Remove ads
especie de planta From Wikipedia, the free encyclopedia
O eucalipto azul, eucalipto branco[1][2] ou eucalipto[3][4][5] (Eucalyptus globulus)[6][7] é unha árbore perennifolia da familia das mirtáceas pertencente ao xénero eucalipto. Constitúe unha das especies de árbores nativas de Australia máis espalladas ao longo do mundo. Estas árbores adoitan medrar até os 30 ou 55 m de altura. O meirande espécime desta especie atópase na illa de Tasmania e mide 90,7 m.[8] Existen rexistros antigos de árbores aínda máis altas, chegando a meirande aos 101 m.[9] O Avó de Chavín (Viveiro), cuns 7,6 metros de circunferencia na base e máis 61,8 metros de altura, é o eucalipto máis alto da Península Ibérica e un dos máis altos de Europa [10]. A distribución natural desta árbore abrangue a illa de Tasmania e o sur do estado australiano de Victoria (particularmente no sur do estado). Existen poboacións nativas illadas en King Island e Flinders Island, ambas as dúas illas no estreito de Bass. Froito das repoboacións con fins económicos ou ornamentais, existen na actualidade poboacións establecidas no sur de Europa (particularmente en Galicia e Portugal), sur de África, Nova Zelandia, oeste dos Estados Unidos (California), Hawai e a Macaronesia[11].
Eucalipto azul | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
E. globulus en Hawai. | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Eucalyptus globulus Labill. | |||||||||||||||||
En inglés denomínase Tasmanian Blue Gum, Southern Blue Gum ou Blue Gum. Os termos Tasmanian (con orixe en Tasmania) e Southern (sureño ou meridional) fan referencia á orixe meridional da árbore (sur de Australia e norte de Tasmania). Blue Gum refírese á cor (blue=azul) do zume que sae de xeito abondoso da codia da árbore cando se lle fan cortes. Gum é o caucho que se forma cando o zume supura. En galego coñécese coma eucalipto azul ou tamén eucalipto branco (pola cor da súa codia). Existen tamén segundo a zona unha ampla sinonimia para denominar á especie.
O eucalipto azul foi proclama emblema floral do estado de Tasmania o 27 de novembro de 1962. O nome da especie vén do latín globulus, pequeno botón, e fai referencia á forma do opérculo.
Trátase dunha árbore esvelta, que alcanza unhas alturas medias de 45-55 metros, aínda que non son infrecuentes exemplares de alturas moito maiores[12], de copa oblonga e tronco normalmente moi recto, do que nacen pólas en toda a súa lonxitude pero que adoita perder as máis baixas. Existen especies de Eucalyptus de forma arbustiva.
O troco é recto e mostra moitas veces unha tendencia á torsión helicoidal. A cortiza adoita ser fina e lisa, desprendéndose en longas tiras para deixar ao descuberto o tronco abrancazado ou cincento; nalgunhas especies son anchas láminas de cortiza as que caen. Moitas veces esas tiras quedan pendurando do tronco ou das pólas inferiores. Nalgunhas especies, a cortiza é fibrosa e persistente, mostrando os sucos normais dunha cortiza, ben en toda a súa extensión ou só na base. As raíces son moi profundas.
A madeira é de cor clara, tirando a amarelada, de textura aberta e aneis de crecemento evidentes. Resiste ben a humidade.
É de folla perenne, de disposición alterna e de forma ovada ou lanceolada, cando as follas son novas (ata uns 2 anos), ou falciforme, cando son adultas[13]. As primeiras son brandas, azulentas (glaucas), opostas e sen pecíolo (sésiles), duns 7-16 x 4–9 cm; as segundas, coriáceas, teñen pecíolo, normalmente péndulas, e son alternas e de cor verde escura, de ata 30 cm de lonxitude por 3–4 cm de ancho. Outra diferenza vén representada polas pólas: as xuvenís teñen unha sección cuadrangular, con catro arestas ben visibles, mentres que as adultas son de sección arredondada; aquelas están cubertas, ademais, por unha substancia branca (pruína) que perde se se refrega lixeiramente.
