Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Eleutherodactylus coqui é unha especie de ra endémica de Porto Rico, onde recibe o nome de coquí, que pertence á familia Eleutherodactylidae. O machos da especie fan unha forte chamada nocturna característica, que ten varios propósitos. A chamada "CO" serve para repeler outros machos e establecer un territorio, mentres que a chamada "KI" serve para atraer as femias.[3] Como os sistemas auditivos de machos e femias responden perferentemente a diferentes notas da chamada do macho, este é un exemplo de diferenzas entre sexos no sistema sensorial. É unha ra importante na cultura de Porto Rico e é un dos símbolos non oficiais desa illa.
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
Eleutherodactylus coqui | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Eleutherodactylus coqui Thomas, 1966 |
A especie foi descrita por R. Thomas en 1966.[4] Pertence ao xénero Eleutherodactylus, que en grego significa dedos libres. O nome específico procede dos dous sons que emite nas súas chamadas (CO, KI). O xénero contén 185 species, que se encontran no sur dos Estados Unidos de América, Centroamérica, Suramérica e o Caribe.
Un macho adulto mide, do fociño ao ano, de 30 a 37 mm, cunha media de 34 mm, mentres que as femias adultas miden de 36 a 52 mm, cunha media de 41 mm. A localización da ra tamén afecta ao seu tamaño, por exemplo a maiores alturas esta ra é máis grande. As diferenzas en tamaño entre os sexos son o resultado do consumo adicional de enerxía que fan os machos debido ao seu comportamento reprodutor.[5]
Son de cor marrón con pintas na parte superior e flancos de cor torrado oxidado e un ventre gris claro. Igual que as ras arborícolas, os coquís posúen tamén almofadiñas adherentes na punta das dedas que lles axudan a agarrarse a superficies húmidas ou esvaradías.[6] Os pés non están palmados nin adaptados á natación.
Son ras nocturnas e o seu comportamento está influenciado polo ambiente que as rodea, concretamente co nivel de humidade. Cando aumenta a humidade pola noite emerxen e empezan a gabear ata o seu fogar no dosel do bosque. A medida que decrece a humidade volven a baixar ata niveis inferiores, onde a humidade é maior. As poboacións de individuos novos viven no sotobosque sobre follas durante os períodos máis secos, as cales lles proporcionan tamén protección contra os invasores. A medida que medran e se fan adultos, desprázanse ao dosel e empeza o proceso descrito antes.[7]
A especie é nativa das illas de Porto Rico, Vieques e Culebra, onde é abundante e está moi estendido; a única notable excepción ocorre nos bosques secos de Porto Rico, onde é máis rara. É a ra máis abondosa de Porto Rico, con densidades estimadas de 20 000 individuos/ha.[8] Estas densidades flutúan dependendo da estación e o hábitat. Xeralmente, as densidades son maiores durante a última metade da estación húida e diminúen durante a estación seca.[9] A especie é considerada unha xeneralista en canto ao hábitat, xa que vive nunha ampla gama de hábitats, como os bosques de folla ancha mésicos, montañas e áreas urbanas, encóntrase en bromelias, buratos de árbores e baixo troncos, rochas e lixo.[10] Como esta especie non necesita corpos de auga para reproducirse, pode encontrarse na maioría das altitudes, con tal de que dispoña de humidade dabondo. En Porto Rico, encóntrase desde o nivel do mar a un máximo de 1 200 m. Os adultos xeralmente adoitan atoparse a maiores altitudes que os individuos novos.
