Gary Kildall

From Wikipedia, the free encyclopedia

Gary Kildall

Gary Arlen Kildall, nado en Seattle o 19 de maio de 1942 e finado en Monterey o 11 de xullo de 1994,[1] foi o creador do sistema operativo CP/M (posteriormente DR-DOS e da interface gráfica de usuario GEM Desktop, e fundador de Digital Research).[2]

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Gary Kildall
Biografía
Nacemento19 de maio de 1942
Seattle, Estados Unidos de América
Morte11 de xullo de 1994 (52 anos)
Monterey, Estados Unidos de América
Causa da mortemorte accidental, traumatismo físico
Lugar de sepulturaEvergreen Washelli Memorial Park (en)
EducaciónUniversidade de Washington
Queen Anne High School (en)
Actividade
Campo de traballoCiencias da computación
Ocupacióninformático teórico, profesor universitario, programador, empresario
Período de actividade1972 -
EmpregadorNaval Postgraduate School (pt)
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeDorothy McEwen Kildall
FillosScott Kildall
Sinatura Thumb

WikiTree: Kildall-1
Pechar

Traxectoria

Gary Kildall naceu e creceu en Seattle, Washington, onde a súa familia levaba unha escola de náutica. O seu pai, Joseph Kildall, era un capitán de ascendencia norueguesa. A súa nai, Emma, era en parte de orixe sueca, xa que a avoa de Gray nacera en Långbäck, Suecia, mais emigrara ao Canadá aos vinte e tres anos.[3]

Kildall casou con Dorothy McEwen en 1963 mentres ambos estaban a cursar estudos de secundaria. Ao nacer o primeiro fillo de ambos, Scott, mudáronse a Monterey Peninsula en 1969.[4] En 1971 tiveron a súa primeira filla, Kristin.[5] Kildall graduouse como profesor de matemáticas na Universidade de Washington en Seattle a principios da década de 1970.[6]

Mentres traballaba como profesor na Escola Naval de Posgraduado (NPS) en Monterey, California, implementou a linguaxe de programación PL/I para os microprocesadores 4004 e 8008 ao mesmo tempo que traballaba como consultor para Intel.[6] Despois de obter o doutoramento ciencias da Computación,[1] dedicouse en 1973 a crear un sistema operativo para as intel Intellec 8.[6] Referíase a esas versións como PL/M, M por microcomputadora e de alí xurdiu CP/M.

Despois de ofrecer a súa obra CP/M a Intel, esta empresa non amosou interese ningún niso,[7] así que xunto coa súa esposa Dorothy fundou a compañía Intergalactic Digital Research en 1974,[1] e a súa sede estaba situada na 801 Lighthouse Avenue, Pacific Grove, California.[8] Logo de renunciar ao seu traballo en 1976 en NPS foi renomeada como Digital Research Incorporated.[6] Continuou a traballar en CP/M e ao principio vendíao en anuncios clasificados nas últimas páxinas de revistas de computación.

Co lanzamento da Altair 8800 en xaneiro de 1975 finalmente había un sistema comercial capaz de executar CP/M, e antes da fin dese ano xurdiron varios computadores clónicos con sistemas de discos que o requirían. Contra 1977, era o máis popular dos sistemas operativos de microcomputadora en existencia, executando en case todas as computadoras baseadas nun procesador Intel 8080 ou Zilog Z80. Para esa época os ingresos de Digital Research acadaron os 25 millóns de dólares (equivalentes a máis de cen millóns do ano 2018).[9]

En 1980, IBM achegouse acercó a Digital Research buscando unha versión do CP/M para a súa próxima computadora persoal. Kildall deixou esperando os representantes de IBM varias horas para voar na súa avioneta xunto coa súa esposa, que estaba de aniversario e era quen manexaba as relacións comerciais da empresa.[6] Outra historia di que IBM quería que Dorothy asinase o seu acordo de non divulgación estándar, que ela consideraba moi limitador. Esencialmente, Digital Research esixía un pagamento por cada copia vendida mentres que IBM quería un gran pagamento polos dereitos de uso, sen limitacións.[10] IBM volveu para falar con Microsoft e Bill Gates viu a oportunidade comercial da súa vida. Obtivo os dereitos para un clon de CP/M chamado QDOS (Quick and Dirty Operating System) escrito por Tim Paterson de Seattle Computer, foi licenciado a IBM, e así naceu o MS-DOS/PC-DOS.

