proxección citoplasmática que se estende alén do bordo frontal dos lamelipodios en células migrantes animais From Wikipedia, the free encyclopedia
Os filopodios[1] (do latín filopodium) son delgadas proxeccións citoplasmáticas que se estenden alén do bordo frontal dos lamelipodios en células migrantes animais[2] e tamén se observan en protistas. Dentro dos lamelipodios, as costelas de actina denomínanse microespiculas e cando se estenden máis alá dos lamelipodios, denomínanse filopodios.[3] Conteñen microfilamentos da proteína actina que establecen enlaces cruzados formando feixes por medio de proteínas formadoras de feixes de actina,[4] como a fascina e a fimbrina.[5] Os filopodios forman adhesións focais co substrato, que os unen á superficie celular.[6] Moitos tipos de células migrantes presentan filopodios, que se pensa que están implicados na percepción de pistas quimiotrópicas e nos cambios resultantes na locomoción dirixida.
A activación da familia Rho das GTPases, particularmente cdc42 e os seus intermediarios augas abaixo, ten como resultado a polimerización de fibras de actina por proteínas de homoloxía Ena/Vasp.[7] Os factores de crecemento únense ás tirosina quinases receptoras o que ten como resultado a polimerización de filamentos de actina, que, cando establecen enlaces cruzados, constitúen os elementos de soporte citoesqueléticos dos filopodios. A actividade de Rho tamén orixina a activación por fosforilación das proteínas da familia ezrina-moesina-radixina que liga os filamentos de actina á membrana dos filopodios.[7]
Os filopodios exercen un papel na percepción, migración e interacción célula-célula.[2] Para que se cerre unha ferida en vertebrados, certos factores de crecemento estimulan a formación de filopodios en fibroblastos para dirixir a migración dos fibroblastos e pechar a ferida.[8] Nas neuronas en desenvolvemento os filopodios esténdense desde o cono de crecemento no bordo dianteiro. En neuronas privadas de filopodios pola inhibición parcial da polimerización dos filamentos de actina, a extensión do cono de crecemento continúa como é normal, mais a dirección de crecemento está alterada e é moi irregular.[8] Proxeccións similares a filopodios tamén foron ligadas á creación de dendritas cando se forman as novas sinapses no cerebro.[9][10] En macrófagos os filopodios actúan como tentáculos fagocíticos, empurrando os obxectos unidos a eles cara á célula para fagocitalos.[11]
Os filopodios tamén os usan as bacterias para moverse entre as células e así evadirse do sistema inmunitario do hóspede. As bacterias intracelulares Ehrlichia son transportadas entre células a través dos filopodios da célula hóspede inducidos polo patóxeno durante os estadios iniciais da infección.[12] Os virus tamén son transportados ao longo dos filopodios cara ao corpo da célula, o que conduce á infección da célula.[13] Tamén se describiu o transportre dirixido do factor de crecemento epidérmico (EGF) unido a receptor ao longo dos filopodios, o que apoia a proposta función de percepción que teñen os filopodios.[14]
O coronavirus SARS-CoV-2 causante da COVID-19 orixina a formación de fiopodios nas células que infecta.[15]
En protozoos son comúns os pseudópodos filiformes (filopodios). Un exemplo son os coanozoos da clase Nucleariida, que son ameboides e con filopodios flexibles e adelgazados no extremo. En antigas clasificacións as amebas filosas eran as que presentaban pseudópodos estreitos e afiados (filopodios); actualmente a maioría están clasificadas como cercozoos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.