Remove ads
dólar de plata estadounidense conmemorativo From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar Lafayette é unha moeda de prata con valor facial dun dólar emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos co gallo da participación deste país na Exposición Universal de París de 1900.
Dólar Lafayette[1][2] | |
---|---|
A/: Cabezas acaroadas de Lafayette e de Washington. Lenda: * UNITED · STATES · OF · AMERICA * LAFAYETTE · DOLLAR | R/: Monumento ecuestre a Lafayette. Lenda: ERECTED · BY · THE · YOUTH · OF · THE · UNITED · STATES · IN · HONOR · OF · GEN · LAFAYETTE / PARIS * 1900 |
|
A moeda, obra do gravador xefe da US Mint Charles E. Barber, caracterízase pola representación das cabezas do Marqués de Lafayette e de George Washington no seu anverso e un monumento ecuestre a Lafayette no seu reverso.
Trátase do único dólar de prata conmemorativo emitido nos Estados Unidos antes de 1983 e da primeira moeda estadounidense en reproducir a efixie dun cidadán dese país.
A partir de 1898, persoeiros sobranceiros dos Estados Unidos promoveron a erección en París dun monumento a Lafayette, un nobre francés que loitara na Guerra de Independencia estadounidense. Entre estas persoas achábase o empresario de Chicago Ferdinand Peck, a quen o presidente William McKinley elixiu como comisario xeral da participación dos EEUU na Exposición de París. Peck logrou que a proposta de monumento formase parte do proxecto do seu país para a exposición, e nomeou a Comisión Conmemorativa de Lafayette para recadar fondos con ese fin. Como parte da recadación, creouse a moeda conmemorativa dun dólar de prata coñecida como "dólar Lafayette", cuxa emisión foi autorizada polo Congreso o 3 de marzo de 1899.
Barber sinalou que as cabezas do anverso estaban inspiradas nunha escultura de Jean-Antoine Houdon —para Washington— e nunha medalla de 1824 de François-Augustin Caunois —para Lafayette—. Pola súa banda, para o reverso utilizou un primeiro esbozo do monumento deseñado polo estadounidense Paul Wayland Bartlett, cuxo apelido se reproduce na base da estatua, neste reverso.
Os dólares Lafayette non se esgotaron na súa posta á venda para a recadación de fondos, polo que das 50.026 inicialmente cuñadas 14.000 foron novamente fundidas.
Gilbert du Motier de Lafayette naceu o 6 de setembro de 1757 nunha familia da nobreza francesa.[3] Aos dous anos de idade, o seu pai morreu na batalla de Minden, a partir do cal herdou unha considerable fortuna, sendo aínda un neno. Lafayette casou en 1774.[4]
En 1775, durante o seu servizo militar en Metz, tivo coñecemento da Revolución Americana nas Trece Colonias e, sendo aínda un oficial novo, considerou xusta a causa americana. Ao se informar de que o Congreso Continental carecía de fondos, Lafayette alugou un buque pola súa conta en 1777 e partiu cara a América, onde en principio recibiu un acollemento frío por parte do Congreso, aínda que finalmente foi aceptado, en parte polos informes do enviado estadounidense en Francia, Benjamin Franklin, que indicaban que Lafayette pertencía a unha familia rica e influente.[5]
O Congreso votou en xullo de 1777 para comisionar a Lafayette como xeneral de división e enviouno a coñecer a George Washington, con quen axiña estableceu unha relación moi estreita. Lafayette amosouse desde o principio desexoso de servir na fronte e resultou ferido na batalla de Brandywine, en setembro de 1777. Francia non tardou en entrar na guerra no bando estadounidense e foi decisiva na vitoria final.[6]
Lafayette retornou a Francia en 1781 convertido nun heroe nacional en ambos os países, e fixo unha nova visita aos Estados Unidos en 1784. En Francia, involucrouse na política para favorecer unha monarquía constitucional, e chegou a ser membro da Cámara dos Deputados.[7]
“ | Que este inmenso Templo da Liberdade se manteña sempre en pé, como lección para os opresores, como exemplo para os oprimidos, como santuario dos dereitos da humanidade! E que estes felices Estados Unidos acaden o completo esplendor que ilustrará as beizóns do seu Goberno, e que polas idades vindeiras lles dará xúbilo ás almas defuntas dos seus fundadores.