Máis tarde, IBM descubriu que o sistema operativo de Gates podería infrinxir o copyright de CP/M,[11] púxose en contacto con Kildall, e acordaron que este non os levaría a xuízo a cambio de que xunto co PC-DOS se vendese o CP/M. O prezo fixado era de 250 dólares para o CP/M e 40 para o PC-DOS.

A decisión de empregar o sistema operativo de Microsoft foi o principio da fin de Digital Research como o maior produtor mundial de software para microcomputadoras.

DR-DOS

Digital Research perdeu a longa batalla por promover o seu CPM-86 así que o modificaron para empregar as mesmas aplicacións que MS-DOS e PC-DOS, volvéndoo lanzar en maio de 1988 como DR-DOS. A primeira versión pública foi o DR-DOS 3.41 que ofrecía mellores características que o entón MS-DOS 3.3.

Esta foi outra perdida: aínda que o produto con cada versión presentou innovacións que sempre o compararon favorablemente contra o MS-DOS, Digital Research non puido sustentar a desleal competencia de Microsoft e Kildall acabou por vender a súa compañía a Novell, non obstante, o produto aínda existe en diferentes encarnacións.

GEM Desktop

Outro importante produto de Gary foi a primeira interface gráfica de usuarios para o procesador 8086, GEM Desktop, lanzado en febreiro de 1985. A pesar das súas prestacións, o produto non tivo moito éxito como sistema independente e a súa última versión pública saíu en novembro de 1988. Porén, continuou a venderse a empresas como interface gráfica para os seus produtos, salientando o Atari ST e o Ventura Publisher. Tamén se empregou en Digital Research para produtos derivados como ViewMax. A súa liña de desenvolvementeo sobreviviu ata a adquisición de Digital Research por Novell.

Outros proxectos

Despois do CP/M, preocupado pola proliferación de BASIC nas microcomputadoras, Kildall creou PL/I-80, un subconxunto da linguaxe de programación PL/I que funcionaba en computadoras con CP/M. Tamén desenvolveu varios proxectos experimentais, incluíndo unha posta en marcha da linguaxe de programación educativa LOGO, interfaces entre computadoras e lectoras de CD-ROM, e reprodutores de videodiscos. Ademais, creou unha versión para CD-ROM da Grolier's Encyclopedia en 1985,[12] sendo o primeiro en logralo (o seu prototipo foi gravado en videodisco, xa que o CD-ROM aínda non saíra ao mercado).[2]

Retiro

Kildall abandonou Digital Research en 1991 cando a compañía foi vendida a Novell, e mudouse á área suburbana de Austin, Texas, mantendo un segundo fogar en California e axudando os nenos vítimas do VIH.[13] Amigos e coñecidos recoñecen o desenganado que estaba por como o MS-DOS, cun deseño baseado case por completo nas súas ideas para CP/M, fixeron famosos a Bill Gates e Microsoft, mentres que el languidecía na escuridade. Nunca máis apareceu en espectáculos televisivos como "The Computer Chronicle" onde actuaba como coanfitrión.[14][15]

Morte

O 8 de xullo de 1994, Kildall sufriu unha caída nun bar de moteiro de Monterey, California e golpeou a cabeza.[16] A circunstancias exactas da lesión non están claras. Nos últimos anos fora alcohólico.[17][18] Varias fontes afirman que caeu dunha cadeira, que tropezou ou que foi atacado porque entrara no Franklin Street Bar & Grill levando roupa de Harley-Davidson.[19] Ingresou e saíu do hospital dúas veces, e faleceu tres días despois no Hospital Comunitario de Monterey Peninsula. Unha autopsia realizada o día seguinte non determinou de xeito conclusivo unha causa da morte.[20][21] Está enterrado no Evergreen Washelli Memorial Park ao norte de Seattle.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.