artefacto explosivo que pode lanzarse coa man From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha granada de man é un proxectil explosivo que se lanza coa man ou cun arma específica, chamada lanzagranadas.[1]
A palabra "granada" vén do latín granātum. Pasou ao español para dar nome ao froito, punica granatum, cheo de grans e cunha disposición esférica fácil de tomar. En francés chámaselle pomegranate. Debido á forma e o tamaño deste proxectil os exércitos europeos chamárono "granada de man" en español, grenade à main en francés e hand grenade en inglés.[2]
Desde a antigüidade usáronse artefactos incendiarios. No Imperio romano de oriente empregáronse "artefactos incendiarios" de man pouco despois do reinado de León III (717–741).[3] Os soldados bizantinos déronse conta de que o lume grego, unha invención bizantina do século anterior, non soamente podía usarse cun lanzachamas, senón tamén en xerras de pedra e cerámica. Posteriormente, empregáronse recipientes de cristal. O uso disto difundiuse entre os exércitos musulmáns en Oriente Medio, dende onde chegou á China en torno ao século X.
Na China, durante a dinastía Song (960-1279), as armas coñecidas como zhen tian lei ("trono que sacode o ceo") creáronse cando os soldados chineses empacaron pólvora en recipientes de cerámica ou metal. En 1044, o libro militar Wujing zongyao (Compilación de clásicos militares) describiu varias "receitas" de pólvora nas que se pode atopar, de acordo con Joseph Needham, o prototipo da granada de man moderna.[4] Os chineses tamén descubriron o potencial explosivo da embalaxe de proxectís de bala de canón con pólvora. O libro de mediados do século XIV Huolongjing (Manual do dragón de lume), escrito por Jiao Yu, rexistrou un canón de ferro da dinastía Song coñecido como o "canón de nubes voadoras tronantes" (feiyun pili pao). O manuscrito dicía:
Os proxectís [pào] están feitos de ferro fundido, tan grandes coma un conco e con forma de bola. No seu interior conteñen media libra de "fogo divino" [shén huǒ, pólvora]. Son enviados voando cara o campamento inimigo dende un eruptor [mu pào], e cando chegan escóitase un son coma un trono, e aparecen lampos de luz. Se dez destes proxectís son disparados con éxito ao campamento inimigo, todo o lugar será incendiado [...][5]
A pólvora empezou a utilizarse en Europa na Baixa Idade Media. As primeiras bombas de ferro fundido e granadas non apareceron en Europa até 1467.[6][7]
O Museo do Exército de Toledo conserva granadas de cara a 1580.[8] Durante unha construción fronte a un bastión da cidade bávara de Ingolstadt, en Alemaña, descubríronse varios centenares de granadas de cerámica do século XVII. Moitas destas granadas aínda contiñan pólvora e conservaban as súas mechas. Probablemente, estas granadas foran situadas neste lugar antes de 1723.[9]
Nos séculos XIV, XV e XVI, en Francia, chamábase "nenos perdidos" (enfants perdus) aos que comunmente se colocaban nos postos avanzados da infantaría. Eran escollidos os mellores de cada "banda" (compañía). Armóuselles con granadas de man a partir de 1537. En 1667 denomináronse granadeiros e destinaron catro a cada compañía de infantaría.[10][11] Os primeiros granadeiros levaban unha machada, un sabre e un saco con dez ou doce granadas (a granadeira). Cando, en 1671, o fusil de avancarga substituíu o mosquete, déronse fusís á maior parte de granadeiros. A finais do reinado de Lois XIV, todos os granaderos levaban fusil. Prusia foi o seguinte país que creou un corpo de granaderos. A leste seguíronlle os países do norte de Europa e, posteriormente, fixérono o resto de nacións. O corpo de granadeiros francés foi suprimido en 1789.