Discurso do Marqués de Lafayette ante a comisión enviada para a súa despedida en 1784.[8] |
” |
En 1824, o Congreso dos Estados Unidos votou por unanimidade para que o presidente James Monroe convidase a Lafayette a regresar como invitado pola nación. O marqués e o seu fillo, que non en van se chamaba George Washington Lafayette, arribaron a Nova York en medio de grandes celebracións e durante un ano e medio Lafayette visitou os daquela 24 estados. En 1825 regresou a Francia, onde faleceu en 1834.[9]
Lafayette foi unha das oito persoas que recibiu a honra de ser nomeado "cidadán honorario dos Estados Unidos"[10] Consonte Arlie Slabaugh, no seu libro sobre as moedas conmemorativas dos EEUU, "Lafayette fíxose tan popular e respectado en ambos os países que a amizade que estableceu entre eles se prolongou ata os nosos días".[11]
En marzo de 1898 presentouse no Congreso dos Estados Unidos unha proposta para a creación dunha comisión encargada de erixir un monumento a Lafayette en París en nome dos Estados Unidos, que posteriormente foi aprobada polo Senado. O empresario e filántropo de Chicago Ferdinand Peck testificou en apoio deste proxecto, aínda que inicialmente non foi aprobado pola Cámara de Representantes por mor das maiores urxencias provocadas pola guerra hispano-estadounidense.[12]
No mesmo ano, o presidente William McKinley designou a Peck como comisario xeral dos Estados Unidos para a Exposición Universal de París de 1900, e este reavivou a idea do monumento como parte dos actos da Exposición, para o que nomeou unha comisión, que debería lograr a inauguración do monumento o 4 de xullo de 1900 —Día da Independencia dos EEUU e xornada dedicada a este país na Exposición—. Entre os membros desta comisión figuraba o Controlador da Moeda, Charles G. Dawes, e o secretario, Robert J. Thompson.[13]
A recadación de fondos para a erección do monumento a Lafayette foi unha das principais encomendas da comisión,[14] e un dos medios propostos foi a creación dunha moeda conmemorativa. A principios de 1899, a comisión solicitou unha asignación de 50.000 dólares en forma de 100.000 moedas de medio dólar conmemorativas, que poderían venderse ao público cunha prima para obter fondos. Este método xa axudara a financiar a Exposición Mundial Colombina de Chicago, en 1893, coa creación do medio dólar colombino. No canto dunha moeda de medio dólar, o Congreso aprobou o 3 de marzo de 1899 unha lei que asignaba a cantidade de 50.000 dólares en forma de moedas dun dólar de prata, que se debería cuñar para a ocasión. O Congreso indicou que o metal para a súa produción debería adquirirse no mercado aberto e non proceder das existencias da Casa da Moeda, e fixou un límite máximo para o seu custo en 25.000 dólares. Para este fin, o Tesouro adquiriu 38.675,875 onzas troy de prata por 23.032,80 dólares. Os deseños deberían ser seleccionados polo director da Casa da Moeda, coa aprobación do secretario do Tesouro.[15][16][17]
Logo da aprobación, o gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, fíxose cargo persoalmente do proxecto para tratar de evitar demoras e as disputas que se crearan nas dúas conmemoracións anteriores: o medio dólar colombino e o cuarto de dólar isabelino.[18]
O 24 de marzo de 1899, o director da Casa da Moeda, George E. Roberts, escribiulle unha carta á comisión do monumento conmemorativo de Lafayette na que se amosaba o seu desexo de que unha representación do monumento figurase nunha das faces da nova moeda dun dólar. Barber contactou o día seguinte ao superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia, Henry Boyer, facendo referencia á carta anterior, e solicitoulle un esbozo do monumento.[19]
O 12 de abril de 1899, o secretario da comisión fíxolle chegar ao gravador xefe un esbozo preliminar do monumento: unha estatua ecuestre de Paul Bartlett. Barber esbozou tamén outros deseños, entre eles un co texto do discurso de Lafayette en 1784 sobre a prosperidade dos Estados Unidos, e outro cunha figura de Lafayette en pé, por se se consideraba omitir a representación do cabalo. Mais a proposta exitosa consistiu no concepto de Barber das cabezas de Lafayette e de Washington nunha face da moeda, e a estatua ecuestre de Lafayette na outra. O director, Roberts, aprobou axiña esta proposta e, sen consultar previamente coa comisión, filtrou o esbozo ao American Journal of Numismatics, da American Numismatic Society, que o publicou no seu número de 1899.[20]