As xemas son espidas e acompañadas de xemas dormentes ou de reversión (tecnicamente, epicórmicas). Este tipo particular de xema agromará se morren as primeiras a consecuencia dun incendio, o que permite a rápida recuperación da árbore. Mesmo son quen de producir novas follas nas partes máis baixas das ramas cando estas medran excesivamente, con risco de quebrar.
Florece en primavera e verán pero pode verse en flor en calquera época do ano. No caso do E. globulus as flores son solitarias pero noutras especies adoitan formar pequenos acios. Son sésiles ou cun pequeno pedúnculo e preséntanse dentro dunha cápsula leñosa, de forma piramidal, con catro costelas ben marcadas e provista dun opérculo cun mamelón[14]. Este froito é o resultado da modificación e fusión do cáliz e a corola. O opérculo despréndese ao madurar a flor, que presenta numerosos estames brancos. A disposición dos froitos (solitarios ou agrupados), a forma e o tamaño do pedúnculo son elementos diferenciais á hora de recoñecer a especie.
O ovario transfórmase nun froito tamén en cápsula, denominado popularmente casulo ou carabullo[15]. Mide uns 2,5 cm de diámetro e presenta catro cavidades contendo numerosas sementes do seu interior, moi pequenas (nunha media de 70 sementes por gramo).
É unha árbore moi pouco esixente canto ás características do chan (desde solos graníticos a areais, desde solos de só uns centímetros de terra fértil ata fecundas terras pardas), o que explica en parte a súa capacidade de difusión e crecemento, soportando sen problemas condicións climatolóxicas adversas e réximes subhúmidos a hiperhúmidos. Estímaselles unha supervivencia en torno aos 200 anos.
A área nativa do eucalipto é Tasmania, o Promontorio de Wilson e a costa adxacente de Victoria (Australia), así como as illas do estreito entre Tasmania e Australia.
Desde moi pronto, tralo seu descubrimento exportouse a outros continentes onde gañaron unha importancia económica relevante debida ao feito da súa rendibilidade para producir pasta de celulosa, usada na fabricación de papel. A FAO xa cuantificaba a superficie reforestada en España en 1973 en 390.277 ha, principalmente en Andalucía (269.029 ha).
Algunhas fontes indican que foi Frei Rosendo Salvado (1814-1900), que evanxelizou Australia, quen trouxo a árbore a Galicia a mediados de século XIX[16], se ben outras fontes aseguran que as nosas árbores foron importadas dende Portugal. Non hai coincidencia na data exacta da súa introdución: Silva Pando afirma que comezou a plantarse en Galicia en 1845-1855; o edafólogo Díaz-Fierros dá como primeira cita en Galicia a de 1863[17], e tamén supón que procede de plantacións portuguesas, onde se coñecía desde 1839[18]; Pablo Ramil Rego asegura que Rosendo Salvado enviou as sementes en 1886[19].
Nun principio cultivouse como árbore ornamental, e así podemos ver exemplares na Alameda de Santiago, nos xardíns do Gran Hotel da Toxa (O Grove) ou no Pazo de Rubiáns (Vilagarcía); pero axiña se espallou por toda Galicia (e o norte peninsular) para o seu aproveitamento madeireiro, dado o seu rápido crecemento e facilidade de cultivo na climatoloxía galega: se a mediados dos sesenta do século pasado o eucalipto ocupaba en Galicia uns poucos centos de hectáreas[20], cara a 1992 eran unhas 40.000 hectáreas[21] e en 2009 tiñamos xa 375.000[22]. Hoxe está amplamente distribuído por toda Galicia, especialmente na franxa costeira, xa que non medra tan doadamente a alturas superiores aos 500-700 metros de altitude por ser sensible ás xeadas. En calquera caso e aínda que non resiste temperaturas por baixo dos -5 °C, recupérase rapidamente grazas a eses brotes epicórmicos que se mencionaron antes.
