From Wikipedia, the free encyclopedia
O Crocodylus moreletii, xeralmente coñecido como crocodilo de Morelet ou crocodilo mexicano, é unha especie de crocodilo de modesto tamaño que se encontra só en hábitats de auga doce de rexións atlánticas de México, Belize e Guatemala.[1][3] Xeralmente crece ata os 3 m de lonxitude. A situación da especie califícase como "pouco preocupante".
Crocodylus moreletii | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Crocodylus moreletii (A.H.A. Duméril & Bibron, 1851)[1][2] | |||||||||||||||||||
Range of Crocodylus moreletii |
O crocodilo de Morelet descubriuse para a ciencia en México en 1850[4] e recibiu o nome do naturalista francés que a descubriu, Pierre Marie Arthur Morelet (1809–1892).[4][5] Durante bastante tempo foi confundido co crocodilo americano e o crocodilo cubano debido ás súas similares características e unha ambigua localidade tipo. Non se aceptou que fose unha especie separada ata a década de 1920.[6]
O crocodilo de Morelet ten un morro bastante ancho[6] con de 66 a 68 dentes cando chegan á madurez.[4] Son de cor marrón agrisada escura con bandas negras e manchas polo corpo e cola.[4] Esta é unha coloración similar á doutros crocodilos, como o crocodilo americano, pero o de Morelet é algo máis escuro.[4] Os crocodilos xuvenís son amarelos claros con algunhas bandas escuras.[6] O iris do crocodilo é marrón prateado.[4] Teñen catro patas curtas, polo que ten unha forma de andar bastante escarranchada, e unha longa cola, que uttiliza para nadar. Os pés posteriores teñen membranas interdixitais. Teñen capacidades explosivas na carreira breve porque os seus músculos son fortes, polo que son corredores rápidos.
O crocodilo de Morelet é pequeno comparado coa maioría doutros crocodilos. Os machos son máis grandes que as femias.[6] Un adulto medio mide uns 2,1 m, e adoitan estar no intervalo entre 1,5 e 2,7 m (a cifra inferior representa a lonxitude media total dunha femia madura silvestre duns 7 ou 8 anos).[7][8] Case todos os individuos que pasan de 2,5 m son machos e nese avanzado estado de madurez, o macho experimenta un significativo cambio na morfoloxía osteolóxica cranial, xa que o cranio incrementa a súa anchura e robustez.[9] Os machos adultos grandes poden alcanzar unha lonxitude de 3 m, e superar esta medida considérase algo excepcionalmente raro nesta especie, aínda que o récord rexistrado é de 4,5 m.[8][10][11] A masa corporal desta especie adoita estar entre os 38 e 58 kg, pero na medida están incluídos individuos en catividade probablemente con sobrepeso; a media de peso en individuos silvestres de Belize medidos foi duns 27,7 kg. O peso dun macho grande silvestre de 3 m é como media de 83,9 kg.[8][12] En conxunto, esta especie é de aparencia similar ao crocodilo cubano e, ao máis grande, crocodilo americano.