O 23 de maio dese ano, Barber escribiulle a Roberts para lle comentar que pensaba tomar como referencia para o busto de Washington do anverso a escultura de Jean-Antoine Houdon de 1786 e a súa posterior translación a unha medalla ese mesmo ano, gravada por Pierre-Simon-Benjamin Duvivier. Pola súa banda, a cabeza de Lafayette que acompaña a de Washington no anverso baseouse no busto aparecido nunha medalla de François-Augustin Caunois datada en 1824.[19]
Peck e outros membros da comisión amosaron a súa insatisfacción por estas propostas para o deseño do anverso e fixeron as súas propias, que Barber criticou nunha carta remitida ao director Roberts o 8 de xuño. Peck propuña incluír o mencionado texto da declaración de Lafayette de 1784 e, ademais, que se se representasen no anverso só as caras de Washington e de Lafayette, no canto de apareceren as cabezas enteiras. Ante esta proposta, Barber declarou:
“ | Na miña opinión, as cabezas de Washington e de Lafayette deben ser tratadas desde o punto de vista do escultor e debe facerse todo o posible para as representar cunha grandeza e unha dignidade acordes á posición que ocupan na historia da nación, o que certamente non se podería facer se se amosan asomadas a unha media lúa.[24] | ” |
Seguindo as instrucións de Roberts, Barber foi a Nova York para se reunir con Peck durante os días 14 e 15 de xuño. A continuación, Barber informou o director da Casa da Moeda acerca do resultado das entrevistas, sentenciando: "Creo que non imos oír falar máis da oración de Lafayette". Segundo Barber, Peck asumía agora que o espazo dispoñible nunha moeda era moi limitado, mesmo se esta era do tamaño das dun dólar —a máis grande do sistema monetario estadounidense—, polo que o texto de Lafayette non podería figurar nela.[25]
A proposta da comisión era a de representar a estatua na moeda sen o seu pedestal, o cal Barber consideraba como algo que lle podería facilitar o seu labor á hora de gravar os cuños.[26]
O 20 de xuño de 1899, Barber presentou a súa proposta cos deseños finais para a moeda dun dólar de Lafayette, que, como esixía a lei, foi aprobada por Roberts na súa condición de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, o día 1 de xullo. Con todo, esta aprobación formal non acabou coa controversia acerca dos motivos que deberían figurar na moeda, xa que a comisión desexaba que esta amosase a data de 1900 pero que comezasen a vender o antes posible, xa en 1899. A este respecto, o secretario do Tesouro, Lyman Gage, insistiu no disposto na Lei da Moeda de 1873, que esixía que a data que aparecese nas moedas fose a da súa cuñaxe. Finalmente, chegouse a unha postura de consenso: a cuñaxe das moedas levouse a cabo en decembro de 1899, non se distribuíron ata o mes seguinte e a fórmula que se gravou sobre elas foi PARIS 1900.[27]
Os cuños definitivos para o anverso do dólar de Lafayette reflicten as cabezas acaroadas de Washington e de Lafayette. O investigador numismático Arlie R. Slabaugh sinalou que, a pesar de que Barber afirmaba que os deseños das cabezas do anverso se baseaban na escultura de Houdon e na medalla de Caunois, era probable que estes tivesen só un efecto relativo no deseño final, xa que "sempre crin que a fonte inmediata ou a idea para o deseño foi a medalla do Centenario de Yorktown, de 1881.[29] Swiatek e Breen sosteñen que, aínda que o antecedente último da representación de Washington de Barber foi o busto de Houdon, a fonte da cabeza de Lafayette era sen dúbida a medalla do Centenario de Yorktown de 1881, de Peter L. Krider.[30] Krider era un gravador de Filadelfia sen vinculación coa Casa da Moeda, autor de varias medallas e moedas privadas durante as décadas de 1870 e de 1880.[31]
O anverso vese completado coa inclusión das lendas UNITED STATES OF AMERICA e LAFAYETTE DOLLAR, arriba e abaixo, respectivamente, das cabezas de ambos os personaxes.[32]