Os distintos autores coinciden en que o verdadeiro problema da especie foi a repoboación masiva con eucaliptos que tivo lugar no tardofranquismo, no momento no que cedeu o monocultivo do piñeiro para empezar a subvencionar o eucalipto.[Cómpre referencia] Estas subvencións, xunto ao alto prezo que pagaban as papeleiras nun principio, a alta produtividade (que podía chegar a 40 m³ por hectárea e ano) e o abandono do medio rural daqueles tempos de puxante industrialización, fixeron que moitas terras que antes se dedicaban a outros cultivos pasasen a ser sementadas de eucaliptos, mesmo terras agrícolas de alto valor[23].[Cómpre referencia]
Dende hai uns 25 anos estase utilizando nas repoboacións forestais da Galicia interior unha especie resistente ás xeadas e á altitude, o Eucaliptus nitens, que presenta o inconveniente de que a súa madeira non é tan axeitada para a fabricación de pasta de celulosa coma a do eucalipto branco.
O E. globulus representa máis do 95 % da especie en Galicia. Outras especies presentes, como ornamentais ou como especie forestal, son o E. obliqua (de casca fibrosa e madeira de moi boa calidade)[24], o E. viminalis (tamén de cortiza rugosa, pero só na base), o E. macarthuri, o E. calophylla (de flor vermella), o E. camaldulensis, o E. delegatensis (unha das especies que alcanza maior altura) ou o E. robusta.
O eucalipto pode ser considerado como a especie arbórea máis controvertida en Galicia[25], con defensores e detractores que non sempre tiveron en conta os datos científicos (Silva Pando).[Cómpre referencia] Xa se dixo que os efectos negativos foron máis unha consecuencia das plantacións masivas que se realizaron a partir do último terzo do século pasado, como acontece con calquera monocultivo pero agravados, neste caso, polas características peculiares desta especie.
A introdución masiva desta especie (e hoxe existe unha práctica unanimidade ao respecto) foi unha das máis desafortunadas iniciativas forestais da nosa historia (Xunta de Andalucía)
Entre as críticas que se lle fan destaca, en primeiro lugar, o feito de presentar unha extrema avidez pola auga, que pode chegar a causar o desecamento de pozos e ríos próximos. Nestas elevadas necesidades de auga inflúe a densa rede de raíces, capaz de aproveitar a mínima greta do subsolo.
Esta afirmación, matizada nos últimos anos, acompaña ao eucalipto desde os primeiros momentos da súa introdución: Eladio Rodríguez escribía (1949) que "Considéraselle útil por varios conceptos, pois polo seu rápido desenvolvemento deseca o terreo, contribúe a sandar as localidades pantanosas e crese que as emanacións das súas follas destrúen os xermes das febres palúdicas". Tamén se consideraba, pola mesma razón, bo para curar o paludismo: Cuveiro escribía en 1876 que "Se usa con buen resultado en las fiebres intermitentes[26]. Fórmase unha infusión teiforme con catro das súas follas pecioladas ou dúas das sentadas, que se dá dous veces ao día aínda durante o acceso, xa que axiña diminúe a forza. O seu extracto recoméndase nas neuralxias".
Opinións semellantes defendían tamén outros autores igualmente distantes ás posicións ecoloxistas. Font Quer escribía en 1961 que "A introdución do eucalipto fíxose para sandar terreos baixos e pantanosos, morada das larvas dos mosquitos, e pensando que non só rematarían coas charcas e zonas húmidas senón tamén coas 'miasmas' do paludismo", para concluír que "saneou extensos territorios palúdicos do orbe enteiro" (Font Quer, 398-399).
Mesmo na 22ª edición do Diccionario da Real Academia Española (outubro de 2001) mantense a mesma tese: "A árbore é de grande utilidade para sanear terreos pantanosos".
