A cantiga de escarnio e maldicir (cantiga de escarnho e maldizer en galego-portugués) é un subxénero da lírica galego-portuguesa.[1] Inclúe tanto sirventeses morais e políticos, sátiras literarias e maledicencias persoais, como tenzóns, prantos e parodias. O trobadorismo galego-portugués perfeccionou unha canción satírica procedente da Provenza, á que lle daban o nome de sirventés, que, chegada ás nosas terras, influíu nos nosos trobadores para que estes, apoiándose quizais nunha tradición satírica autóctona transmitida oralmente e anterior á convivencia coas formas occitanas, creasen un novo xeito de trobar: a cantiga de escarnho e maldizer. O corpus lírico galego-portugués conta con aproximadamente 430 textos pertencentes ao xénero. Dentro dos tres grandes xéneros do lirismo trobadoresco (xunto coa cantiga de amigo e a cantiga de amor) é o menos homoxéneo pola presenza dunha gran diversidade temática e tonal.

Thumb
O rei Afonso X, o Sabio, escribiu cantigas satíricas: Fui eu poer a mao, n´outro dia a ua soldadeira no conon.

Significación

Trátase dun xénero que nace e medra ao abeiro da corte, sendo o trobar burlesco tan convencional coma o da cantiga do cantar de amigo e de amor. As bromas e chanzas entre xograres e trobadores obedecen a un código previamente aceptado e, mesmo se a súa orixe radica nun feito real, a unha literaturización dese feito.

O realismo, que converte estas cantigas en composicións de importantísimo valor sociolóxico (aparecen debuxados personaxes de tódolos estamentos medievais) e lingüístico (o trobador está libre da subordinación rigorosa aos convencionalismos poéticos e fala con naturalidade), contrasta co idealismo das demais composicións galego-portuguesas. Este enfrontamento, esta dobre tendencia, ao divino por unha banda, e ao humano e pagán pola outra, é característica do home medieval, tantas veces cualificado coma un demo por ser capaz de conxugar dentro del o máis matizado idealismo e o máis perfecto realismo.

Caracterización

  • Aínda que se trata de composicións de corte subxectivo, nun número significativo de textos, a primeira estrofa presenta un papel introdutorio marcado por unha importante interferencia da función narrativa (algo que raramente ocorre nas cantigas de amigo ou de amor).
  • A meirande parte dos textos burlesco presentan o seguinte esquema: enunciación, paralelismo narrativo coa primeira estrofa e glosa irónica.
  • O equívoco, a ironía e a parodia son elementos que enmarcan por excelencia o esquema do cancioneiro burlesco. En máis dunha ocasión, as series positivas da cantiga de amor ou de amigo atopan aquí o seu reverso. Deste xeito, fronte ás formas «beldade», «fremosa»... xorde a contraposición «feo», «torpe», «astroso»...
  • Trobadores a mailos xograres botan man dun léxico explícito para levar adiante as súas burlas. Isto ocorre de xeito especial cando a temática xira arredor do sexo.
  • A súa intención raramente é moralizante; polo contrario, o que pretenderon os trobadores era producir o riso dos oíntes. Trátanse de composicións de intencionalidade e ton abertamente xocosos e que, en todo caso, reflicten a moralidade dominante da época, mesmo coas contradicións desta.

Cantiga de escarnio e cantiga de maldicir

A anónima Arte de trobar diferencia as cantigas de escarnio das de maldicir:

Cantigas d´escarneo som aquelas que os trobadores fazen querendo dizer mal d´alguen en elas, e dizen-lho per palavras cubertas que ajan dous entendymentos pera lhe-lo non entenderen... ligeyramente; e estas palavras chaman os clerigus hequivocatio. E estas cantigas se poden fazer outrosy de meestria ou de rrefran
Cantigas de maldizer son aquelas que fazen os trobadores [...] descubertamente. En elas entran palavras que queren dizer mal e non aver outro entendimento senon aquel que queren dizer chaamente

En resumo, nas cantigas de escarnio hai diloxía, é dicir, dobres sentidos e alusións indirectas, mais nas de maldizer a má intención e as alusións explícitas son a súa característica esencial. Actualmente os estudosos da lírica medieval galego-portuguesa acostuman estudalas conxuntamente.

