activista ambiental sueca From Wikipedia, the free encyclopedia
Greta Tintin Eleonora Ernman Thunberg, nada en Estocolmo o 3 de xaneiro de 2003[1], é unha activista sueca que traballa contra o cambio climático e o quecemento global. Tornouse unha figura prominente por comezar a primeira folga escolar polo clima en agosto de 2018 ás portas do Parlamento sueco.[2] En novembro dese mesmo ano falou na conferencia TEDx Estocolmo e un mes máis tarde dirixiuse á Conferencia da ONU sobre o cambio climático.
A súa nai é a cantante de ópera sueca Malena Ernman e o seu pai, o actor Svante Thunberg,[3][4] O seu avó é o actor e director Olof Thunberg.[5]
En decembro de 2018, Thunberg describíase como "diagnosticada da síndrome de Asperger, de desorde obsesivo-compulsiva e de mutismo selectivo".[6] Para reducir a pegada de carbono da súa familia, insistiu en que se volvesen veganos e renunciasen a viaxar en avión.[7]
O día 20 de agosto de 2018, cando cursaba o noveno curso na escola, decidiu non ir á escola ata as eleccións xerais suecas, o nove de setembro tras as vagas de calor e a vaga de incendios en Suecia.[2] Demandaba que o goberno sueco reducise as emisións de carbono consonte ao acordo de París e protestou facendo unha sentada fóra do parlamento cada día durante o horario escolar levando un cartel que dicía: Skolstrejk för klimatet (folga escolar polo clima).[8] A partir de aí, converteuse nunha icona xuvenil da loita polo clima, seguindo os pasos da devanceira Severn Suzuki.[9]
Logo das eleccións xerais continuou a facer folga, pero só os venres, co que chamou a atención dos medios de comunicación de todo o mundo. Foi unha inspiración para escolares de todo o planeta que formaron parte das folgas escolares.[4] A altura de decembro de 2018 máis de 20 000 estudantes xa participaran nas folgas en alo menos 270 cidades.[4] Thunberg dálle o mérito de inspirala para comezar a súa folga escolar polo clima ó grupo de activistas adolescentes da escola Parkland en Florida, quen organizaron a Marcha polas nosas vidas.[10][11]
Greta Thunberg participou na manifestación Rise for Climate diante do edificio do Parlamento Europeo en Bruxelas. En outubro de 2018 desprazouse coa súa familia en coche eléctrico a Londres onde leu a "Declaración de rebelión" organizada por Extinction Rebellion diante das Casas do Parlamento.[12][13]
Foi relatora no TEDxStockholm o 24 de novembro de 2018.[14][15] Nesta charla TED falou de que cando tiña oito anos decatarase que existía o quecemento global e preguntouse como era que non aparecía como titular das novas en todas as canles de comunicación, como correspondería á súa gravidade, tal e como se dunha guerra mundial se tratase. Comentou que o motivo de ir á escola non foi para converterse nunha científica do clima, como algúns suxeriron, porque a parte científica xa estaba feita e só quedaba a negación, a ignorancia e a inacción. Especulando con que os seus fillos e fillas, netas e netos lle preguntarían a razón pola que non se tomaran accións en 2018, cando aínda se estaba a tempo, remataba concluíndo con que "non podemos cambiar o mundo seguindo as normas, as normas teñen que cambiarse".[16]
Thunberg dirixiuse ós participantes na conferencia sobre o cambio climático das Nacións Unidas, COP24, o 4 de decembro de 2018 [17] e tamén falou antes da asemblea plenaria que tivo lugar o 12 de decembro de 2018.[18][19]
O 23 de xaneiro de 2019 chegou a Davos, logo dunha viaxe de 32 horas en tren, onde criticou que a maior parte dos representantes oficiais chegaran usando ata 1 500 vos en avións privados,[20][21] para continuar a facer campaña no Foro Económico Mundial.[22][23] No seu discurso en Davos dixo: "Algunhas persoas, algunhas compañías e especialmente algunhas persoas en postos de decisión saben os prezados valores que veñen sacrificando para continuar a facer impensables moreas de diñeiro. Creo que moitas das persoas que estades aquí pertencedes a ese grupo de xente"[24] Na mesma semana, un pouco máis tarde, advertiu ás elites globais que: "A nosa casa está ardendo" engadindo " Quero que vos espante. Quero que sintades o medo que eu sinto cada día. Debémosllo á mocidade, debémoslles dar esperanza." [25][26]
A comezos de marzo o grupo de partidos da dereita (populares, liberais e extrema dereita) no Parlamento Europeo non lle permitiu intervir no parlamento, petición feita polos Verdes, Socialdemócratas e Esquerda Unitaria.[27]
Logo de que as súas folgas escolares polo clima gañaran popularidade, Thunberg acabou por tornarse o branco de ataques que buscan desacreditala[28] ou aproveitarse da súa posición.[29] A finais de 2018, Ingmar Rentzhog, fundador da organización sen ánimo de lucro We Don't Have Time Foundation (WDHT) recrutouna como xove asesora (non pagada) e utilizou o nome e a imaxe de Thunberg para recadar millóns de euros para a súa organización subsidaria We Don't Have Time AB, na que o propio Rentzhog é o CEO. Thunberg non recibiu ningún diñeiro procedente da compañía.[30][31] Deu fin a súa función de asesora en WDHT, declarando que "[non formo] parte de ningunha organización... son totalmente independente... [e] todo o que fago fágoo de xeito gratuíto." [32]
Greta Thunberg estaba entre as persoas premiadas no concurso de redacción de artigos de debate organizado en maio de 2018 polo Svenska Dagbladet dirixido á mocidade e que tiña por tema o clima.[33]
Thunberg foi nomeada pola compañía Telge Energi para o premio destinado á mocidade e á infancia para a promoción do desenvolvemento sostible, o Children's Climate Prize, pero non o aceptou xa que os nomeados terían que ter viaxado en avión a Estocolmo dende todo o mundo.[34] En novembro de 2018 gañou a bolsa Fryshuset como xove referente do ano.[35] En decembro de 2018 a revista Time designouna como unha das 25 adolescentes máis influentes do mundo durante o 2018.[36]
En marzo de 2019 foi nomeada como candidata ao Premio Nobel da Paz por iniciativa do lexislador noruegués Freddy Andre Oevstegaard e outros dous membros do partido Esquerda Socialista de Noruega.[37]
En 2019 foi nomeada para o Prix Liberté, impulsado pola rexión de Normandía (Francia), na súa primeira edición[38] e concedéronlle o premio medioambiental do Consello Nórdico que agradeceu mais rexeitou pola falta de acción contra a crise climática.[39]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.