inventor e gravador de moeda estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Henry Voigt (ás veces escrito Voight), nado en Alemaña en 1738, e finado en Filadelfia o 7 de febreiro de 1814, foi un inventor, fabricante de reloxos, de instrumentos matemáticos e de máquinas e motores de vapor, deseñador das primeiras moedas estadounidenses e cuñador xefe da primeira Casa da Moeda dos Estados Unidos.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1738 Alemaña. |
Morte | 7 de febreiro de 1814. Filadelfia, Pensilvania. |
País de nacionalidade | Estadounidense. |
Relixión | Sociedade Universal. |
Q89547790 | Creador das primeiras moedas dos EUA. |
Actividade | |
Ocupación | Inventor, reloxeiro e cuñador de moeda. |
Familia | |
Cónxuxe | Margaret Voigt. |
Voigt dirixiu unha fábrica de arame en Reading, Pensilvania, e reparou reloxos para Thomas Jefferson, que o coñecía ben. En Filadelfia participou no desenvolvemento e na produción do primeiro barco de vapor práctico con John Fitch. Tamén participou na produción (en 1770) e na reparación e ampliación (en 1806), do planetario de David Rittenhouse.[1]
Voigt rexentaba en Reading, Pensilvania, unha fábrica de arame na que reparaba reloxos para Thomas Jefferson, a quen coñecía ben.[2] Posteriormente instalouse en Filadelfia, onde en 1775 tiña un negocio de reloxaría. El mesmo afirmaba tamén que colaborara na Guerra da Independencia con algunhas máquinas de fabricación propia.[3][4] O inventor e tamén reloxeiro John Fitch coñeceu a Voigt e, logo dunhas conversas nas que ambos se amosaron interesados reciprocamente polos seus proxectos, Fitch acabou por lle ofrecer unha participación na súa empresa, ao que Voigt accedeu, en 1792.[5] Algúns anos máis tarde, Fitch describía nos seguintes termos acerca de Voigt:[6]
“ | O Sr. Voight é un holandés [sic] sinxelo que non teme a ninguén e que sempre di o que pensa, o que ofendeu algúns dos membros da nosa compañía, e algúns deles chegaron a ter unha opinión desprezable das súas habilidades filosóficas. É certo que non é un home de letras nin de coñecementos matemáticos, mais pola miña parte confiaría nel máis que en Franklin, en Rittenhouse, en Ellicot, en Nancarrow e en Matlack, todos xuntos, xa que é un home de habilidades mecánicas superiores e dunha filosofía natural moi considerable, talvez case iguais ás dos que mencionei. É certo que el sinalou máis defectos que todos eles, e indicou maneiras de remediar eses defectos, cando a consternación sentou silenciosa en cada peito polo desastre. | ” |
Benjamin Franklin convencera a Fitch de que a idea de Daniel Bernoulli de 1753 dun barco de propulsión a chorro podía facerse realidade utilizando unha bomba de auga accionada por vapor.[4] Aínda que parecía moito máis sinxelo e superior ao seu deseño orixinal accionado por paletas, Voigt induciuno a renunciar á suxestión de Franklin e manter os seus obxectivos orixinais. A idea de Bernoulli foi retomada máis tarde por James Rumsey, que puido utilizar os principios da máquina de vapor de Thomas Newcomen, moito máis sinxelos. No entanto, só foi quen de obter velocidades dunhas 3 millas por hora, mentres que Fitch e Voigt acadaron finalmente velocidades de entre 6 e 8 millas por hora.[3][4] A primeira suxestión de Voigt foi que construísen un modelo de máquina de vapor.[7]
Naquela época, as avanzadas máquinas de vapor de James Watt e Matthew Boulton non eran accesibles no continente americano por mor das restricións británicas á exportación, polo que gran parte do desenvolvemento da máquina de vapor —e en particular da súa aplicación no ámbito marítimo— nos Estados Unidos tivo que realizarse de xeito independente.
