Indian Remote Sensing Satellite ou IRS é o nome dunha serie de satélites de observación da Terra indios.[1]
Características
Os satélites IRS son satélites gobernamentais adicados á observación terrestre mediante sensores remotos en satélites para o estudo da Terra, o descubrimento e xestión de recursos e a axuda en emerxencias.[1]
IRS 1A e 1B
Os dous primeiros satélites IRS foron lanzados en 1988 e 1991 respectivamente a bordo de foguetes Vostok 2M desde o cosmódromo de Baikonur. IRS 1A levaba a bordo dúas cámaras con resolucións de 73 e 36,25 m. Quedou fóra de servizo en xullo de 1996, tras oito anos de servizo. IRS-1B era unha versión mellorada e máis flexible de IRS-1A. A súa misión terminou o 20 de decembro de 2003, tras 12 anos de servizo.[2][1]
IRS 1C e 1D
Foron a seguinte xeración de satélites IRS. Tiñan máis sensibilidade e capacidade que os dous primeiros. Cada satélite levaba tres cámaras de barrido:
- PAN: cámara pancromática cunha resolución de 5,8 m e un ancho de barrido de 70 km. Podía apuntar ata 26º fora do eixo para obter imaxes esterográficas.
- LISS-3 (Linear Imaging and Self-Scanning Sensor 3): unha cámara multiespectral en catro bandas cunha resolución de 23,5 m nas dúas bandas visible e unha das infravermellas cun ancho de barrido de 141 m e unha resolución de 70,5 m e un ancho de 148 km na cuarta banda, no infravermello distante.
- WiFS (Wide Field Sensor): cámara en dúas bandas espectrais cunha resolución de 188 m e un ancho de barrido de 810 km.
IRS-1C foi lanzado o 28 de decembro de 1995 mediante un foguete Molniya M e IRS-1D foi lanzado o 29 de setembro de 1997 mediante un PSLV.[3][1]
IRS 1E (IRS P1)
IRS 1E foi un satélite experimental para observación terrestre feito a partir do modelo de enxeñería de IRS-1A engadíndolle un sensor estéreo electroóptico desenvolvido pola axencia DLR alemaña ademais da cámara LISS-1 que xa levaba a bordo. Non chegou a órbita debido ao fallo do seu foguete lanzador, un PSLV.[4][1]
IRS P2
IRS P2 estaba baseado no IRS-1A e levaba a bordo o instrumento LISS-2M, consistente en dúas cámaras denominadas LISS-2A e LISS-2B que recibían luz dun único montaxe óptico con catro lentes para catro bandas espectrais no visible e no infravermello próximo. A resolución era de 32,74 m. O satélite foi lanzado o 15 de outubro de 1994 mediante un PSLV.[5][1]
IRS P3
IRS P3 levaba a bordo tres instrumentos:
- A cámara WiFS, usada tamén nos IRS 1C e 1D.
- O sensor MOS (Multispectral Optoelectronic Scanner), un espectrómetro experimental proporcionado por DLR.
- O experimento IXAE (Indian X-ray Astronomy Experiment), un instrumento astronómico para estudar fontes celestes en raios X.
IRS P4
IRS P4, tamén denominado Oceansat 1, foi o primeiro satélite indio lanzado para estudar os océanos. Cunha masa de 1036 kg, foi lanzado o 26 de maio de 1999 mediante un foguete PSLV a unha órbita de 720 km de altura. Levaba a bordo os instrumentos OCM (Ocean Colour Monitor) e MSMR (Multifrequency Scanning Microwave Radiometer).[7][1]
IRS P5
IRS P5, tamén denominado Cartosat 1, foi lanzado para facer tarefas de cartografía. Cunha masa de 1560 kg, foi lanzado o 5 de maio de 2005 mediante un foguete PSLV a unha órbita de 618 km de altura. Levaba a bordo dúas cámaras para tomar imaxes estereográficas cunha resolución de 2,5 m.[8][1]
IRS P6
IRS P6 ou Resourcesat 1 foi lanzado o 17 de outubro de 2003 cun PSLV para mellorar a xestión da agricultura, control de desastres e uso do auga. Levaba a bordo a cámara LISS-IV, cunha resolución de 5,8 m, LISS-III, cunha resolución de 23,5 m, e AWiFS, con 60 m de resolución.[9][1]
Historial de lanzamentos
Misión[1][2][3][4][5][6][7][8][9] | Data de lanzamento[1][2][3][4][5][6][7][8][9] | Foguete lanzador[1][2][3][4][5][6][7][8][9] | Notas[1][2][3][4][5][6][7][8][9] |
---|---|---|---|
IRS 1A | 17 de marzo de 1988 | Vostok 2M | Éxito |
IRS 1B | 29 de agosto de 1991 | Vostok 2M | Éxito |
IRS 1C | 28 de decembro de 1995 | Molniya M | Éxito |
IRS 1D | 29 de setembro de 1997 | PSLV | Fallo parcial. O foguete deixou o satélite nunha órbita máis baixa da prevista. |
IRS 1E (IRS P1) | 20 de setembro de 1993 | PSLV | Fallo |
IRS P2 | 15 de outubro de 1994 | PSLV | Éxito |
IRS P3 | 21 de marzo de 1996 | PSLV | Éxito |
IRS P4 | 26 de maio de 1999 | PSLV | Éxito |
IRS P6 | 17 de outubro de 2003 | PSLV | Éxito |
IRS P5 | 5 de maio de 2005 | PSLV | Éxito |
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.