A miúdo cohabita cos humanos. Debido ao seu uso do hábitat non restrinxido, é común que se encontre en casas e parques. Encóntrase en hábitats naturais como bosques de montaña a elevacións de menos de 1 200 me no bosque seco. Encóntrase no sotobosque e en todos os niveis ata o dosel.[11]
Foi introducida nas Illas Vírxes, e na República Dominicana,[12] Florida e Hawai,[13][14] e nestas últimas illas converteuse nunha especie invasora con densas poboacións. A introdución nas illas Hawai foi accidental e aconteceu a finais da década de 1980, moi probablemente como polisón en plantas en testo e rapidamente se estableceu por si soa nas catro illas maiores. Agora o estado de Hawai considéraa unha especie praga e está na lista das especies invasoras máis daniñas no mudo.[15] Como especie invasora pode chegar a ter densidades de ata 91 000 individuos/ha.[16] As maiores densidades que acada na súa área invasora están impulsadas probablemente por estar libre dos predadores nativos, carecer de competidores interepecíficos e pola abundancia de comida. En Hawai, encóntrase a un máximo de 1 170 m sobre o nivel do mar.[17]
En áreas nas que excede densidades de 51 000 individuos/ha pode consumir uns 300 000 invertebrados por noite. Debido á súa enorme abundancia, en Hawaii crece a preocupación polos seus impactos ecolóxicos e económicos. Actualmente supón un custo para ese estado de case 3 millóns de dólares ao ano e o seu espallamento fíxose xeralmente polo comercio de plantas de viveiro. Como resultado moitas persoas son reticentes a comprar plantas deses viveiros debido ao risco de infestación, polo que se aplicaron corentenas e desinfestacións para mellorar a economía. Como a especie se estableceu tamén en zonas residenciais, a xente empezou a evitar mercar casas nas zonas onde hai infestación.[18]
É un predador nocturno xeral oportunista que caza sentando a esperar, que consome gran cantidade de presas.[8] As dietas varían dependendo da idade e tamaño, pero están compostas principalmente de artrópodos. Os individuos novos comen presas menores, como formigas, mentres que os adultos teñen dietas máis variadas, como arañas, avelaíñas, grilos, carqacois e pequenas ras.[8] Os machos comen ocasionalmente ovos da súa propia posta, probablemente para obter unha nutrición adicional mentres están vixiando os seus niños.
Os machos que están emitindo chamadas comen menos presas que os silenciosos, os cales toman a mairoría do seu alimento a medianoite, mentres que os machos que emiten chamadas consumiron a esa hora só o 18% do seu alimento.[19]
Reprodúcense durante todo o ano, pero o pico de actividade reprodutora é na estación húmida. As femias poñen normalmente entre 16 e 40 ovos, de catro a seis veces ao ano, en intervalos de oito semanas. Os ovos son protexidos poos machos dos predadores, como poden ser outras ras da súa especie ou caracois Subulina.[5] O período de xestación é de 17 a 26 días. O período de maduración, é dicir o tempo que vai desde o ovo ao adulto reprodutor, é duns oito meses.
A diferenza da maioría das ras, que poñen os seus ovos na auga, os E. coqui póñenos en follas de palmeiras ou outras plantas terrrestres. Tamén usan niños de aves abandonados como lugar de posta. Paxaros como o Coereba flaveola, o Loxigilla portoricensis e o Todus mexicanus comparten os seus niños con esta ra.[17] Este método de reprodución permite que o coquí viva en bosques, montañas e outros hábitats sen ter unha dependencia directa da auga. Como pon os ovos en terra, esta especie non pasa polo estadio de cágado, e desenvolve as extremidades dentro do ovo, en vez de pasar por unha metamorfose como larva acuática. Así, eclosionan do ovo raíñas xa completamente independentes, pero cunha pequena cola que perden pouco despois. Este estadio de desenvolvemento directo permitiu que sexa un exitoso colonizador terrestre en áreas tropicais. Os ovos eclosionan en oito semanas e o animal chega á madurez reprodutora nun ano. As crías liberanse do ovo usando un dente do ovo que se foma no xénero Eleutherodactylus. Tanto os machos coma as femias espantan os intrusos que se achegan aos seus niños choutando, perseguindo e ás veces trabando. Os machos son os principais coidadores dos ovos, aos que ofrecen protección e un ambiente húmido por contacto coa súa pel. Abandónanos durante os períodos moi secos para ir recoller máis humidade para a súa descendencia.[20]
A chamada distintiva de E. coqui pode escoitarse aquí e aquí |
Os machos empezan as súas chamadas de apareamento subindo por riba do nivel do chan.[21] A chamada ou canto desta ra utilízase para atraer unha parella e tamén para establecer un territorio. Un coquí pode entrar no territorio doutro e retar o residente empezando a cantar, e ambos os dous comezan un duelo de cantos (que pode durar varios minutos). O primeiro que afrouxe en manterse na cadencia considérase o perdedor e abandona a área sen que se chegue a utilizar a violencia física.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.