futbolista israelí From Wikipedia, the free encyclopedia
David "Dudu" Aouate (en hebreo, דודו אוואט), nado en Nazareth Illit o 17 de outubro de 1977, é un exfutbolista israelí, que xogaba de porteiro. Despois de gañar unha liga israelí co Hapoel Haifa e outra co Maccabi Haifa, con 26 anos deu o salto ao fútbol español, no que militou durante 11 temapdas ata o final da súa carreira deportiva, defendendo as camisetas do Racing de Santander, o Deportivo da Coruña e o Mallorca. É o futbolista israelí con máis partidos disputados na Primeira División de España e o gardameta con máis encontros na historia da selección israelí, na que xogou entre 1999 e 2013.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 17 de outubro de 1977 (47 anos) Nazaré Illit, Israel (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 188 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1996 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Partido político | Gesher (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Israel | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Naceu na cidade israelí de Nazarteh Illit (hoxe chamada Nof HaGalil), no seo dunha familia de xudeus sefardís, sendo fillo dun alxerino e unha marroquí. Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Hapoel Nazareth Illit, pasando máis tarde ás categorías inferiores do Maccabi Haifa. Non tivo oportunidades co primeiro equipo, cuxa portería defendía o que logo sería histórico gardameta do club, Nir Davidovich, polo que deixou o equipo e pasou ao Maccabi Tel Aviv, onde foi suplente no equipo xuvenil.
En 1997 fichou polo Hapoel Haifa, sendo na súa primeira tempada suplente de Avi Peretz. Na seguinte tempada aproveitou unha lesión de Peretz para facerse coa titularidade e acabou sendo unha peza importante do conxunto adestrado por Eli Guttman, que se proclamou campión da liga israelí por primeira vez na súa historia. As súas boas actuacións propiciaron a súa primeira convocatoria coa selección israelí en outubro de 1999.[1]
No 2001, os problemas económicos do Hapoel e unha grave lesión de Davidovich no Maccabi Haifa, fixeron que regresase ao seu antigo equipo, co que gañou unha nova liga na súa primeira campaña. Na 2002/03 foi titular no primeiro partido dun equipo israelí na historia da Liga de Campións, ante o Manchester United en Old Trafford.[2] Trala recuperación de Davidovich tivo que competir con el polo posto baixo os paus, acabando o equipo subcampión de liga.
En xullo de 2003 aterrou no fútbol europeo, fichando polo Racing de Santander, da Primeira División, onde non ocupou praza de extracomunitario ao contar con pasaporte francés.[3] Recalou no club cántabro, onde coincidiu cos seus compatriotas Benayoun e Afek,[4] para ser o principal porteiro do equipo trala marcha do belga Lemmens e a retirada do histórico Ceballos, pero a chegada a última hora de Ricardo, cedido polo Manchester United, relegouno á suplencia durante case toda a tempada. O seu debut produciuse nun partido da Copa do Rei contra o Barakaldo o 8 de outubro, mentres que o seu primeiro partido en liga xogouno sete meses despois, ante Osasuna no Sadar, cando desbcancou a Rircardo da titularidade.[4]
Nas tempadas 2004/05 e 2005/06 foi titular indiscutible na portería do Racing, por diante dos suplentes Toño e Valencia. Disputou un total de 80 partidos coa camiseta do club en tres tempadas, conseguindo nas tres a permanencia en Primeira.
En agosto de 2006 asinou un contrato por catro anos co Deportivo da Coruña, despois de que Racing e Deportivo chegasen a un acordo para o traspaso do gardameta a cambio de Pedro Munitis, que regresou así ao Racing.[5] No equipo galego gañou a confianza de Joaquín Caparrós, que o aliñou en tódolos partidos de liga durante a súa primeira tempada, por diante do uruguaio Gustavo Munúa.
