From Wikipedia, the free encyclopedia
Os euriarqueotas (Euryarchaeota) son un filo (e tamén un reino) de procariotas do dominio Archaea. É un dos grupos principais de arqueas e orixinalmente foi separado do grupo (Crenarchaeota) baseándose nas secuencias do ARNr. Son procariotas simples e abranguen un conxunto amplo e diverso de microorganismos, entre os que hai moitos extremófilos.[1][2]
Euriarqueotas | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Halobacterium sp. cepa NRC-1, cada célula mide uns 5 µm de longo. | |||||||
Clasificación científica | |||||||
| |||||||
Clases | |||||||
| |||||||
Sinonimia | |||||||
|
Podemos distinguir os seguintes grupos de Euryarchaeota segundo a súa forma de vida:
Estes organismos (clase Halobacteria) viven en ambientes extremadamente salinos, lagos salgados, salinas, depósitos subterráneos salinos, e tamén se atopan nas superficies de alimentos moi salgados como peixes e carnes en salgadura. Outros organismos halófilos (fungos, camaróns etc) teñen concentracións salinas citoplasmáticas normais, e para mantelas deben gastar enerxía permanentemente para levaren o sal fóra da célula e a auga dentro. Estas Archaea, poden vivir a maiores concentracións salinas e teñen a vantaxe de ter a mesma concentración salina dentro das células ca fóra. Para sobreviviren necesitan solucións cun mínimo de sal do 9%, pero a maioría das especies prefiren concentracións do 12-23% e poden sobrevivir con concentracións do 32% de sal. Teñen a característica única de usar a luz como fonte de enerxía sen ter clorofila, xa que no seu lugar teñen un pigmento chamado bacteriorrodopsina (de funcionamento similar ao pigmento da retina dos ollos) que lle dá á súa membrana unha cor púrpura, e que reacciona coa luz producindo un gradiente de protóns ao longo da membrana que lles permite a síntese de ATP. Comprende uns vinte xéneros.
Este é un grupo extenso de arqueas que producen metano como parte do seu metabolismo. Comprende as clases Methanobacteria, Methanococci, Methanomicrobia e Methanopyri. Encóntranse amplamente distribuídas en sedimentos, pantanos anóxicos, lagos, fontes hidrotermais, augas residuais e tamén no rume de animais herbívoros, intestinos de cans e seres humanos e no tramo posterior do tubo dixestivo de insectos tales como térmites e carrachas. Malia a súa gran diversidade xenética, só poden usar uns poucos substratos simples, a maioría deles compostos C1 como H2/CO2, metanoato, metanol ou metilamina, aínda que unha especie determinada só pode utilizar dous ou tres deles. Algúns deles tamén son hipertermófilos ou acidófilos. Comprende uns trinta xéneros.
É un pequeno grupo de organismos (clase Thermoplasmata) que contén aos acidófilos máis extremos coñecidos, Picrophilus, cun pH óptimo de 0,7, que pode crecer a 0,06 e morrer a valores de pH menores de 4,0. A maioría son termófilos e viven en mananciais sulfurosos e mesmo en moreas de carbón encendidas. Inclúe os xéneros Ferroplasma, Picrophilus e Thermoplasma.
É un pequeno grupo de organismos que viven en ambientes extremadamente quentes como fontes hidrotermais, sedimentos abisais quentes e depósitos de petróleo quentes. Comprende as clases Archaeoglobi e Thermococci, e mais algúns metanóxenos e acidófilos. A temperatura óptima de crecemento é superior a 80 °C, e Pyrococcus soporta unha temperatura máxima de 105 °C. A maioría prefire un pH neutro, aínda que Thermococcus alcaliphilus ten un pH óptimo de 9,0 e un máximo de 10,5. Inclúe os xéneros Archaeoglobus, Ferroglobus, Geoglobus (clase Archaeoglobi), Palaeococcus, Pyrococcus e Thermococcus (clase Thermococci).
As análises das secuencias de ARNr recollidas en mostras de auga de mar suxiren que as Archaea constitúen unha parte importante do plancto oceánico. Estas secuencias xenéticas clasificáronse en catro grupos, os dous primeiros os máis amplamente distribuídos. Os grupos II, III e IV son Euryarchaeota (o grupo I son Crenarchaeota). O grupo II é máis abondoso nas augas superficiais e está perifericamente relacionado con Thermoplasmata. Os outros dous grupos parecen ser menos abondosos. O grupo III encóntrase en augas por debaixo da zona fótica e tamén está relacionado con Thermoplasmata. O grupo IV foi descuberto polo Profesor Francisco Rodriguez-Valera e os seus colaboradores da Universidade Miguel Hernández (España). Parece que habitan nas augas profundas do océano, porque nunca se detectaron na superficie e si nas partes máis profundas da columna de auga. O grupo parece relacionado con Halobacteria.
No cladograma móstrase a taxonomía actualmente aceptada do grupo baseada na LPSN (List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature) [3] e na base de datos do NCBI (National Center for Biotechnology Information) [4] e a filoxenia está baseada en datos do ARNr 16S do LTP 106 do Proxecto The All-Species Living Tree.[5]
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Notas:
♠ Cepas atopadas no NCBI pero non na LPSN.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.