O primeiro corpo de granadeiros británico foi o Rexemento de Lord Wentworth, creado en Flandres en 1656.[12] Tomou o nome de Gardas Granaderos (Grenadier Guards) en 1815.[13] En España as compañías de granadeiros foron creadas en 1685.[14]
As granadas foron empregadas tanto en combates terrestres coma marítimos. Algunhas incorporaron metralla para aumentar a súa capacidade. Os granadeiros eran adestrados para o seu manexo e para alcanzar con ela a maior distancia posible.[8]
O capitán pirata Thompson usou un gran número de granadas rudimentarias para defenderse de dúas cazarrecompensas enviados polo gobernador de Xamaica en 1721.[15]
Tras as guerras napoleónicas o seu uso diminuíu. Coa invención do fusil de repetición a mediados do século XIX, estas empregáronse menos. [8]
No entanto, nas guerras de trincheiras volveron empregarse pola utilidade de arrebolar bombas a curta distancia.[8] Nunha carta á súa irmá, o coronel Hugh Robert Hibbert describiu unha granada improvisada que foi empregada polas tropas británicas durante a Guerra de Crimea (1854–1856):[16]
Temos un novo invento para fastidiar aos nosos amigos nos seus boquetes. Consiste en chear botellas baleiras de soda por completo de pólvora, vellos clavos retorcidos e calquera outra cosa puntiaguda ou afiada que podamos encontrar nese momento, introduciendo un pouco de estopa coma mecha, logo encendéndoo e arroxándoo rapidamente ao hoio dos nosos vecinos, onde estalla, para o seu gran fastidio. Pode imaxinarse a súa furia ao ver unha botella de soda caer nun burato cheo de homes cunha pequeña mecha ardendo tan orgullosa como un verdadeiro proxectil explotando e enterrándose en partes blandas da carne.
Na Guerra de Secesión (1861-1865) os dous bandos usaron granadas de man equipadas cun émbolo que detonaba o dispositivo ao impactar. A Unión utilizou unha granada experimental, a granada Ketchum, que tiña unha aleta na parte traseira para asegurar que o impacto da parte dianteira producise a detonación. A Confederación usou granadas de man redondas parecidas á Ketchum. Os rusos usaron granadas improvisadas na Guerra Ruso-Xaponesa (1904-1905) para defender Port Arthur.[17]
A ausencia dunha granada de man eficaz, unida á percepción de ser un obxecto perigoso e á perda de utilidade destas fixeron que se considerasen unha peza obsoleta do equipamento militar. En 1902, a Oficina de Guerra británica anunciou que as granadas de man estaban obsoletas e que non tiñan lugar na guerra moderna. Dous anos despois, co uso de granadas improvisadas nas trincheiras da Guerra Ruso-Xaponesa e cos informes do xeral sir Aylmer Haldane, un observador británico do conflito; este asunto reconsiderouse e a Xunta de Artillaría recibiu instrucións para desenvolver unha granada de man práctica.[18] Esta foi a granada No. 1. Fixéronse varios modelos cunha espoleta de impacto, pero aquel tipo de espoleta tivo varios problemas prácticos e non se produciron en grandes cantidades.[17]
Martin Ale, coñecido por patentar a granada de fusil Hales, desenvolveu unha moderna granada de man en 1906, pero non puido convencer ao Exército Británico para adoptala até 1913. O principal competidor de Ale foi Nils Waltersen Aasen, que realizou un deseño en 1906 en Noruega e patentouno no Reino Unido. Empezou os seus experimentos desenvolvendo unha granada mentres era sarxento na fortaleza de Oscarsborg. Aasen creou a Compañía de Granadas Aassen (Aasenske Granatkompani) en Dinamarca, onde antes da primeira guerra mundial (1914-1918) produciu e exportou granadas de man por toda Europa. Tivo éxito vendendo esta arma a Francia e foi nomeado cabaleiro da Lexión Francesa en 1916 polo seu invento.[17]
Na primeira guerra mundial dispuxéronse unha gran cantidade de trincheiras. Por iso, volveron empregarse as granadas.[8] A comezos da primeira guerra mundial, as nacións combatentes só tiñan granadas pequenas, similares ás deseñadas por Hales e Aasen. A granada italiana Besozzi tiña unha mecha de cinco segundos cunha punta de fósforo, que se acendía ao ser fregada cun anel que o soldado levaba no seu dedo.[19] Provisionalmente, as tropas adoitaban improvisar as súas propias granadas, como a jam tin e a pétard raquette.