Temática

Ver o artigo sobre o sirventés.

Na lírica trobadoresca galego-portuguesa cabe distinguir os mesmos tipos de cantiga de escarnio que na provenzal, aínda que do primeiro grupo (sirventés moral) se conserva pouca representación. En resumo, as temáticas da cantiga de escarnio son as seguintes:

Thumb
Unha cantiga de Martin Moxa di que as guerras son sinais do Anticristo.

Sátira moral

Case tódalas cantigas de escarnho e maldizer son composicións humorísticas referidas a circunstancias, acontecementos ou individuos concretos. Presentan, con absoluta liberdade de linguaxe, pequenos anacos da vida máis ou menos cotiá da Idade Media, de aí o seu valor histórico e sociolóxico. Pero son escasas as composicións que expresan reflexións morais de carácter xeral, e aplícase a elas especialmente o termo provenzal de sirventés cando achamos unha no noso lirismo. Un bo exemplo de sirventés moral é a cantiga de Airas Nunes coñecida co nome de A percura da verdade ou o de Martin Moxa, onde o trobador coida que a inxustiza e as guerras daquel século eran sinais seguros da próxima chegada do Anticristo.

Sátira política

Poden distinguirse catro series de cantigas políticas[2]:

Thumb
Afonso X criticou os cabaleiros que abandonaron a guerra de Granada.
  • Entrega dos castelos ao conde de Boloña:

A mediados do século XIII hai unha guerra polo trono entre Sancho II e o conde de Boloña. A maioría dos nobres portugueses e o bispo de Braga conspiraran para desterrar a Sancho II. Estes nobres conseguiron que Sancho II fose excomungado porque, aínda que tivese sido un bo guerreiro, agora estaba en mans duns validos que non lle querían ben á igrexa. Sancho II refuxiouse na corte de Castela e morreu en Toledo. Moitos trobadores conviviron con el e satirizaron a igrexa e os nobres. Airas Peres Vuiturón ten unha cantiga na que insulta mesmo o Papa. Só se conservan as cantigas contra o novo rei, Afonso III, e ningún trobador o defendeu satirizando o boloñés.

  • O ciclo de Granada:

No ano 1264 os mouros do sur recibiron reforzos de África. Afonso X preparou un exército para combatelos. O ciclo da guerra de Granada alude aos cabaleiros que abandonaron por covardía o campo de batalla. O propio rei sabio, o mesmo ca outros trobadores da súa corte, arremeteu contra os covardes cabaleiros. Participaron neste ciclo Pero Gómez Barroso, Gil Pérez Conde e Afonso Pérez de Besteiros.

  • A prepotencia dalgúns favoritos reais:

Aparece en dúas cantigas de maldicir, unha de Ayras Perez Vuyturon e outra de Pedro, conde de Barcelos, e mais na tenzón Vós que soedes en corte morar entre Martin Moxa e Lourenço.

  • Textos escritos para ocasións particulares:

Trátase dos poemas satíricos Ora faz ost`o senhor de Navarra de Johan Soarez de Pavia, Se me graça fezesse este Papa de Roma de Afonso X e Desfiar enviaron ora de Tudela de Airas Nunes.

Thumb
Os infanzóns eran tacaños á hora de servir a mesa.

Sátira social e de costumes

Gran parte das 400 cantigas de escarnio conservadas son sátiras de variadísimo asunto dirixidas a personaxes concretos, dos que se dá o nome frecuentemente. Non é doado facer unha clasificación temática destas cantigas, mais poden considerarse os seguintes ciclos:

  • A decadencia dos infanzóns:
Thumb
Os peregrinos que van á Terra Santa son obxecto de escarnio.

