Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A iridescencia[1] (tamén chamada goniocromismo) é a propiedade de certas superficies que parecen cambiar de cor segundo cambia o ángulo desde o que se ven ou o ángulo de iluminación. Exemplos de iridescencia poden verse nas burbullas de xabón, nas ás das bolboretas ou en cunchas mariñas e en certos minerais. Adoita producirse por coloración estrutural (microestruturas que interfiren coa luz).
A palabra iridescencia deriva do antigo grego ἶρις îris (xenitivo ἴριδος íridos), que significa arco da vella.[2] Iris á súa vez deriva da deusa Iris da relixión grega antiga, que é a personificación do arco da vella e actúa como mensaxeira dos deuses. A palabra goniocromismo deriva das palabras gregas gonia, que significa "ángulo", e chroma, que significa "cor".
A iridescencia é un fenómeno óptico que se dá en superficies, no cal o ton de cor cambia segundo o ángulo de observación e o ángulo de iluminación.[3][4] Está causado xeralmente por múltiples reflexións producidas en dous ou máis superficies semitransparentes nas cales o cambio de fase e a interferencia das reflexións modulan a luz incidente (ao amplificaren ou atenuaren algunhas frecuencias máis que outras).[3][5] O grosor das capas do material determina o patrón de interferencia. A iridescencia pode por exemplo deberse a unha interferencia de película fina, o análogo funcional da atenuación de lonxitudes de onda selectiva observada co interferómetro de Fabry–Pérot, e pode verse en películas de aceite sobre auga e nas burbullas de xabón. A iridescencia tamén se dá en plantas, animais e os máis diversos obxectos. A gama de cores dos obxectos con iridescencia natural pode ser estreita, por exemplo pode cambiar entre só dúas ou tres cores a medida que cambia o ángulo de visión,[6][7] ou pode cambiar entre unha ampla gama de cores.[8]
A iridescencia pode orixinarse tamén por difracción. Este efecto encóntrase en obxectos como os CDs, DVDs, ou na iridescencia das nubes.[9] No caso da difracción, pode normalmente observarse a gama completa das cores do arco da vella a medida que o ángulo de visión cambia. En bioloxía, este tipo de iridescencia orixínase pola formación de redes de difracción na superficie, como as longas ringleiras observadas nas células no músculo estriado. Algúns tipos de pétalos de flores poden tamén xerar unha rede de difracción, pero a iridescencia non é visible para os humanos nin para os insectos que visitan as flores, xa que o sinal de difracción está enmascarado pola coloración debida aos pigmentos das plantas.[10][11][12]
En usos biolóxicos (e biomiméticos), as cores que non son producidas por pigmentos ou tinturas denomínanse coloración estrutural. Adoitan utilizarse microestruturas, xeralmente de multicapas, para producir cores brillantes aínda que non sempre iridescentes: cómpren disposicións dos compoñentes moi elaboradas para evitar que se reflictan diversas cores en diferentes direccións. A coloración estrutural compréndese en termos xerais desde a publicación do libro de Robert Hooke de 1665 Micrographia, no cal Hooke sinalou correctamente que como a iridescencia dunha pluma de pavo real se perdía ao metela na auga, pero reaparecía cando se poñía de novo no aire, os pigmentos non podían ser os responsables do efecto.[13][14] Posteriormente atopouse que a iridescencia no pavo real debíase a un complexo cristal fotónico.[15]
As plumas das aves como os colibrís, picapeixes,[16] aves do paradiso,[17] troquílidos, papagaios, estúrnidos,[18] ictéridos, patos, e pavos reais[15] son iridescentes. A liña lateral do peixe Neon tetra é tamén iridescente.[6] Unha soa especie de xeco, Cnemaspis kolhapurensis, que foi identifiacada en 2009 presenta iridescencia.[19] O tapetum lucidum, presente nos ollos de moitos vertebrados, é tamén iridescente.[20]
A nanocelulosa é por veces iridescente, como tamén o son as películas finas de gasolina e dalgúns outros hidrocarburos e alcohois cando flotan na auga.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.