política rusa From Wikipedia, the free encyclopedia
Ekaterina Konstantinovna Breshko-Breshkovskaia (en ruso: Екатери́на Константи́новна Бре́шко-Брешко́вская), nada en Viciebsk o 13 de xaneiro de 1844 e finada en Horní Počernice o 12 de setembro de 1934 foi unha revolucionaria, veterana socialista, fundadora do Partido Social-Revolucionario[1] e membro da súa fracción conservadora, coñecida tamén como «a avoa da revolución» ou simplemente babushka («a avoa»).
Nome orixinal | (en) Catherine Breshkovsky (fr) Catherine Breshkovsky |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (ru) Екатерина Константиновна Брешко-Брешковская 13 de xaneiro de 1844 (Xuliano) Ivanovo, Rusia (en) |
Morte | 12 de setembro de 1934 (90 anos) Horní Počernice, República Checa (en) |
Lugar de sepultura | Cemetery in Chvaly (en) |
Membro da Asemblea Constituínte Rusa | |
Actividade | |
Ocupación | política, aristócrata, revolucionario |
Partido político | Workers' Party for the Political Liberation of Russia (en) Partido Social-Revolucionario |
Obra | |
Arquivos en | |
Familia | |
Fillos | Nikolay Breshko-Breshkowskiy |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Writers of St. Petersburg. XX century (en) >>>:Брешко-Брешковская Екатерина Константиновна, Russian Writers 1800-1917: Tome 1 (en) , (p.326-327) |
Liberal nos seus comezos, Breshko-Breshkovskaia pasara ao populismo, apoiara o terrorismo, máis tarde adoptara unha postura defensista durante a primeira guerra mundial e durante o período interrevolucionario en 1917 foi unha destacada dirixente da corrente dereitista do Partido Social-Revolucionario.[2]
Breshkovskaia, nada Verigo -o apelido polo que se coñece habitualmente débese ao seu matrimonio- en 1844,[2][1] creceu no seo dunha familia da aristocracia rural de espírito liberal na provincia de Viciebsk.[1]
Nos primeiros anos da década de 1860 xa se entregou a traballar xunto aos campesiños nas escolas rurais e nos zemstvos.[1] Na mesma década contraeu matrimonio, pero abandonou o seu marido en 1873.[1] Debido á súa actividade política foi vixiada pola policía.[1]
O ano que abandonou o seu esposo trasladouse a Kíiv, onde estabeleceu unha comuna xunto cunha irmá súa.[1] Convertida en bakuninista, participou na campaña dos narodniki da primavera e o verán de 1874 na que intelectuais rusos idealistas marcharon ao campo para tratar de transformar ao campesiñado.[1] Detida polas autoridades en setembro dese ano, foi encerrada na Fortaleza de San Pedro e San Paulo en San Petersburgo.[1] Foi xulgada catro anos máis tarde e condenada a traballar nas minas de Siberia durante cinco anos, pena que foi conmutada a dez meses de exilio na mesma rexión.[1] Habendo escapado en 1881, foi arrestada novamente e condenada a catro anos de traballos forzados nas minas e ao exilio interior, impedíndoselle regresar á Rusia europea ata 1896.[1]
Foi unha dos escasos membros do movemento populista que mantivo a súa fe no campesiñado e a súa reforma tralo fracaso da campaña de 1874.[3]
A comezos do século XX, retomou a axitación revolucionaria, asociándose con Grigorii Gershuni e máis tarde con Viktor Chernov, cos que fundou o novo Partido Social-Revolucionario en 1901.[1] Percorreu o país, seguida de Gershuni, para solicitar o apoio dos vellos revolucionarios e lograr novas afiliacións ao partido, utilizando para iso o seu prestixio de veterana revolucionaria.[4]
En 1903 fuxiu do país, buscada pola policía tsarista. Estableceuse en Xenebra e pasou a formar parte do comité central do novo partido.[1] O ano seguinte asistiu ao congreso socialista en Ámsterdan e trasladouse aos Estados Unidos para recadar fondos para a agrupación política.[1]
Regresou a Rusia durante a Revolución de 1905 e asistiu ao segundo congreso campesiño en Nizhni Nóvgorod, antes de ser novamente detida en 1907 e devolta á fortaleza capitolina onde xa fora encerrada.[1] En 1909 foi xulgada e condenada ao exilio siberiano. Tratou en balde de escapar en 1913 e foi castigada co illamento carcerario.[1] En total pasou vinte anos en Siberia.[5]
Coñeceu a Aleksandr Kerenskii durante o seu segundo exilio en Siberia, converténdose nunha das súas maiores defensoras.[1] O propio Kerenskii organizou o seu regreso a Europa trala revolución de febreiro.[6] Seguía entón en Siberia, xunto con outros destacados membros do partido como Abraham Gotz ou Mariia Spiridonova.[7]
No período do goberno provisional ruso, Breshko-Breshkovskaia destacou como un dos principais membros do á máis dereitista do partido,[5] financiando o diario Volya Naroda (A vontade do pobo)[8] e apoiando activa e firmemente ao Goberno.[6] Como outros antigos revolucionarios, Breshko-Breshkovskaia converteu o seu anterior respaldo ás ideas populistas en nacionalismo e nun certo paneslavismo anti-xermano.[8] Financiou ao diario conservador do partido con abundantes fondos recadados por admiradores estadounidenses e apoiou as accións para manter o esforzo bélico do país.[8]
Adversaria feroz dos bolxeviques, aos que consideraba axentes alemáns, e das posturas da fracción esquerda dos socialrevolucionarios, foi quedando illada na formación.[6] Defendeu con vehemencia o mantemento da alianza con Francia e o Reino Unido e a continuación da guerra ata a vitoria.[9] A súa influencia real era escasa, malia o seu prestixio como veterana revolucionaria.[6]
Na primavera, foi elixida como membro do comité executivo central dos soviets de campesiños, dominado pola corrente dereitista do partido.[10]
Tras a toma do poder por Lenin na revolución de outubro, enfrascouse na preparación da Asemblea Constituínte Rusa e, trala súa disolución polos bolxeviques, apoiou ao Goberno antibolxevique do Komuch; trasladouse á súa sede en Samara no verán de 1918.[6] En setembro de 1918, participou como membro da Unión pola Rexeneración de Rusia na conferencia de Ufá que reuniu a diversas autoridades antibolxeviques e levou á formación do efémero Directorio de Omsk.[11] Volveu aos Estados Unidos para recadar fondos e arremeteu ante o Senado en 1919 contra Lenin e os seus partidarios.[6]
Permaneceu exiliada en Rutenia, entón parte da nova república checoslovaca, xestionando dúas escolas.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.