Zoólogo francés From Wikipedia, the free encyclopedia
Henri Milne-Edwards, tamén coñecido como Henri Milne Edwards[1], nado en Bruxas o 23 de outubro de 1800 e finado en París o 29 de xullo de 1885, foi un médico e zoólogo francés. Foi o pai do tamén zoólogo Alphonse Milne Edwards.
Naceu en Bruxas, que daquela formaba parte de Francia, o 23 de outubro de 1800. Foi o fillo máis novo do inglés William Edwards (o 27, ou o 28, ou segundo as fontes, o 29), que era un rico plantador de Xamaica, e da súa segunda esposa Elisabeth Vaux, francesa. O mozo Henri foi educado polas súas irmás e polos seus irmáns máis vellos.
O seu pai axudou aos británicos a reunir a illa co Reino Unido, e foi arrestado polas tropas de Napoléon Bonaparte. Henri Milne-Edwards foi entón levado a París polo seu irmán máis vello William Edwards, médico.
A caída de Napoleón permite a liberación do seu pai e a familia reúnese en París. Henri estudou medicina. Durante os seus estudos gañou unha reputación de trouleiro. Stendhal chamouno «Irmán Brandy» e dixo del que era «un mal suxeito cos seus rizos loiros e os seus belos ollos divagantes» e «moi alegre, moi valente e mesmo cunha alma nobre, cando non estaba ofuscada por cincuenta copas de augardente».[2]
Porén, recibiu o seu doutoramento en medicina en 1823 e o mesmo ano casou con Laura Trézel, con quen tivo nove fillos, entre eles a Alphonse Milne-Edwards (1835-1900), que tamén sería zoólogo.
Milne-Edwars dedicouse un tempo á práctica médica e publicou varios libros de divulgación sobre temas de medicina. Tamén ensinou durante un tempo Ciencias naturais no Lycée real Henri IV.
En 1828 publicou a súa Investigación sobre os moluscos, que foi recompensada co premio de fisioloxía da Academia de Ciencias de Francia.
Seguiu cursos con Georges Cuvier (1769-1832) e fíxose amigo de Jean Victoire Audouin (1797-1841). Con este último realizou entre 1826 e 1828 un estudo moi detallado da fauna mariña costeira nas proximidades de Granville (Departamento de Mancha).
En 1832 Henri foi profesor de Hixiene e de Historia natural na Escola Central de Artes e Manufacturas de París. Obtivo o doutoramento en Ciencias naturais na Facultade de Ciencias de París en 1837. Á morte de Audouin, en 1841, foi nomeado para ocupar a cadeira de entomoloxía no Museo Nacional de Historia Natural de Francia. Henri Milne-Edwards visitou en 1849 as costas de Italia e Sicilia con dous futuros mestres do Museo, Armand de Quatrefages (1810-1892) e Émile Blanchard (1819-1900). Cando en 1849 Dumas (1800-1884) se converteu en ministro, Milne-Edwards accedeu ao posto de decano.
En 1862 abandonou a súa cadeira de Entomoloxía para suceder a Isidore Geoffroy Sant-Hilaire (1805-1861) na cadeira de Mastozooloxía e Ornitoloxía do mesmo museo. Tamén foi decano da Facultade de Ciencias de París e profesor de zooloxía, anatomía e fisioloxía.
Milne-Edwards foi o líder da escola da "zooloxía fisiolóxica", que dominou a Historia Natural francesa durante moito tempo, tras o baleiro deixado pola morte de Georges Cuvier e de Étienne Geoffroy Saint-Hilaire. Milne-Edwards defendeu o estudo dos animais no seu ambiente natural, opoñéndose á tradición dominante, baseada no estudo anatómico dos animais disecados.
Grande admirador de Cuvier, Milne-Edwards concedía unha absoluta prioridade á función sobre a forma animal, esforzándose por encontrar as leis reitoras da adaptación biolóxica:
A maior parte das súas obras publicáronse nos Annales des sciences naturelles, revista da cal dirixiu a parte dedicada á zooloxía (desde 1834). Entre as súas outra obras están a Histoire naturelle des crustacés (3 volumes, 1837-1841), que durante moito tempo foi unha abra de referencia, a Histoire naturelle des coralliaires (1858-1860) e especialmente as importantes leccións sobre a fisioloxía e a anatomía comparada de humanos e animais (14 volumes, 1857-1881).
Milne-Edwads faleceu en París o 29 de xullo de 1885.
A abreviatura Milne-Edwards emprégase para recoñecer a Henri Milne-Edwards como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
O nome de Henri Milne-Edwards foi honrado por varios autores para nomear familias, xéneros ou especies de animais, entre eles:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.