O crocodilo de Morelet pode encontrarse en hábitats de augas doces de América Central[4] e o golfo de México desde Belize e Guatemala, a México.[4][13] Os bosques de piñeiros de Belize son un exemplo do tipo e ecorrexión na que viven.[14] Nos hábitats de auga doce prefire áreas illadas moi apartadas. Esta especie de crocodilo pode encontrarse principalmente en pantanos e marismas,[4] que están localizados no interior, e en grandes ríos e lagos.[15] Son hábitats con cuberta forestal que lles axuda a esconderse.[4]
Pode tamén atoparse ao longo da costa en augas salobres[1][6] e nas sabanas herbosas da península do Iucatán.[16] A súa áre ade distribución amplíase moito durante as estacións chuviosas cando teñen lugar inundacións e é máis fácil para eles desprazarse.[16]
Os crocodilos xuvenís viven en zonas con cubertas densas para protexerse doutros depredadores e permanecen alí ata que son máis vellos e capaces de defenderse de seu.[4] Os crocodilos adultos escavan buratos durante a estación seca.[4] A área de distribución deste crocodilo pode solaparse coa do crocodilo americano, o cal ás veces fai que ambos sexan confundidos.[6]
Recentemente, o crocodilo de Morelet foi introducido no Río Grande (Río Bravo en México).[17] Varios periódicos mexicanos informaron que algúns réptiles que vivían no río non parecían ser aligátores, que son nativos de Texas, senón crocodilos de Morelet, que son nativos de Tamaulipas desde San Fernando cara ao sur.[18][19] Avistáronse crocodilos nas cidades de Matamoros,[20][21][22] Reynosa[23][24][25][26][27][28] e tan ao norte como Nuevo Laredo.[29][30] Os avistamentos fixeron que as autoridades policiais da zona puxesen sinais de advertencia para que a xente non entre no río.[31]
Como a maioría dos crocodilianos, o crocodilo de Morelet é moi oportunista e depreda practicamente calquera cousa que poida capturar e dominar que haxa no seu territorio.[32] Os crocodilos xuvenís aliméntanse principalmente de peixes e insectos ata que son máis grandes e máis capaces de atrapar grandes presas.[15] Os adultos cazan principalmente pequenos mamíferos, aves e outros réptiles así como gasterópodos, crustáceos e outros invertebrados.[11][32] Estes pequenos mamíferos poden ser animais domésticos como gatos e cans.[6] Hai rexistros de exemplares grandes que comeron cans e cabras, e un exemplar de 2,9 m matou un can pastor inglés de 35 kg.[33] Os adultos víronse en ocasións comendo vacas bastantes grandes e un tapir adulto, aínda que nestes casos eran carcasas, e o tapir fora matado por un xaguar.[34] Tamén se observou neles canibalismo de individuos máis pequenos.[6] Aínda que antes se pensaba que eran inofensivos, hai informes recentes de que atacaron a humanos en moitas ocasións, e houbo polo menos 12 casos documentados de mortes.[35] Malia o tamaño relativamente pequeno da especie, os espécimes adultos son agresivos e poden facilmente someter unha persoa desprevida que está preto da auga. Debido a que consumiron parte das capturas, os ataques mortais rexistrados son probablemente casos de depredación máis que de autodefensa.[36][37][38]
A reprodución ten lugar xeralmente entre abril e xuño[16] e poñen os ovos antes do comezo da estación das chuvias.[4] Os crocodilos de Morelet son únicos entre os crocodilos de Norteamérica porque só constrúen niños con forma de morea e nunca de buratos.[6] Estes niños teñen uns 3 m de diámetro e 1 m de altura[4] e poden encontrarse preto da auga ou sobre vexetación flotante.[4][6] Un crocodilo femia pode poñer entre 20 e 45 ovos[4] e atopáronse niños con ovos de máis dunha femia.[4] Os ovos están enterrados e os niños son vixiados polas femias.[4] Os ovos xeralmente eclosionan despois de 80 días de incubación[16] e as crías son normalmente duns 17 cm de longo.[3] Unha vez que os ovos eclosionaron as femias levan os fillos á auga onde son protexidos inicialmente por ambos os pais[4] e posteriormente abandónanas. As femias son moi protectoras das súas crías e espantan agresivamente os animais intrusos e humanos se oen as chamadas de alarma das crías e incluso o pai pode correr en defensa das crías.[39][40] In captivity, juvenile crocodiles are treated aggressively by adult crocodiles but never hatchlings.[41]
O crocodilo de Morelet leva moito tempo ameazado pola destrución do hábitat e a caza ilegal.[42] Ambos os factores fixeron que se reducise significativamente a súa poboación. Foron cazados pola súa pel durante as décadas de 1940 e 1950[42] porque son de gran calidade.[43]
Un dos principais grupos protectores dos crocodilos hoxe é o CSG, ou Crocodile Specialist Group,[44] que empezou as súas actividades en 1971.[44] É unha organización de ámbito mundial de biólogos e outros profesionais dedicados á conservación de todas as especies de crocodilianos. O CSG monitoriza todo o comercio de peles de crocodilo[44] e axuda a determinar se as peles son legais ou de procedencia ilegal. Cando esta organización empezou, todas as especies de crocodilos estaban en perigo ou ameazadas.[44] Pero actualmente a situación de moitas delas mellorou.
“En 1996 un terzo das especies de crocodilianos eran suficientemente abondosas para soportar unha captura anual regulada, outro terzo xa non estaba en perigo de extinción, e o terzo restante aínda seguen en perigo.”[44]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.