Indutor (bioloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular e xenética denomínase indutor a unha molécula que fai que se inicie a expresión xénica. Un indutor pode unirse a outras moléculas que funcionan como represores ou activadores.
Os indutores funcionan desactivando os represores. O xene afectado exprésase porque o indutor se une ao represor. Nas bacterias a unión do indutor co represor impide que o represor se una a unha rexión do ADN chamada operador, que forma parte dun operón bacteriano (ver "Exemplos" máis abaixo). A ARN polimerase pode despois empezar a transcribir os xenes do operón.
Os indutores tamén poden funcionar uníndose a activadores. Os activadores xeralmente se unen con pouca afinidade ás secuencias activadoras do ADN a non ser que estea presente un indutor. O activador únese a un indutor e o complexo únese á secuencia de activación e activa os xenes obxectivo.[1] A eliminación do indutor detén a transcrición.[1]
O incremento da expresión xénica do xene obxectivo denomínase en bioloxía molecular e xenética indución, porque para que se produza requírese unha molécula que funcione como indutor.[1] O operón da lactosa é un exemplo de sistema inducible nas bacterias.[1] O concepto xenético da indución nos operóns bacterianos foi estudado en detalle por François Jacob e Jacques Monod en 1961.[2]
As proteínas represoras únense ao ADN para impedir que a ARN polimerase poida unirse eficazmente ao ADN e sintetizar ARNm. Os indutores únense aos represores, facendo que cambien de forma e impedindo que se unan ao ADN. Por tanto, permiten que se produza a transcrición e a expresión xénica.
Para que un xene se exprese cómpre que a súa secuencia de ADN se transcriba a ARNm e este despois sexa traducido a proteínas. Hai moitos tipos de proteínas que poden afectar ao nivel da expresión do xene promovendo ou impedindo a transcrición. Nos procariotas (como as bacterias), estas proteínas a miúdo actúan sobre unha porción do ADN denominada operador, situada ao principio do xene. O operador é a zona onde se une a ARN polimerase, o encima que sintetiza o ARNm.
Algúns indutores están modulados por activadores, os cales teñen o efecto oposto ao dos represores sobre a expresión dos xenes. Os indutores únense a proteínas activadoras, permitíndolles así a estas que se unan ao ADN e promovan a transcrición.
Os ligandos que se unen para desactivar ás proteínas activadoras non son tecnicamente indutores, xa que o que fan é impediren a transcrición.
Os operóns son os sistemas principais que controlan a expresión xénica nos procariotas. Un operón consta dun conxunto de xenes e rexións xénicas (promotor, terminador, regulador, operador) que controlan a expresión dos xenes estruturais do operón. Os operóns son sistemas inducibles ou represibles.
O indutor do operón lac bacteriano é a alolactosa.[1] Se no medio está presente a lactosa, entón unha pequena cantidade de moléculas de dito azucre son convertidas no seu isómero alolactosa polo encima β-galactosidase, da que hai unhas poucas moléculas na célula.[3] A alolactosa únese ao represor, o que fai diminuír a afinidade do represor polo sitio do operador.[3]
Porén, cando a lactosa e a glicosa están ambas as dúas dispoñibles no sistema, o operón lac está reprimido, porque a presenza de glicosa impide a indución do xene estrutural lacZYA do operón.[1]
No operón ara bacteriano, o indutor é a arabinosa.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.