Xa con Lotina no banco, foi tamén titular nas 14 primeiras xornadas da tempada 2007/08, ata que perdeu o posto a favor de Munúa. O 11 de xaneiro de 2008, un día despois de que Aouate se queixase da súa suplencia nos medios de comunicación, os dous gardametas protagonizaron un lamentable incidente, cando Munúa golpeou ao israelí cun puñazo no ollo ao finalizar un adestramento.[6] A instancia dunha denuncia realizada polo fiscal, un xuíz de Betanzos condenou a Munúa a seis meses de cárcere por agresión, conmutables por unha multa de 3.650 euros.[7] Estes feitos supuxeron o afastamento dos dous metas do primeiro equipo por parte do adestrador. En febreiro, debido á inexperiencia do porteiro do equipo filial Fabri, ambos xogadores foron reintegrados no equipo e o israelí recuperou o posto de titular ata o final de tempada.[8][9]
Descartado por Lotina para a tempada 2008/09, estivo varios meses adestrando por separado e acabou fichando polo Mallorca a finais de decembro de 2008, por aproximadamente un millón de euros.[10] Durante a súa etapa no Deportivo, Aouate superou a Haim Revivo como o futbolista israelí con máis partidos na Primeira División española.[11]
Chegou a Mallorca para solucionar os problemas do club na portería, con Miguel Ángel Moyá lesionado e Germán Lux ofrecendo un rendemento menor do esperado.[12] Debutou o 8 de xaneiro de 2009 nun partido de Copa do Rei fronte ao UD Almería que rematou con vitoria (3–1), e foi titular en case todos os restantes encontros da tempada. Continuou como indiscutible na portería de Son Moix durante os seguintes catro anos, sendo o gardameta preferente dos diferentes adestradores que pasaron polo banco, por diante de Lux e máis tarde Calatayud.
Ao remate da campaña 2012/13 o club balear descendeu a Segunda División e o xa capitán Aouate seguiu un ano máis no equipo, comezando a seguinte campaña como titular. Con todo, acabou perdendo a titularidade e esta pasou a mans de Rubén Miño, que xogou a gran maioría de partidos da campaña.[13] Ao remate da competición anunciou a súa retirada, despois de 176 partidos co Mallorca e máis de 500 ao longo da súa carreira.
Foi 78 veces internacional coa selección israelí, coa que debutou o 30 de outubro de 1999, nunha derrota por 0-3 ante España no Carlos Belmonte de Albacete.[14] Foi habitual na portería israelí durante a seguinte década e media, converténdose no gardameta con máis partidos na historia da selección, despois de superar os 69 de Itzhak Vissoker.
Inmediatamente trala súa retirada como futbolista, continuou no Mallorca co cargo de mánager xeral, ata que dimitiu en outubro de 2014, co equipo na última posición da táboa.[15] Desde dedícase á representación de futbolistas na axencia Sports Player International, da que é propietario.[16] Foi ademais un dos fundadores do partido político Gesher, de ideoloxía liberal e sionista.[17]
Persoa de fortes conviccións relixiosas, en setembro de 2006, mentres militaba no Deportivo da Coruña, concedeu unha entrevista ao Diario As, na que foi preguntado sobre o significado do Yom Kippur e sobre as prohibicións que implicaba esa festividade. Aouate respondeu que entendía que xogar ao fútbol nesa festividade non estaba permitido, pero que se se lle obrigaba a xogar contra a Real Sociedad, faríao. Os seus comentarios provocaron unha gran controversia en Israel, onde un membro do partido Shas pediu que Aouate fose expulsado da selección nacional.[18]
En setembro de 2010, militando no Mallorca, pediu non xogar fronte a Osasuna, xa que o partido debía comezar 18 minutos antes de finalizar o día do xaxún xudeu. O seu club aceptou a súa petición.[19]
En decembro de 2009, durante un partido entre Osasuna e Mallorca, Aouate foi sometido a cánticos antisemitas por parte dos seguidores navarros. Ademais, ondearon bandeiras palestinas e chamárono "asasino". A Real Federación Española de Fútbol realizou unha investigación sobre o incidente, sendo xa a segunda vez que o xogador se enfrontaba a este tipo de abuso (a vez anterior fora tamén xogando contra Osasuna en 2006, cando Aouate era xogador do Deportivo).[20][21]
En 2023, durante o recrudecemento do conflito israelí-palestino, o futbolista francés gañador dun Balón de Ouro Karim Benzema publicou en Twitter unha mensaxe de apoio aos habitantes da Franxa de Gaza bombardeados polo exército israelí. Dudu Aouate respondeu con outro tuit no que insultaba a Benzema en cinco linguas diferentes.[22] Uns días despois volveu atacar o xogador francés, acusándoo de ser pŕoximo á islamista Irmandade Musulmá.[23]
Casou con Hagit Aouate, coa que tivo dúas fillas e un fillo, antes da súa separación.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.