O reverso, baseado nun primeiro esbozo da estatua de Lafayette creada por Bartlett, representa a Lafayette a cabalo, cabalgando cara á esquerda. Na moeda non aparece ningunha marca de gravador alusiva a Barber, aínda que si que se amosa o apelido "Bartlett" inscrito na base da estatua. Na mesma base, e estendéndose por baixo dela, incluíuse unha póla de palma. Todo o conxunto do reverso aparece rodeado pola lenda ERECTED BY THE YOUTH OF THE UNITED STATES IN HONOR OF GEN LAFAYETTE / PARIS 1900 ("erixida pola xuventude dos Estados Unidos na honra do xeneral Lafayette. París, 1900"), como homenaxe aos esforzos de recadación de fondos que tiveron lugar nos centros educativos do país en 1898. Swiatek e Breen sinalan que, mesmo se se admite que a data de 1900 era a da exposición e a da erección da estatua, as moedas estarían a violar a Lei da Moeda de 1873, xa que carecerían de data de cuñaxe, contravindo así o establecido pola devandita norma.[32]
Neste reverso, Lafayette sostén unha espada co brazo estendido.[32] Bartlett describiu así a versión da estatua que serviu de base para o traballo de Barber: "Lafayette represéntase na estatua como unha realidade e como un símbolo, ofrecendo a súa espada e os seus servizos aos colonos na causa da liberdade; aparece como o emblema da simpatía aristocrática e entusiasta amosada por Francia aos nosos antepasados".[33]
Swiatek e Breen indican: "Podemos considerar que a pose de Lafayette na estatua, tal e como aparece na moeda, o representa nunha procesión triunfal no canto de cargar contra o inimigo; nótese a súa espada envaiñada, como o bastón de mando dun comandante do altiplano, servindo de estandarte, en lugar de brandila desenvaiñada como unha arma".[30]
O deseño de Barber para o deseño do dólar Lafayette foi merecedor de numerosos comentarios críticos. Swiatek e Breen queixáronse da "cabeza sen vida" do presidente Washington".[30] Para Q. David Bowers, "o relevo superficial da obra de Barber non é máis que unha parodia da arte extremadamente detallada en relevo alto de Krider.[33] Segundo Don Taxay, "cando se comparan os retratos de Barber cos de Duvivier e Caunois, fica claro por que Saint-Gaudens [o escultor e inimigo de Barber][34] adoitaba referirse despectivamente aos 'medallistas comerciais da Casa da Moeda', non só polo relevo, senón pola habilidade elemental da modelaxe".[27] O historiador da arte Cornelius Vermeule, pola súa banda, afirmou que "o dólar Lafayette carece do atractivo pintoresco do cuarto de dólar isabelino ou da divertida orixinalidade do medio dólar colombino. Malia a necesidade dun relevo baixo, os bustos acaroados son demasiado lineais; o reverso padece de exceso de letras de tamaño uniforme, e a inscrición PARIS 1900 resultaría suficiente ou, como moito, a adición de 'FROM THE YOUTH OF THE UNITED STATES' xa transmitiría a mensaxe".[35]
Todos os dólares Lafayette foron cuñados na Casa da Moeda de Filadelfia o 14 de decembro de 1899, no centenario do falecemento de George Washington.[31] No Public Ledger, de Filadelfia, informábase así:[36]
“ | Nesta pequena cerimonia do dólar Lafayette estiveron presentes varios responsables da Casa da Moeda, membros da comisión conmemorativa de Lafayette e algúns membros da prensa. Logo de que a señora Gleary [a operadora da prensa de cuñaxe] recollese o primeiro dólar Lafayette cuñado, presentoullo ao superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia, Henry Boyer. O gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber, inspeccionouno a continuación e logo amosoullo a Robert J. Thompson, secretario da comisión conmemorativa, e entregoullo ao director da Casa da Moeda, George E. Roberts, quen o colocou nun estoxo para moedas ou medallas e o levou a Washington, para llo entregar ao presidente William McKinley. Despois a moeda será disposta nun elaborado cofre de presentación que se lle entregará ao presidente da República Francesa. | ” |
Concluída a cerimonia na Casa da Moeda, a cuñaxe do dólar Lafayette continuou nunha prensa de cuñaxe máis antiga, capaz de cuñar 4.800 exemplares cada hora. Produciuse un total de 50.000 moedas, a maiores dos 26 espécimes que se apartaron para a súa inspección na reunión de 1900 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[37]
