From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia urbana de Osaka é coñecida por testemuños dende o século V. O emperador Kotoku fixo dela unha capital en 645 baixo o nome de Naniwa. Na época contemporánea volveuse a terceira cidade do Xapón.
A chaira pola que se estende a cidade actual de Osaka atopábase inundada ao comezo da nosa era por unha pechada baía coñecida coma Lago Kawachi, no delta do río Yodo [1], entupido co tempo por recheos. Na súa proximidade estaba a saída natural ao mar da rexión de Nara, onde comezou a historia imperial xaponesa, o que fixo que dende o século V ao VII, na área se atopen rexistros da época dos túmulos (kofun, grandes tumbas imperiais), palacios subsidiarios, templos budistas (trala súa introdución en 538), e mesmo a capitalidade intermitente da corte de Yamato (proto-estado xaponés), xunto a persistencia dunha zona portuaria (Naniwa-zu).
Foi nas proximidades desta última, e na beira sur dun brazo do Yodo, onde o emperador Kotoku decidiu fundar no 645 a cidade de Naniwa e trasladar a corte ao palacio imperial que mandou construír[2]. É o comezo do esplendor da primeira Osaka coma capital (Naniwa-Kyo, 645-653 e de novo en 744-745 [3]) e importante porto de relación coa China dos Tang. Durou ata o 745 cando, co traslado definitivo da corte a Nara e pouco despois a Heian (Kyoto) comezou unha decadencia que se prolongou ata o século XV.
En 1496, Rennyo, o líder da seita budista Jodo Shinshu, buscando un lugar de retiro, constrúe unha pequena ermida no lugar que chama Ozaka (longa pendente ou costa). Resultan ser as ruínas do antigo palacio imperial de Naniwa. Cos anos, engrandecerase e fortificarase ata conformar o importante templo Ishiyama Hongan-ji [4], base da revolta (Ikko-ikki) contra o poder feudal da época, sufocada tralo seu asedio e destrución por Oda Nobunaga (1570-80).
Á súa vez, en 1583, Toyotomi Hideyoshi, sucesor de Nobunaga, toma posesión do lugar para construír o seu castelo (1598) [5], primeiro Castelo de Osaka e berce da cidade moderna [6].
A partir de 1603, o establecemento do shogunato en Toquio por Ieyasu Tokugawa levou a unha inevitable confrontación co poder dos Toyotomi. En 1614 produciuse o asedio e caída do castelo. Os Tokugawa iniciaron a súa reconstrución que pretenderon superara en todo ao anterior (1620-9)[7]. Asemade, reconstruíron a cidade que, privada de calquera poder político, medrou coma porto comercial e centro industrial de primeira orde ata o presente. A primeira medida, mediante un decreto en 1617, foi a creación dunha rede de canais que aproveitaran as condicións naturais para o comercio marítimo [8]. Así configurouse a característica disposición da cidade antiga que lle da o alcume de "metrópole da auga" ou permitiu falar das "808 pontes de Naniwa", das que só restan escasos testemuños [9][10]. A riqueza producida por toda esta actividade favoreceu tamén que por moito tempo fose o corazón cultural do país (período Genrocu, c.1700).
Foi intensamente bombardeada durante a segunda guerra mundial. En 1970 celebrouse unha Exposición Universal [11] no norte da cidade para festexar a súa puxanza o que volveu a quedar remarcado coa titánica construción nestes anos atrás dun grande aeroporto (Kansai) nunha illa artificial na baía [12].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.