presidente dos Estados Unidos de América From Wikipedia, the free encyclopedia
George Herbert Walker Bush, nado en Milton (Massachusetts) o 12 de xuño de 1924[1] e finado en Houston o 30 de novembro de 2018,[2] foi o 41º presidente dos Estados Unidos entre os anos 1989 e 1993. Con anterioridade fora embaixador diante a ONU (1971–1973), director da CIA 1976–1977, e o 43º vicepresidente dos Estados Unidos co presidente Ronald Reagan (1981–1989). Foi o pai do 43º presidente dos EUA, George Walker Bush.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2018.) |
Fillo do senador por Connecticut Prescott Bush e Dorothy Walker. Estudou na Academia Phillips de Andover, Massachusetts entre 1936 e 1942, onde xa demostrou as súas condicións de líder. Despois de se graduar ingresa na US Navy chegando ser o aviador máis novo do exército con 19 anos (1943).
Foi asignado ao Escuadrón Torpedo (VT-51) no portaavións lixeiro U.S.S. San Jacinto. Participou en operacións contra a illa Minami Torishima ou Marcus e a Illa Wake en maio de 1944 e nas Marianas en xuño. O 19 de xuño o avión onde ía Bush fixo unha amaraxe forzada, o destrutor U.S.S. Clarence K. Bronson, rescatou á tripulación, e Bush foi promovido a tenente.
O 1 de agosto, o San Jacinto comeza as operacións contra os xaponeses nas Illas Ogasawara. O 2 de setembro de 1944, Bush foi un dos catro pilotos que atacaron as instalacións xaponesas de Chichi-jima, o avión de Bush foi abatido pola defensa antiaérea xaponesa, rescatándoo o submarino U.S.S. Finback.
Bush retornou ao San Jacinto en novembro de 1944 e participou nas operacións de Filipinas. Cando o San Jacinto volveu a Guam, o seu escuadrón, que sufrira a perda do 50% dos pilotos, volveu aos Estados Unidos. Por mor das súas experiencias de combate, Bush foi destinado á Base Militar de Norfolk como adestrador de novos pilotos. Unha vez que o Xapón se rendeu, deixou o exército e entrou na Universidade Yale.
Casou con Barbara Pierce o 6 de xaneiro de 1945, con ela tivo seis fillos: George W. Bush, Pauline Robinson "Robin" (20 de decembro de 1949–11 de outubro de 1953, morta de leucemia), John (Jeb), Neil, Marvin e Dorothy Walker. Bush entrou no negocio do petróleo en Texas, grazas ás relacións do seu pai con Dresser Industries.
En 1964, Bush entrou en política, presentándose contra o senador demócrata por Texas Ralph Yarborough, opoñéndose ao seu apoio á Lei de Dereitos Civís de 1964, pero non puido gañar o escano.
En 1966 conseguiu ser elixido para a Cámara de Representantes polo 7º Distrito de Texas, repetindo en 1968. En 1970 tenta entrar de novo no Senado, competindo con Lloyd Bentsen, pero de novo perde nas eleccións.
Durante a presidencia de Richard Nixon foi embaixador diante as Nacións Unidas (1971-1973), e con Gerald Ford director da CIA (1976-1977). Presentou a súa candidatura para ser elixido candidato do Partido Republicano para a presidencia nas eleccións de 1980, pero perdeu diante Ronald Reagan, aínda que este elixiu a Bush como o seu candidato para a vicepresidencia.
A lista Reagan/Bush gañou de novo en 1984, contra os demócratas Walter Mondale/Geraldine Ferraro. Durante o segundo mandato como vicepresidente, Bush converteuse no primeiro vicepresidente en actuar como presidente provisorio, cando Reagan tivo que se someter a unha operación cirúrxica o 13 de xullo de 1985.
En 1988 presentou a súa candidatura para a presidencia, competindo nas primarias do Partido Republicano con Bob Dole e Pat Robertson, vencéndoos sen dificultade, e elixindo ao senador Dan Quayle como candidato á vicepresidencia para se enfrontar aos candidatos do Partido Demócrata, Michael Dukakis e Lloyd Bentsen aos que tamén vencen.
Continuou a política do seu predecesor, Ronald Reagan, dando prioridade á política exterior, en 1989 coa caída do Muro de Berlín apoiou a unificación alemá e mantivo o diálogo con Mikhail Gorbachov. Autorizou a invasión de Panamá para destituír ao presidente Manuel Noriega.
En agosto de 1990 Iraq invadiu Kuwait, George Bush, co aval do Congreso e das Nacións Unidas, enviou tropas ao Golfo.
Predecesor: Ronald Wilson Reagan |
Presidente dos Estados Unidos de América 1989–1993 |
Sucesor: William Jefferson Clinton |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.