William Mills, un deseñador de granadas de Sunderland, patentou, desenvolveu e fabricou a granada Mills na fábrica de municións de Mills de Birmingham, Inglaterra, en 1915, denominada Nº 5. Foi descrita como a primeira "granada segura". Era un recipiente de aceiro cheo de explosivos cun gatillo e unha característica superficie con hendiduras profundas. Esta segmentación deseñouse para axudar á fragmentación e para incrementar a súa mortalidade, pero investigacións posteriores demostraron que non aumentaba a súa fragmentación. Posteriormente fixéronse deseños de fragmentación mellorados coas hendiduras por dentro, pero naquel entón eran moi caras de producir. Mantívose a segmentación externa da granada Mills, xa que lle daba unha superficie que se agarraba mellor. Este deseño básico mantívose nalgunhas granadas modernas.[17]
As granadas adaptadas para lanzarse con fusís (as granadas de fusil), empezaron a usarse a Guerra Ruso-Xaponesa en 1904, durante a defensa de Port Arthur. Posteriormente, isto foi realizado tamén polo Exército Español. Os primeiros que fixeron isto a grande escala foron os franceses na primeira guerra mundial.[20] As granadas de fusil foron amplamente substituídas nos exércitos por lanzagranadas e lanzamisiles (como os bazookas).
As granadas de fragmentación son comúns nos exércitos. Son armas deseñadas para dispersar fragmentos letais na detonación. Adoita estar feita dun material sintético duro ou aceiro, o que proporcionará certa fragmentación como fragmentos e achas. Nas granadas modernas están deseñadas cunha fragmentación preformada. A fragmentación preformada pode ter forma esférica, cuboide, de aramado ou de aramado con muescas. A maioría están deseñadas para lanzarse e detonarse despois dun período de tempo ou en caso de impacto.
As granadas de fragmentación modernas, como a granada M67 dos Estados Unidos, teñen un radio de acción de 15 metros e os fragmentos poden percorrer uns 200 metros.[21]
Trátase dunha granada deseñada para danar o obxectivo soamente coa explosión. Estas granadas adóitanse clasificar como armas ofensivas porque o radio de vítimas é moito menor que a distancia á que pode ser lanzada. No caso da granada Mk3A2 estadounidense, o radio de vítimas é de 2 metros en áreas abertas, pero os anacos da granada poden chegar a uns 200 metros.[22]
Tamén se usou como carga de profundidade ao redor de embarcacións. Algunhas, como a granada estadounidense Mk40, están deseñadas especificamente para ser utilizadas contra mergulladores e submarinistas inimigos. As explosións submarinas matan ou incapacitan ao obxectivo, creando unha onda de choque letal baixo a auga.[23]
O Centro de Investigación, Desenvolvemento e Enxeñaría do Armamento do Exército dos Estados Unidos (ARDEC, polas súas siglas en inglés) anunciou en 2016 que estaban a desenvolver unha granada na que se podería seleccionar no momento do seu uso o modo de operar, se en modo de fragmentación ou de conmoción, a granada táctica multipropósito mellorada con espoleta electrónica (ET-MP, polas súas siglas en inglés).[24]
Deseñouse unha gama de granadas de man para o seu uso contra vehículos blindados. Un exemplo é a <i id="mw0w">bomba pegañenta</i> británica de 1940. Deseños como a Panzerwurfmine (L) alemá e as RPG-43, RPG-40, RPG-6 e RKG-3 soviéticas tiñan unha oxiva HEAT nun extremo e un elemento para estabilizar o seu voo e que impactase cos 90 graos necesarios para que a carga oca fose efectiva.
Durante a segunda guerra mundial, o Reino Unido usou granadas incendiarias baseadas no fósforo branco. O modelo Nº 76 foi usado pola Home Guard británica como arma antitanque. Foi producida en grandes cantidades. En agosto de 1941 fabricáronse 6 millóns.[25]
Debido ás melloras na blindaxe dos tanques, as granadas de man antitanque xeralmente están consideradas obsoletas. Non obstante, foron usadas con certo éxito contra vehículos menos blindados, os resistentes a minas e protexidos de emboscadas (MRAP, polas súas siglas en inglés), deseñados para protexerse contra artefactos explosivos improvisados da insurxencia irakí de comezos do século XXI.[26]
Unha granada atordadora é un artefacto explosivo non letal usado para desorientar temporalmente os sentidos dun inimigo.[27] Está deseñada para producir un escintileo de luz cegador e un forte ruído de detonación de máis de 170 decibeis.[28] Foi usada por primeira vez polo Servizo Aéreo Especial do Exército Británico a finais da década de 1970.[29]
As granadas sting son selectas atordadoras cun deseño baseado no das granadas de fragmentación. En lugar de usar unha carcasa de metal para producir metralla, están feitas de goma dura e recheas dunhas cen esferas de goma. Ao detonar, as esferas de goma e os fragmentos da carcasa de goma da granada se esparcen xerando un efecto non letal. Estes proxectís poden rebotar.[30] Algunhas teñen ademais unha carga de gas CS.[31]
As granadas sting non incapacitan á persoa, de modo que pode ser perigoso o seu uso contra suxeitos armados.[32] Poden causar graves danos físicos, sobre todo os fragmentos de goma da carcasa.[33]
As granadas químicas e de gas arden ou expulsan un gas, pero non explotan. Entre estas atópanse as granadas de fume e as incendiarias.