Na controversia que acompaña a esta árbore non faltan estudos que quitan importancia a este dato.[Cómpre referencia] Díaz-Fierros estimaba que o consumo de auga dun eucalipal, dun piñeiral e dunha carballeira eran practicamente semellantes: 1.195 litros por m2 e ano no primeiro caso, fronte a 1.149 e 978 nas dúas últimas especies, pero só cando a plantación estaba realizada sobre solos de pouca profundidade (menos de 50 cm), xa que cando se situaba en terras agrícolas, profundas, destinadas tradicionalmente a pradeiras e cultivos, a redución do caudal hídrico era do 60%[27].
Tamén se lle achaca a capacidade de reducir a biodiversidade da flora e fauna asociadas ao sotobosque, e facilitar a propagación de incendios forestais por ser unha especie pirófila, que non só non morre co lume, senón que os incendios forestais facilítanlle a colonización do espazo.
Un bosque de eucaliptos pode crear problemas de incendios incontrolables debido á grande altura que acadan estas árbores en pouco tempo de crecemento e á fácil combustión da súa madeira. En bosques mestos de eucaliptos, as lapas dun incendio poden acadar máis de 300 metros de alto, como se pode comprobar en Australia na época da seca. Co incendio poden perder toda a masa foliar, que reaparece sen problemas coas primeiras chuvias[28].
Os eucaliptos son unhas árbores que provocan alosteria, un fenómeno consistente na emanación de certas substancias químicas que fan que non medren árbores ou herbas doutra clase ao seu redor. En Australia, a flora autóctona está adaptada a estas árbores e aos seus fenómenos alostéricos, de xeito que nese país os eucaliptais si teñen sotobosque, estrato fundamental para o ecosistema dun bosque. Ademais a fauna autóctona (coalas) aliméntase destas árbores, de xeito que se alcanza un ecosistema equilibrado.
Estudos realizados en Galicia sobre eucaliptais vellos e implantados matizan esta observación no sentido de que, ao madurar a masa de árbores, descende a densidade da masa foliar e permítese o acceso da luz solar ao chan. Así, Silva Pando ofrece os seguintes datos: 21 especies vexetais diferentes no caso dos eucaliptais fronte ás 22 especies nas matogueiras ou nos piñeirais, cifra que se eleva a 29 especies nunha fraga consolidada.[Cómpre referencia] Ramil Rego daba diferenzas moito máis significativas referidas a un bosque da Mariña lucense: menos de 20 plantas vasculares nun eucaliptal maduro fronte a 60-70 especies nun bosque autóctono.
Conclusións semellantes obtén Silva Pando respecto á concentración de microorganismos no chan destes mesmos tipos de ecosistemas: 15±7 x 106/g de solo nun eucaliptal, 17±7 nun piñeiral fronte a 25±9 nunha fraga. A flora microbiana e fúnxica do chan resulta imprescindible para a formación de humus e a fertilidade do substrato.
Tamén se comprobou unha diferenza significativa na avifauna: mentres que nunha fraga media poden observarse 12,92 especies diferentes de aves, nun eucaliptal só hai 7,84 especies diferentes, segundo estudos realizados pola Sociedade Galega de Ornitoloxía en 2003[29]. Tamén a diferenza no número de aves é similar: 52,1 aves por km2 nunha fraga fronte as 28,5 exemplares nun eucaliptal.
Dende 1990, o eucalipto galego é vítima do ataque dun insecto defoliador, o gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus), que se estendeu rapidamente por tódalas plantacións ao non contar con inimigos naturais que controlasen a súa expansión. Dende 1999 combátese con éxito esta praga mediante a liberación controlada dunha pequena avespa, tamén natural de Australia, Anaphes nitens, que actúa como parasitoide específico do gurgullo.
En Andalucía existe outros insectos que actúan como pragas do eucalipto. O Phorocanta semipunctata e P. recurva, chamado taladro ou perforador do eucalipto , foi importado en Europa coas primeiras árbores xa no século XIX, se ben aínda non se detectou en Galicia a causa das condicións climatolóxicas galegas, que non permiten o seu desenvolvemento[30]. Neste caso, o dano prodúceo o desenvolvemento da larva que escava longas galerías baixo a cortiza da árbore e provoca que seque. A praga afecta normalmente a árbores con algún tipo de lesión ou que sofren longos períodos de seca, pero tamén se atopou en exemplares sans e en troncos acabados de cortar.