En 1771, a Universidade de Princeton adquiriulle un planetario ao reloxeiro e astrónomo de Pensilvania David Rittenhouse. Nunha reunión do consello de administración da universidade, o Comité do Planetario presentou un contrato "con Henry Voigt (ou Voight)" de Filadelfia, polo que se lle aboaban 500 dólares en 1807 pola reparación do Planetario. Henry Voigt coñecía desde había tempo a Rittenhouse —que anos máis tarde sería o primeiro director da Casa da Moeda dos Estados Unidos—.[8] No frontal do planetario figura a seguinte inscrición: "Inventado por David Rittenhouse. 1768. Reparado e ampliado por Henry Voigt. A.D. 1806. Ambos de Filadelfia". No reverso figura o nome de Thomas Voigt, fillo de Henry, quen se supón que axudou no traballo baixo a dirección do seu pai.[9]
En 1791, Fitch e Voigt solicitaron traballo na Casa da Moeda dos Estados Unidos —que se inauguraría o ano seguinte— coa esperanza de que mentres ocupaban un posto alí terían tempo e solvencia económica para perfeccionar o barco de vapor. Na súa solicitude petición, Voigt describíase como perfectamente coñecedor de toda a maquinaria e dos procesos de cuñaxe, e capaz de fabricar el mesmo os instrumentos necesarios, xa que traballara na ceca alemá de Saxonia-Gotha durante a súa xuventude, durante os cales afirmaba que introducira numerosas melloras.[4] Finalmente, Voigt foi nomeado polo presidente Washington, o 28 de xaneiro de 1793, como o primeiro cuñador xefe da Casa da Moeda,[5] baixo a dirección de Rittenhouse, cargo que desempeñou ata o seu falecemento.[8][10][11]
O director Rittenhouse escribiu, sobre Voigt:[5]
“ | Coñezo desde hai tempo as habelencias superiores do Sr. Voight como mecánico, e sei que non se limitan ao negocio da reloxaría, no que destaca, senón que é quen de executar obras da maior forza. O seu muíño de arame e a súa máquina de vapor, que vin en funcionamento con gran satisfacción, poden considerarse probas do seu talento tanto para a planificación como para a execución. | ” |
Durante a súa etapa como cuñador xefe na Casa da Moeda, Voigt encargouse de construír os equipamentos para a produción, de adquirir o cobre para a cuñaxe e de supervisar a produción—nalgunhas ocasións tamén se responsabilizou do deseño— dalgunhas das primeiras moedas dos Estados Unidos. Ao seu labor débense, sinaladamente, as moedas dun centavo do tipo coñecido como Flowing Hair, nas súas dúas variedades, o centavo Chain e o centavo Wreath, que son as primeiras moedas emitidas oficialmente para a súa circulación ordinaria pola Casa da Moeda dos Estados Unidos.[4][8]
Aínda que Voigt estaba casado e tiña varios fillos, mantiña unha relación paralela cunha viúva, que era a súa caseira, chamada Mary Krafft, con quen tivo dous fillos. O seu socio Fitch, nun intento de salvar a reputación de Krafft, casou con ela, e este feito provocou a ruptura da sociedade Fitch-Voigt.[4] Despois, todos os intentos de Fitch de construír máis barcos de vapor fracasaron. Anos despois, Fitch afirmou que, aínda que a maior parte das ideas orixinais eran súas, era difícil atopar algunha que Voigt non mellorase, e que lle deixara a execución real da produción e da fabricación a Voigt. Nas súas palabras:[3]
“ | Voigt é o home máis preparado para as melloras mecánicas da terra, e estou convencido de que nunca tería podido completar o barco de vapor sen el. | ” |
Varios meses antes de que se asinase con Francia o tratado da Compra de Luisiana en 1803, o Agrimensor Xeral Isaac Briggs pediulle ao tamén agrimensor Andrew Ellicott o seu instrumento de tránsito e igual altitude co propósito de topografar os 2.144.476 quilómetros cadrados de territorio. Cando Ellicott se negou ao trato, Briggs recorreu a Henry Voigt, quen fabricou un instrumento similar. Briggs utilizou este instrumento de Voigt en 1804 para establecer un meridiano principal para os Estados Unidos, que pasaba por Washington, D.C., e logo levouno ao novo territorio. O instrumento de tránsito e igual altitude resultante, coa inscrición Henry Voigt Philadelphia, consérvase na colección do Museo Nacional de Historia Americana do Instituto Smithsoniano.[13]
Fitch e Voigt uníranse en 1780 a un grupo de amigos para intentar fundaren unha nova relixión chamada Sociedade Universal, na que as boas obras estarían inspiradas por un sentido da honra e non por supersticións nin temores sobrenaturais. Malia acabar esta idea nun rotundo fracaso, durante a súa curta duración fixéronse plans e debates sobre todas as cuestións fundamentais da vida. Neste grupo aceptábanse persoas de todas as crenzas, así como agnósticos e ateos.[3]
Xunto coa súa muller, Margaret (1755-1838), tivo dous fillos e cinco fillas. Henry Voigt finou en Filadelfia o 7 de febreiro de 1814. Os seus restos foron soterrados no cemiterio de Laurel Hill, en Filadelfia.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.