autor en posteriores edicións ou nas traducións ao francés.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.