O primeiro exemplar cuñado do medio dólar colombino fora vendido no seu día por 10.000 dólares. Neste caso, houbo unha oferta de 5.000 dólares para adquirir o primeiro exemplar do dólar Lafayette, que foi rexeitada ao estar este reservado para llo enviar ao presidente da República Francesa. O comisario especial Thompson foi o designado para levar o cofre a Francia a bordo do buque La Champagne. Aínda que a cerimonia de entrega estaba inicialmente programada para o 22 de febreiro de 1900 —o aniversario de Washington—, finalmente tivo lugar o 3 de marzo, e Thompson entregou o cofre ao presidente francés, Émile Loubet. Tanto o cofre como a moeda consérvanse no Museo do Louvre.[39][36]
Logo da cuñaxe das moedas, a comisión comezou a comercializalas a un prezo de dous dólares cada unha. Despois de febreiro de 1900, cando a comisión trasladou as súas oficinas de Chicago a París, as vendas pasaron a estar xestionadas pola compañía American Trust & Savings Bank, de Chicago. Inicialmente só se venderon pequenas cantidades destas moedas a coleccionistas numismáticos.[40] As vendas, realizadas a través desta compañía bancaria, continuaron durante varios anos. Os prezos comezaron a baixar no mercado secundario —en 1903 podíanse adquirir por 1,10 dólares— e varios milleiros delas acabaron entrando na circulación.[41] Cara a 1920, o prezo do mercado da prata superou o valor nominal da moeda e a partir de entón os prezos aumentaron de xeito constante, alcanzando os 3,50 dólares en 1930, os 5 dólares no momento álxido das moedas conmemorativas en xullo de 1936, os 13 dólares en 1950, os 55 dólares en 1960 e ata os 650 dólares en 1975.[42]
Ademais das conservadas polos coleccionistas e das postas en circulación, 14.000 pezas foron devoltas ao Tesouro e gardáronse en sacos de 1.000 exemplares cada un durante moitos anos. Isto debeuse á escaseza de vendas da nova moeda en París —unicamente 1.800 pezas—, en comparación coas previstas. En 1945,o comerciante de moedas Aubrey Beebe, de Omaha, soubo da existencia destas moedas a través dos rexistros do Goberno e preguntou sobre o destino desas moedas, ao que se lle contestou que estas foran fundidas.[43]
O dólar Lafayette é a primeira moeda estadounidense que representa un cidadán dos Estados Unidos.[3] A partir dela, a Casa da Moeda dos Estados Unidos non volveu producir ningún dólar de prata conmemorativo ata o emitido en 1983 na Ceca de San Francisco con motivo dos Xogos Olímpicos dos Ánxeles de 1984.[44]
En 1925, o numismático George H. Clapp descubriu un dólar de Lafayette que difería lixeiramente coas descricións publicadas. Ao longo dunha década seguiu investigando sobre este asunto e descubriu dúas novas variantes, debidas ao uso de varios cuños, tanto para o anverso como para o reverso, con algunhas pequenas diferenzas. Swiatek, nun traballo de 2012, deu conta dunha quinta combinación de cuños e examinou imaxes de centos de dólares Lafayette aos que tivo acceso ou mediante imaxes en Internet, e informou de que dúas variantes se combinaban en máis do 90 % dos exemplares, polo que o 10 % restante eran máis raras. Xa que logo, especulou con que os dólares Lafayette se cuñaron en polo menos dúas máquinas, e non nunha soa, como se supuña ata entón, e que as variantes máis raras foron o resultado da inserción de cuños de reposto logo do desgaste dos orixinais.Todas estas diferenzas son de carácter menor e non lle atribúen un valor especial a ningún exemplar cunha variedade concreta.[45]
Na edición de luxo de 2018 do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins indícase como prezo para o dólar Lafayette 485 dólares nun estado de conservación próximo a "sen circular", aínda que podería chegar a preto dos 15.000 dólares para os exemplares máis excelentes; un exemplar nun estado de conservación que se podería cualificar como excelso foi vendido en 2009 en 77.625 dólares.[46][47]
A maioría dos dólares Lafayette amosan lixeiras marquiñas de contacto con outras moedas, xa que as pezas foron expulsadas mecanicamente da prensa de cuñaxe a un depósito e non se procurou coidar especialmente o seu aspecto para os coleccionistas.[48] Nos exemplares mellor gravados chega a apreciarse a liña que separa a bota de Lafayette no reverso do resto do uniforme e tamén se distinguen os detalles da parte inferior da súa vestimenta. Os puntos máis altos do gravado da moeda, nos que o desgaste é máis evidente nos exemplares menos coidados, son o pómulo de Washington no anverso e a cara de Lafayette no reverso.[49]
Tamén se coñecen diversas falsificacións desta moeda.[50][51]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.