ciclista e triatleta galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Gustavo Rodríguez Iglesias, nado en Tui o 16 de setembro de 1979, é un deportista galego que compite en tríatlon.
(2016) | |||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 16 de setembro de 1979 (45 anos) Tui, España | ||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||
Ocupación | ciclista, triatleta | ||||||||||||||||||||||
Deporte | ciclismo de competición tríatlon | ||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||
2009 | UCI Europe Tour de 2008-2009 (pt) (1133º) | ||||||||||||||||||||||
Vuelta a España |
Comezou no ciclismo, sendo profesional durante varios anos e disputando a Volta a España co Xacobeo Galicia. En 2011 pasou a competir en tríatlon e dúatlon, tendo como mellores resultados a medalla de bronce no Campionato Europeo de Tríatlon de Media Distancia de 2014 e a medalla de ouro no Campionato Iberoamericano de tríatlon de media distancia, ademais de ter rematado entre os dez primeiros tanto no Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia como no Campionato do mundo de dúatlon.
No plano nacional foi campión de España de tríatlon en cinco ocasións, tres delas en longa distancia (2014, 2016, 2018), e dúas en media distancia (2017, 2018), ademais de campión de España de dúatlon (2016), dúas veces campión de España de dúatlon de media distancia (2017, 2019) e gañador da Copa de España de tríatlon de media e longa distancia (2017).
Ademais, dende 2018 actúa como guía en probas de paratríatlon de Héctor Catalá, triatleta cunha discapacidade visual dexenerativa. Xunto con el, proclamouse campión do mundo en 2019 e foi medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de 2020.
Comezou no ciclismo de montaña e máis tarde pasou a competir en estrada, dentro do equipo CC Spol Caixanova.[1][2] En 2005 deu o salto ao ciclismo profesional, da man do equipo portugués Barbot-Pascoal, disputando ese ano a Volta a Portugal, carreira na que competiu tamén ao ano seguinte, ademais de correr varias probas portuguesas máis como a Volta ó Alentexo.
En 2007 fichou pola escuadra Fercase–Rota dos Móveis, onde permaneceu dous anos, disputando varias probas portuguesas, entre elas dúas edicións máis da Volta a Portugal. En 2009 volveu ao ciclismo afeccionado, entrando nas filas do Clube Ciclista Cidade de Lugo.[2] Ese ano rematou terceiro na Volta ciclista a Galicia e na Volta a Zamora.[3][4]
Para a tempada 2010 volveu ao ciclismo profesional como novo integrante do Xacobeo Galicia de Álvaro Pino, equipo co que correu varias probas ese ano, destacando a Volta a Portugal e a Volta a España.[2]
Tras a desaparición do Xacobeo Galicia comezou a competir en dúatlon e tríatlon, por influencia da súa parella, a triatleta Aída Valiño, e comezou a prepararse co adestrador Diego Álvarez.[5] En 2011 logrou a súa primeira vitoria en dúatlon cros e rematou como terceiro no Campionato de España, posición que repetiu ao ano seguinte.[6][7][8] Tamén en 2012 disputou o seu primeiro Campionato do Mundo de Dúatlon, rematando en 27ª posición.[9]
No ano 2013 quedou noveno no Campionato de Europa de Dúatlon de Longa Distancia celebrado en Horst, nos Países Baixos e proclamouse subcampión de España tamén en longa distancia.[10] En maio disputou o Campionato Europeo de tríatlon de media distancia en Barcelona, rematando en 11ª posición.[11][12] En 2014 quedou décimo no Campionato do Mundo de Dúatlon celebrado en Pontevedra,[13] sexto no Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia na cidade chinesa de Weihai,[14][15] terceiro no Campionato de Europa de tríatlon de media distancia[16][17] e proclamouse campión de España de tríatlon de longa distancia.[18] En 2015 centrouse na longa distancia pero non puido revalidar o título de campión de España, onde se tivo que conformar coa segunda praza,[19] mentres que no campionato do mundo baixou cinco postos respecto ao ano anterior, rematando 11º.[20]
En febreiro de 2016 gañou o ouro no Campionato Iberoamericano de tríatlon de media distancia celebrado na Habana.[21] Ademais ese ano conseguiu unha dobre coroa nacional na longa distancia, ao proclamarse campión de España tanto en dúatlon como en tríatlon.[22][23] En 2017 logrou unha nova dobre coroa nacional, pero esta vez na media distancia, gañando o campionato de dúatlon en Orihuela e o de tríatlon en Pamplona, este último por diante de Pablo Dapena.[24][25] Mentres que no campionato de tríatlon de longa distancia foi Dapena o vencedor, con Gustavo Rodríguez no terceiro posto.[26][27] Con estes resultados e a vitoria no tríatlon de Guadalaxara, coroouse ademais como vencedor da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia 2017, superando a Dapena, segundo.[28] Disputou tamén o Campionato de Europa de tríatlon de longa distancia, rematando en sexta posición.[29]
En 2018 revalidou o título nacional de tríatlon de media distancia,[30] ao que sumou o seu terceiro título na longa distancia, ao gañar a proba celebrada en Pontevedra.[31] En 2019 non se puido inscribir para o Campionato de España de dúatlon de media distancia, pero acudiu en marzo a Soria, cidade onde se celebraba a proba, para tentar conseguir un dorsal debido a algunha ausencia. Finalmente isto sucedeu e puido tomar a saída, conseguindo a vitoria con case dous minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado, e logrando así o seu segundo título nacional nesta disciplina.[32] En maio competiu no Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia disputado en Pontevedra, onde quedou no 12º lugar.[33][34]
En agosto de 2020 volveu competir nunha proba de ciclismo en ruta despois de varios anos,[35] participando na Xacobeo 2021 con saída e chegada en Gondomar, onde protagonizou unha escapada durante 70 km xunto a Arnau Riba, ata que foron neutralizados polo pelotón,[36] rematando finalmente en 18ª posición.[37] Ao mes seguinte proclamouse subcampión de España de tríatlon de media distancia, ao rematar segundo por detrás de Javier Gómez Noya na proba disputada en Bilbao.[38][39] A finais de outubro gañou o tríatlon de media distancia Half Sevilla.[40]
Dende 2018 actúa como guía de Héctor Catalá, triatleta cunha discapacidade visual dexenerativa, en probas de paratríatlon na categoría PTVI. A súa primeira competición xuntos foi o Campionato de España de Paratríatlon celebrado na Coruña en setembro de 2018, onde lograron a medalla de ouro.[41] Poucos días despois conseguiron a medalla de bronce no Mundial disputado en Australia.[42]
En 2019 disputaron as Series Mundiais de Paratríatlon, logrando o primeiro posto na primeira proba en Milán e o segundo en Montreal. Na gran final celebrada en Lausana en setembro conseguiron o primeiro posto e con el o campionato do mundo.[43] Unha semana despois conseguiron o ouro na proba da Copa do Mundo de Banyoles e no mesmo mes proclamáronse subcampións de Europa en Valencia.[44]
En 2021 disputaron a proba de paratríatlon nos Xogos Paralímpicos de Toquio e conseguiron a medalla de prata, só por detrás de Brad Snyder e o guía Greg Billington.[45]
A súa parella é a tamén triatleta Aída Valiño, coa que ten dúas fillas.[46][47][48]
Campionato europeo | |||
---|---|---|---|
Ano | Lugar | Medalla | Proba |
2014 | Peguera | Individual | |
Campionato Iberoamericano | |||
Ano | Lugar | Medalla | Proba |
2016 | A Habana | Individual |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.