O cóctel Molotov é un artefacto improvisado similar á granada. Foi usado por primeira vez na Guerra Civil pola Lexión Española no outono de 1936 contra tanques soviéticos nos arredores de Madrid. O nome, do ministro de Exterior de Stalin, púxoselle cando se empregou en Finlandia en 1940.[34]
As granadas de práctica son similares en manipulación e uso ás outras de man, agás que soamente producen un forte son e unha nube de fume ao detonar. O seu carcasa é reutilizable.[35][36] Outro tipo é a granada de práctica de lanzamento, que é totalmente inerte e frecuentemente baleirada nunha soa peza. É empregada para que os soldados afáganse ao peso e a forma dunha granada verdadeira, así como para practicar lanzamentos de precisión. Un exemplo deste tipo de granada é a Granada de Man de Práctica Biodegradable K417 surcoreana.[37][38]
Entre os fabricantes están:
Cando se usa unha granada antipersona, o que se quere é que explote cando o obxectivo está dentro do seu radio efectivo. A granada de fragmentación M67 ten unha área letal efectiva de cinco metros de radio, mentres que o radio inductor de baixas é de aproximadamente quince metros.[46]
Unha técnica alternativa é quitar o pasador antes de lanzar a granada, o que permite á mecha queimarse parcialmente e diminúe o tempo de detonación tras o seu lanzamento. Un tempo máis curto é útil para reducir a capacidade do inimigo de cubrirse ou de lanzar de volta a granada, e tamén pode facerse para permitir que a selecta estale no aire sobre as posicións defensivas.[47] Esta técnica é inherentemente perigosa (por haber un tempo máis curto e, por tanto, máis próximo á explosión), máis complicada (un debe asegurarse de lanzar a granada despois da espera) e máis variable (o tempo das mechas varía en cada tipo de granada) polo que se desaconsella no Corpo de Marines dos Estados Unidos e prohíbese no adestramento.[48] A pesar disto, esta técnica aparece frecuentemente nas películas de Hollywood e nos videoxogos.[49]
As tácticas varían segundo o tipo de uso. A guerra urbana, sobre todo no ataque a áreas edificadas, trae consigo un grande uso de granadas de man: é habitual lanzar unha granada ou dúas antes de pasar a un sitio (como ao entrar nunha habitación ou ao franquear unha escaleira). Un batallón que loitase nunha cidade durante a segunda guerra mundial usaba unhas 500 granadas ao día.[48]
Un asunto clave é que a granada non sexa agarrada e lanzada de volta. A técnica preferida dos Marines estadounidenses para previr isto é lanzar a granada con suficiente forza como para que rebote e que sexa difícil de agarrar para ser lanzada de volta. Isto é aplicable cando se quere despexar unha habitación, por exemplo. Para outros usos, como alcanzar as partes altas dun edificio, pode lanzarse unha selecta.[48]
Lanzar unha selecta a un piso superior é perigoso debido ao risco que non o alcance e caia de volta. É moito máis seguro lanzar unha granada a pisos inferiores, polo que o máis seguro é tomar un edificio desde arriba en lugar de desde a base.[48] As granadas que explotan no chan xeralmente causan desprendementos a pisos inferiores.[50]
A técnica preferida nas forzas estadounidenses cando se vai a atacar con granadas é mostralas ás forzas aliadas, dándolles un coñecemento visual desta para evitar alertar ao inimigo do seu uso.[48] Como alternativa, dáse unha voz de alerta inmediatamente despois de lanzar a granada, gritando frag out.
Algunhas granadas están deseñadas para ser lanzadas a longas distancias. A granada modelo 24 alemá tiña un longo mango de madeira que permitía aumentar a distancia á que era lanzada nun 50%.[51]
As granadas de conmoción tamén poden ser usadas como explosivos comúns, por exemplo, para demolición.[48]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.