From Wikipedia, the free encyclopedia
A glía de Müller ou células de Müller son un tipo de células gliais da retina, recoñecidas e descritas por primeira vez polo anatomista alemán Heinrich Müller.[1] Encóntranse na retina dos vertebrados, onde exercen como células de soporte ou apoio das neuronas, como todas as células da glía fan. Son o tipo máis común de célula glial atopado na retina. Aínda que os seus corpos celulares están localizados na capa nuclear interna da retina, as súas prolongacións se estenden por todo o grosor da retina.[2]
A principal función das células de Müller é manter a estabilidade estrutural e funcional das células da retina. Isto comprende a regulación do ambiente extracelular por medio da captación de neurotransmisores, eliminación de residuos, regulación dos niveis de K+, almacenamento de glicóxeno, illamento eléctrico de receptores e outras neuronas e o soporte mecánico da retina neural.
A glía de Müller deriva durante o desenvolvemento de dúas poboacións distintas de células. A célula de glía de Müller é a única célula glial da retina que comparte unha liñaxe celular común coas neuronas da retina. Un subconxunto da glía de Müller orixínase a partir das células da crista neural.[3] Son esenciais para o desenvolvemento da retina de ratos, servindo como promotores do crecemento retinal e da histoxénese, por medio dun mecanismo mediado por unha esterase non específica.[4] A glía de Müller tamén está implicada nun labor de célula poste indicador para o desenvolvemento dos axóns das neuronas na retina de polos.[5] Estudos feitos usando un modelo de peixe cebra da síndrome de Usher indicaron que as células de Müller exercen un papel na sinaptoxénese, a formación de sinapses.[6]
Como células gliais que son, a glía de Müller desempeña un papel secundario pero moi importante para as neuronas. Funcionan como importantes mediadores da degradación de neurotransmisores (acetilcolina e GABA concretamente) e o mantemento dun ambiente favorable na retina nas tartarugas.[7] A glía de Müller é importante na indución do encima glutamina sintetase en embrións de polos,[8] que é un importante actor na regulación das concentracións de glutamina e amoníaco no sistema nervioso central. A glía de Müller foi tamén identificada como fundamental para a transmisión da luz a través da retina dos vertebrados debido á súa especial forma de funil, orientación na retina e propiedades físicas máis favorables.[9]
A glía de Müller está sendo estudada actualmente polo seu papel na rexeneración neural en animais, un fenómeno que non foi observado ata agora en humanos.[10] Realizáronse estudos das propiedaes rexenerativas da glía de Müller nas retinas do peixe cebra[11][12] e do polo,[13] pero o mecanismo molecular exacto non está claro. Posteriores estudos realizados en ratos mostraron que a sobreexpresión de Ascl1 na glía de Müller en conxunción coa administración dun inhibidor da histona desacetilase permite a rexeneración de neuronas retinianas a partir da glía de Müller.[14] Estudos en modelos humanos demostraron que a glía de Müller ten o potencial de servir como células nai na retina adulta[15] e son proxenitoras eficientes dos fotorreceptores bastóns.[16]
Os danos nas células da retina induce as células de Müller a orixinar gliose (proliferación da glía). O resultado da resposta varía dependendo dos danos e o organismo no cal ocorreron estes.[2][17] En peixes cebra e ratos viuse que a glía de Müller sofre desdiferenciación dando células proxenitoras multipotentes. A célula proxenitora pode despois dividirse e diferenciarse en varios tipos de células da retina, incluíndo as células fotorreceptoras, que puideron ser danadas durante unha lesión.[18][19] Outras investigacións mostraron que a glía de Müller pode actuar como colector de luz no ollo de mamíferos, análogo a fibras ópticas, canalizando a luz cara aos foorreceptores conos e bastóns.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.