Outra praga presente en España e Portugal, e ausente tamén en Galicia, é o Ctenarytaina eucalypti (Rhinocola eucalypti), cuxas ninfas se alimentan da saiba das follas. En Portugal tamén está presente o Melolontha sp., cuxas larvas aliméntanse das raíces da árbore.
Tamén hai fungos que afectan os eucaliptos. O Mycosphaerella provoca a putrefacción das follas. Máis común, pero menos daniño é o Botrytis cinerea, que provoca o chamado mal azul; afecta a exemplares novos (antes da aparición das follas adultas) nos que causa a aparición de manchas verde-azulentas no talo e morte das follas.
O principal uso comercial do eucalipto consiste no aproveitamento madeireiro, tanto na obtención de madeira como, fundamentalmente, na obtención de pasta de papel, pero tamén para fabricar serradura, taboleiros de partículas, laminados tipo formica, fibras téxtiles, aceites etc. A madeira non é boa para ebanistería pero, ao ser moi resistente á humidade, vai ben para postes ou para vigas de batea. Outros uso, como o decorativo ou o medicinal, son secundarios e testimoniais.
No ano 2005[31], o volume de madeira cortada de eucalipto representaba en Galicia o 47,12% do total das especies forestais, cun total de 2.697.627 metros cúbicos (na Coruña ascendía ao 66,29%). Estudando a serie histórica obsérvase un mantemento nas cifras desde 1997, cando se cortaron 2.730.002 m3. Nese mesmo ano 2005, o prezo medio da madeira de eucalipto foi de 20,41 euros/m3, fronte aos 27,08 euros no caso do piñeiro.
O uso terapéutico das follas do eucalipto é anterior á chegada dos europeos ao continente australiano: os aborixes nativos bebían o cocemento de follas para combate-la febre[32]. Este aproveitamento medicinal acompañou logo á especie segundo se ía expandindo polo mundo e queda reflectido en nomes populares como árbore da saúde ou árbore da febre. Hoxe en día forma parte da farmacopea popular e mais da oficial, tanto en forma de follas desecadas como de aceite esencial[33].
As follas adultas teñen propiedades balsámicas e antisépticas, polo seu contido en aceites esenciais: eucaliptol (o 1-3%).
En medicina utilízanse as follas, directamente ou trala súa destilación para obter a esencia. O uso máis habitual é por inhalación dos vapores que desprende á cocción, para catarreiras, bronquite, sinusite ou farinxite.
Mediante uso externo (a auga de cocer as follas ou a esencia) utilízase como antiséptico e cicatrizante de feridas. O eucaliptol é un dos ingredientes característicos da pomada Viks VapoRub ®, xunto ao alcanfor e o mentol, utilizada contra arrefriados e conxestión nos meniños[34].
Tamén contén substancias tóxicas: a eucaliptina (unha flavona, de acción estroxénica), e desaconséllase o seu uso en embarazadas, durante a lactación e nos meniños. Pode acelerar o metabolismo hepático dalgúns medicamentos, polo que é incompatible co consumo de sedantes, analxésicos ou anestésicos.
O mel de eucalipto, producido a partir do seu néctar, é moi estimado[35].
Do eucalipto pode extraerse tamén o xilitol, un alcohol de azucres amplamente utilizado como edulcorante na industria alimentaria, especialmente para facer goma de mascar[36].
Disque a sombra do castiñeiro (por húmida e fría) e da nogueira son malas; a do carballo, do eucalipto e doutras árbores é boa, pero a mellor é a do piñeiro (Rodríguez López).
Os vapores de eucalipto son desinfectantes e serven para curar os arrefriados; para curar a diabetes úsase o viño quente con estrugas e follas de eucalipto. Tamén se utiliza na medicina veterinaria popular: as espullas do gando cúranse con auga de eucalipto.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.