Gerard Lopez

empresario galego-luxemburgués From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Gerard Lopez (ás veces tamén escrito Gérard ou López) nado en Esch-sur-Alzette o 27 de decembro de 1971, é un empresario e home de negocios galego-luxemburgués, con inversións principalmente en novas tecnoloxías, no sector da enerxía e nos deportes.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

Xunto con Eric Lux é un dos socios fundadores de The Genii Group; así como cofundador e socio director de Mangrove Capital Partners, unha firma de capital risco especializada en tecnoloxía e un dos primeiros investidores de Skype.[1] É presidente de Genii Capital e presidente e director executivo de Nekton, unha empresa investidora no sector da enerxía.[2]

A nivel deportivo é dende 2021 presidente e propietario do Girondins de Bordeos, ao que levou á bancarrota e a un descenso administrativo ata a National 2, cuarta categoría do fútbol francés, e propietario do Boavista da Primeira Liga de Portugal. Anteriormente fora presidente e propietario do Lille OSC francés entre 2017 e 2020, do Royal Excel Mouscron, da Primeira División de Bélxica, entre 2020 ata a súa desaparición en 2022, e presidente do club luxemburgués CS Fola Esch entre 2007 e 2017, ao que levou a gañar dúas ligas luxemburguesas, sendo agora presidente honorífico.[3][4] Foi ademais presidente e propietario do equipo Lotus de Fórmula 1 entre 2009 e 2015.[5]

Remove ads

Traxectoria

Naceu en Luxemburgo, sendo fillo dos emigrantes galegos Gerardo López e Arundina Fojaca, orixinarios de Riotorto. Mudouse logo a Galicia, onde viviu ata os sete anos coa súa avoa materna en Espasande de Baixo.[6] Volveu a Luxemburgo e criouse en Esch-sur-Alzette xunto a seus pais e as súas dúas irmás. Con 17 anos marchou aos Estados Unidos para estudar na Universidade Miami de Ohio, tras obter unha bolsa para xogar ao baloncesto.[7] Alí graduouse en Sistemas de información de xestión e Xestión operativa. Desde aquela comezou un gran número de negocios, destacando unha empresa de desenvolvemento web, Icon Solutions, e unha sociedade de leasing, ProLease. Hoxe, Gerard Lopez continua a ser un investidor activo en diversas clases de capital privado, que van desde a tecnoloxía ao investimento inmobiliario. En xuño de 2012, Lopez participou na serie de Liderado no Foro Económico Internacional de San Petersburgo sobre a "Identificación da próxima gran cousa".

Fundou tamén Mangrove Capital Partners con Mark Tluszcz, sendo esta empresa un dos primeiros investidores en Skype, operación coa que gañou sobre 400 millóns de euros en só ano e medio coa súa venda a eBay en 2005.[8] En 2008 co-fundou con Éric Lux Genii Capital, unha firma de xestión do investimento privado e de asesoría financeira. Lopez é membro do consello de Wix, Zink Imaging, o equipo Lotus F1 e Lotus Group International, ademais de ser membro do Consello Consultivo da Escola de Negocios da Universidade Miami.

En 2015, fundou Nekton, unha compañía de investimentos e corretaxe no campo enerxético, activa en América do Sur, África, Asia e Europa Oriental.[9][10] Nos últimos anos aumentou os seus intereses en Rusia. É tamén presidente de Rise Capital, unha empresa controlada polo empresario ruso Igor Snegurov e que inviste en empresas público-privadas enfocadas en proxectos de infraestruturas rusas, onde os contratos construción van ao propio grupo de construción VIS de Snegurov, que a miúdo recibe apoio financeiro de Gazprom.[11]

Deporte

Lopez comezou a implicarse no automobilismo a través de operacións de Mangrove coa empresa Gravity Sport Management. Tamén participou en carreiras de resistencia a través do equipo de Gravity Racing Internacional. En 2007 converteuse no novo presidente do CS Fola Esch, equipo de fútbol luxemburgués no que xogara durante a súa adolescencia.

En 2009 adquiriu o equipo Lotus da Fórmula 1 e converteuse no presidente da escudaría. O 26 de xullo de 2013 nun comunicado anunciou que "como símbolo de respecto e mostra de apoio moral" Lotus F1 conduciría coa bandeira galega no Gran Premio de Hungría de 2013 en honor ás vítimas do accidente de Angrois.[12] Foi presidente da escudaría ata 2015, cando esta foi vendida de novo a Renault, mantendo unha porcentaxe de participación ata a desaparición do equipo.[5]

En 2017 mercou o Lille OSC da Ligue 1 francesa, pasando a ocupar a súa presidencia.[13] Nese momento dimitiu como presidente do Fola Esch, sendo dende entón presidente honorífico.[4][3] Durante a súa presidencia contratou aos adestradores Franck Passi, Marcelo Bielsa e finalmente Christophe Galtier, co que o club acadou o subcampionato na tempada 2018/19. Dous anos despois, o Lille conquistaría de xeito sorprendente o campionato de liga 2020/21, superando ao poderoso PSG de Nasser Al-Khelaifi.[14] Con todo, Lopez vendeu o club no ecuador desa histórica tempada, debido á gran débeda que acumulaba.[15][16]

Uns meses antes, en xullo de 2020, convertérase tamén no propietario do Royal Excel Mouscron, da Primeira División de Bélxica, club que acabou por desaparecer dous anos despois por mor de problemas financeiros.[17]

En 2021 adquiriu en propiedade o histórico Girondins de Bordeaux, por aquel entón na Ligue 1, así como o Boavista portugués.[18] Na súa primeira campaña ao mando, o club francés descendeu á Ligue 2 despois de tres décadas consecutivas na máxima categoría, e non conseguiu ascender nas dúas seguintes tempadas. No verán de 2024, o Girondins foi declarado en bancarrota, sendo descendido administrativamente ata a National 2, cuarta categoría do fútbol francés.[19]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads