Os corácidos[1] (Coraciidae) constitúen unha familia de aves do Vello Mundo. En Galicia vive unha especie desta familia, Coracias garrulus, o gaio azul[2] ou rolieiro.[3] Moitas especies realizan un cortexo ou loitas territoriais caracterísitcos nos que fan moitas acrobacias aéreas. Lembran os corvos en tamaño e forma e comparten a colorida aparencia dos martiños peixeiros ou abellarucos, na que predominan as cores rosadas, ou canela. As dúas dedas anteriores internas están conectadas, pero non a externa.
Corácidos | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Un corácido da India, Coracias bengalensis, en Maharashtra | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Xéneros | |||||||||||
Son principalmente comedores de insectos, e as especies de Eurystomus capturan as súas presas no aire voando e as do xénero Coracias lanzándose desde unha rama para capturalas no chan, igual que fan os lánidos.
Aínda que son paxaros de climas cálidos do Vello Mundo, os rexistros fósiles mostran que estaban presentes en Norteamérica durante o Eoceno.[4] Son monógamos e aniñan nun burato non forrado nunha árbore ou en construcións humanas e poñen de 2 a 4 ovos nos trópicos e de 3 a 6 nas latitudes máis altas. Os ovos, que son brancos, eclosionan aos 17–20 días, e as crías permanecen no niño durante uns 30 días máis.
Taxonomía e sistemática
A familia dos gaios azuis ou rolieiros, hoxe Coraciidae, foi introducida co nome Coracinia polo polígrafo francés Constantine Samuel Rafinesque en 1815.[5][6] É unha das nove familias da orde Coraciiformes.[7] Á parte dos Brachypteraciidae de Madagascar, estas familias non parecen estar relacionadas dun modo especialmente estreito cos corácidos, e os Coraciiformes é probable que sexan polifiléticos.[8][9] Os Coraciidae reciben o seu nome a partir do latín coracium, "como un corvo", e o nome rolieiro débese ás acrobacias aéreas que realizan, mentres que gaio azul vén da súa cor e parecido cos gaios (Garrulus glandarius).[10] A familia divídese en dous xéneros.
Xéneros
A familia Coraciidae comprende os dous xéneros vivos seguintes:[11]
- Coracias (8 especies)
- Eurystomus (4 especies)
Descrición
Estas aves poden identificarse como aves de mediano tamaño con bicos fortes e lixeiramente ganchudos e corpos fortes, a miúdo con plumaxe de cores rechamantes.[12] Lembran os corvos en tamaño e constitución, e miden de 25 a 27 cm de lonxitude. Comparten a aparencia colorida dos martiños peixeiros e os abellarucos, con cores predominantemente azuis, rosas ou canela.[13] Son similares en morfoloxía xeral aos seus parentes da orde Coraciiformes, con grandes cabezas e pescozos curtos, plumaxe brillante, pés febles e patas curtas. As dúas dedas anteriores internas están conectadas, pero a externa está libre.[13] A debilidade dos seus pés e patas reflíctese no seu comportamento, non choutan apenas ou se moven ao longo das pólas e raramente usan os pés para outra cousa que non sexa dar saltiños cambaleantes ocasionais polo chan perseguindo presas que escapan. O bico é robusto e máis curto no xénero Eurystomus, o cal ten bicos de vivas cores, mentres que os dos Coracias son negros. Outras diferenzas entre os dous xéneros son a lonxitude das ás; os rolieiros máis aéreos do xénenro Eurystomus teñen ás máis grandes (e pés aínda máis curtos) que os Coracias, o que reflicte as diferenzas na súa forma de procurar a comida.[14] As súas chamadas son "grallidos roucos curtos e repetidos"[13]
Distribución e hábitat
Viven en zonas cálidas do Vello Mundo. En África viven a maioría das especies e crese que foi alí onde se orixinou a familia. Isto está apoiado polo feito de que os rolieiros braquipterácidos se encontran en Madagascar.[7] O gaio azul ou rolieiro europeo é completamente migratorio, reprodúcese en Europa e inverna en África, e o Eurystomus orientalis tamén abandona a maior parte da súa zona de reprodución en inverno. Outras especies son sedentarias ou migrantes de curto alcance.[15]
Son aves de hábitats abertos que cazan desde árbores ou outros pousadeiros elevados.[16]
Comportamento
Reprodución
Son aves ruidosas e agresivas cando defenden os seus terriotorios de nidación, que patrullan mentres exhiben a súa rechamante plumaxe. Os intrusos son atacados con voos ondulantes intimidantes.[7] Son monógamos e aniñan nun oco sen forrar nunha árbore ou en construcións humanas e poñen de 2 a 4 ovos nos trópicos, e de 3 a 6 en altitudes máis altas. Os ovos, que son brancos, eclosionan aos 17–20 días, e as crías permanecen no niño durante aproximadamente outros 30 días.[10][13] A posta de ovos faise en intervalos sucesivos dun día para que se a comida é escasa só se alimenten as crías máis grandes e vellas, que son as que teñen máis posibilidades de sobrevivir. Os polos están espidos, son cegos e indefensos no momento de eclosionar.[7]
Alimentación
Os Coracias cazan ao axexo. Pousan nunha árbore ou poste antes de descender sobre a súa presa e transpórtana no bico a un pousadeiro antes de desmembrala. Comen unha ampla variedade de invertebrados terrestres e pequenos vertebrados como ras, lagartos, roedores e paxaros novos. Comen presas que evitan moitas outras aves, como as eirugas peludas, insectos con coloración de advertencia e serpes.[16]
Os Eurystomus cazan mentres voan, caendo en picado sobre escaravellos que voan, grilos e outros insectos que son esmagados polos seus bicos anchos e profundos e comidos mentres voan. O E. azureus e E. orientalis cazan nos grandes enxames de térmites e formigas voadoras que saen despois das tormentas. Decenas ou centos deste rolieiros poden ser atraídos por estes enxames.[16]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.