From Wikipedia, the free encyclopedia
El Buscapié foi un periódico satírico editado en Pontevedra de 1866 a 1868.
El Buscapié | |
---|---|
Localidade | Pontevedra |
[ editar datos en Wikidata ] |
Subtitulado Periódico satírico, de noticias y anuncios, apareceu o 6 de maio de 1866. De periodicidade semanal, tiña catro páxinas e un prezo de dez reais por trimestre. Confeccionábase na Imprenta del Siglo propiedade de Arturo Tiscar e Xoaquín Buceta Solla, sendo o responsable da súa edición Esteban Sanz. Na primeira etapa tivo un carácter festivo, ridiculizando determinadas necesidades sociais e locais. Aparecían redactores e colaboradores que empregaban con frecuencia un pseudónimo (El Consabido, Saca-Trapos, El Buscapié, La Sombra, El Diputado Local). Posiblemente detrás destes sobrenomes estiveran os que se coñecen como fundadores e redactores do xornal Luís Rodríguez Seoane, Claudio Cuveiro e Joaquín Buceta Solla. Máis tarde colaboraron tamén José Benito Juncal e Nicanor Rey Díaz. Como secretario de redacción figuraba Celestino Núñez.
Tivo unha segunda etapa a partir do 4 de novembro de 1866, na que deixou a un lado o seu ton festivo para tornarse nunha publicación seria, mantendo esa condición ata o 1 de agosto de 1867. A partir desta data levou como subtítulo Periódico semanal de intereses generales. Malia á súa popularidade en certos medios, o xornal cesou definitivamente pouco antes de comezar o período revolucionario, sacando en total 118 exemplares. O seu derradeiro número saíu o 1 de agosto de 1868. Nesta segunda etapa publicou unha revista de carácter festivo titulada El Aguinaldo para agasallar os abonados. O seu primeiro número (e posiblemente o único) saíu na noiteboa de 1867.
El Buscapié encabezaba con noticias estranxeiras xerais e de Galicia, seguía con revista da prensa galega e continuaba con editoriais e producións literarias en prosa. Ademais ofrecía as seccións “Variedades”, “Crónica local”, “Gacetillas”, “Charadas”, partes telegráficos locais, movementos de buques, “Anuncios” e “Folletín”. Tratou temas como a industrialización de Galicia ou a reforma do sistema agrario. Tivo discusións con outras publicacións da época, sobre todo co científico-literario pontevedrés El Progreso, co que compartía redactores. Tamén polemizou co semanario La Revista da mesma cidade. En ocasións, cando era censurado, deixaba espazos baleiros en sinal de protesta.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.