From Wikipedia, the free encyclopedia
O Proxecto de Estatuto Vasco-Navarro foi un proxecto de Estatuto de Autonomía conxunto para as provincias de Álava, Guipúscoa, Navarra e Biscaia. En realidade, elaboráronse varios proxectos entre os anos 1930 e 1936. Sobre un primeiro borrador da Sociedade de Estudos Vascos a asemblea de alcaldes vasco-navarros celebrada o 14 de xuño de 1931 en Estella, con maioría de carlistas e nacionalistas vascos, aprobou un proxecto que reservaba á futura rexión autónoma as relacións coa igrexa católica, o que levou ao político socialista Indalecio Prieto a manifestar que o que se quería era establecer un Xibraltar vaticanista.
A Comisión de Estudos Vascos presenta o 31 de maio de 1931 un Estatuto Xeral do Estado Vasco [2] no que declara un Estado Vasco autónomo dentro da totalidade do Estado español formado polas catro provincias españolas e cuxo nome sería Euskadi. Nel o goberno central tería plena autoridade en cuestións internacionais, comunicacións, moeda, dereito mercantil e penal, relacións Igrexa-Estado, eleccións nacionais e forzas armadas en xeral. O goberno vasco quedaría con plena autoridade nos demais asuntos e na administración dos demais dentro das súas fronteiras, incluíndo policía e forzas armadas (chamadas milicias vascas).
O 7 de xuño o PNV acepta este proxecto con algunhas obxeccións, xa que a xurisdición sobre as relacións coa Igrexa quedaban en mans do goberno español. Socialistas, republicanos e carlistas tamén o apoian, aínda que todos coas súas propias reservas. O resultado é que 480 dos 520 municipios das catro provincias dan o seu apoio inicial ao proxecto.
Convócase para o 14 de xuño, en Pamplona, unha asemblea para discutir o proxecto, trasladándose a asemblea a Estella por coincidir cunha asemblea para a reunificación dos carlistas. Discútese punto por punto o proxecto e é aprobado cunha importante modificación: garante a completa autonomía nas relacións entre o Estado Vasco e a Santa Sé, e o dereito a negociar o seu propio concordato co Vaticano.
O resultado é o coñecido como Estatuto de Estella. Na asemblea dos concellos realizada en Estella, dos 220 concellos navarros presentados, 200 apoiaron o Estatuto vasconavarro (89,93% da poboación)
O 13 de xullo outra asemblea reunida en Pamplona ratifica o Estatuto.
O 22 de setembro unha delegación de 420 alcaldes desprázase a Madrid, entregando o proxecto de estatuto a Niceto Alcalá Zamora. O 25 e 26 de setembro debátese en comisión nas Cortes, onde deciden que o artigo sobre relacións Igrexa-Estado sera anticonstitucional, polo que é rexeitado na súa totalidade.
O 9 de decembro queda aprobada a Constitución da Segunda República española. Nela sepárase Igrexa e Estado, declárase ilegal a actividade das ordes relixiosas en España e suprímese a educación católica estatal. Os vascos organizan unha comisión xestora das catro provincias para redactar un novo Estatuto acorde coa Constitución, que se presenta oficialmente en xuño de 1932. Neste novo Estatuto non se menciona o Estado Vasco, senón unha unidade autónoma politico-administrativa dentro do estado español que se chama País Vasconavarro en castelán e Euskadi en éuscaro.
O novo documento non é demasiado apoiado polos carlistas, cuxa dirección declara que os seus membros deberán votar segundo a súa conciencia individual. Mentres moitos carlistas táchano de antifuerista, o PNV contesta dicindo que o auténtico foro non se axusta á vontade dos que viven no pasado, senón á dos que viven no día de hoxe.
A aprobación da Constitución da Segunda República Española de 9 de decembro de 1931 fai fracasar ese primeiro proxecto.
Redactouse outro Estatuto axustado ás disposicións constitucionais, pero foi rexeitado en xuño de 1932 por unha asemblea de concellos navarros, que apoiaban a confesionalidade do mesmo, polo cal seguiu a súa tramitación como estatuto soamente para as tres provincias Vascongadas (o actual País Vasco), e sería finalmente aprobado en 1936, xa iniciada a guerra civil española. As forzas políticas navarras, tanto da dereita como a esquerda, estiveron divididas á hora de aprobar un estatuto conxunto coas vascas, un Estatuto só para Navarra ou manter sen cambios o réxime foral por razóns relixiosas.
A cuestión volveuse a expor a partir de 1975, e de novo foi rexeitado polo Goberno central e pola maioría dos partidos políticos navarros, que decidiron elaborar un Estatuto propio e constituírse en Comunidade Autónoma Foral. Este Estatuto vasco-navarro tivo o apoio dos partidos nacionalistas vascos e de navarros vasquistas, pero os partidos navarros constitucionalistas e rexionalistas do con representación parlamentaria en Navarra como UCD, PSOE (este partido tras cambiar a súa opinión a partir de 1978) e UPN (Unión do Pobo Navarro) decidiron crear un Estatuto propio para Navarra (Lei Orgánica de Reintegración e Amelloramento do Réxime Foral de Navarra), que foi aprobado pola maioría do Parlamento navarro.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.