Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un cantref (pronuncia galesa: [ˈkantrɛ(v)]; plural cantrefi) era unha división da terra no Gales medieval, particularmente importante na administración da lei galesa.
Na idade media, Gales estaba dividido en cantrefs que, á súa vez, se subdividían en cymydau ou cwmwt (commotes).[1] A palabra cantref deriva de Cant (cen) e tref ("vila" en galés moderno, aínda que antigamente usábase para aldeas ou asentamentos menores). Considérase que o cantref é a unidade orixinal, mentres que os commotes serían unha división posterior. Os cantrefs podían variar considerablemente en tamaño; moitos se dividían en dous ou tres commotes, pero o maior, o "Cantref Mawr" ou "Gran Cantref" en Ystrad Tywi (actual Carmarthenshire) incluía sete commotes. Para dar unha idea do tamaño dun cantref, a illa de Anglesey estivo dividida en tresː Cemais, Aberffraw e Rhosyr.
A antigüidade do sistema de cantrefs queda demostrada polo feito de que a miúdo marcan a fronteira entre dialectos do idioma galés. Algúns foron orixinariamente reinos por dereito propio, outros poden ter sido unidades artificiais creadas máis tarde.[2]
Os cantrefs tiveron especial importancia na administración da lei galesa. Cada cantref tivo o seu propio tribunal, que era unha asemblea de "uchelwyr", os principais propietarios de terras do cantref. Estaba presidido polo rei, se estaba presente no cantref, ou por un representante seu. Ademais dos xuíces habería un secretario, un porteiro e ás veces dous «intercesores» profesionais. O tribunal do cantref ocupábase dos crimes, a determinación dos límites e as cuestións relativas á herdanza. Máis tarde, os tribunais de cada commote fixéronse cargo de moitas das funcións do cantref, e nalgunhas zonas os nomes dos commotes son moito máis coñecidos que o nome dos cantrefs dos que formaban parte.
O Libro Vermello de Hergest (1375-1425) proporciona unha lista detallada de cantrefs e commotes a finais do século XIV e principios do século XV.[3] A lista ten ambigüidades nalgunhas partes, especialmente na sección de Gwynedd. Tamén hai que ter en conta que o número e organización de cantrefs e commotes na Alta Idade Media foi algo diferente ao aquí mostrado. Inclúense a continuación os cantrefs desta lista, coa ortografía orixinal do manuscrito xunto con, no seu caso, o equivalente moderno en galés estándarː
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.