Hai unha serie de cantigas que documentan a vida das clases nobres e o infantado dos séculos XIII e XIV. Son cantigas nas que aparecen os valores novos que sentan os alicerces da expansión burguesa a base de ridiculizar os infanzóns, enfonchados e orgullosos da súa condición nobre, mais sumidos na miseria.

  • Sátira de diferentes tipos sociais:
Thumb
Todo o clero é un dos albos das críticas, sen salvarse nin o papa.

Son tamén frecuentes as sátiras contra privados, validos, administradores, avogados, xuíces, médicos, físicos, sangradores, astrólogos, criadas vellas entremetidas... Atácase a corrupción dos cargos públicos. Hai cantigas que satirizan os xudeus e mesmo os romeiros de Terra Santa, que chegaban de alá contando historias que ninguén cría.

  • Soldadeiras, cregos, abadesas e cantigas obscenas:

Un grupo de cantigas fai referencia á vida das soldadeiras, que acompañaban a trobadores e xograres con cantos e bailes, pero que nas cantigas aparecen só como prostitutas. As máis coñecidas son: María Pérez Balteira e Marinha Lopez, ademais de Maria do Grave, Maria Garcia, Maria Genta, Maria Leve, Maria Negra e Mari'Aires. Nestas cantigas que teñen as soldadeiras como obxecto de crítica o campo sémico do obsceno queda descrito con gran detalle e riqueza de pormenores.

Thumb
Cantigas d'escarnho e de mal dizer. M. Rodriguez Lapa.

Toda a xerarquía eclesiástica aparece satirizada: o papa (este papa de Roma, este nosso papa), os cardeais, os novizos (arcebispos, bispos, capeláns, clérigos...), os frades, as monxas, os abades, as abadesas, os priores, as prioresas etc. En xeral aparecen satirizados pola súa luxuria e todo tipo de vicios. Tamén os lugares e beneficios de culto aparecen implicados, como as igrexas, as prevendas, as campanas, ordinhar...[3].

Aínda poderiamos incluír o escarnio malfalado e case sempre obsceno dirixido aos "distintos", isto é, a homosexuais, cornudos e persoas con defectos físicos. Por exemplo critícase a Pero da Ponte pola súa fealdade, a Estevan Eanes por ser miope e Johan Servando e Johan Soarez Coelho búrlanse da impotencia sexual de dous coetáneos deles.[4] A linguaxe destas cantigas é atrevida e non todo o mundo está de acordo en que constitúan, como di o profesor Rodrigues Lapa, a cloaca dos nosos cancioneiros.

Sátira literaria

Son frecuentes os escarnios que se dirixen mutuamente trobadores e xograres. Poden distinguirse tres tipos:

Thumb
Trobadores e xograres é outra categoría típica dos escarnios.
  • As que ridiculizan a arte e pretensións dos xograres e poetas pobres, ou ben fan burla dun individuo polas súas escasas calidades trobadorescas. O trobador, home nobre que traballa os versos por amor á arte, é o único que en teoría está capacitado para compoñer. As composicións dos xograres serán criticadas polos trobadores debido ao seu atrevemento a compoñeren (só reservado para os trobadores); por outra banda, os xograres búrlanse da mentalidade fechada dos trobadores.

Cabe mencionar o ciclo das referidas ao xograr Lourenço. Así, Johan Garcia de Guilhade, que noutro tempo tivera a Lourenço ao seu servizo como intérprete das súas trobas, critica a independencia profesional do xograr. Fernan Paez de Tamalancos rise do jograr Saco de quen di que semella máis un saco ca un xograr. As críticas van dirixidas a xograres (como o mencionado Lourenço), a personaxes de sona (como é o caso de Picandon, xograr que fora escollido polo trobador Sordello para interpretar as súas composicións) e mesmo a outros trobadores -que se escarnecen entre si-.

Thumb
O ciclo das amas de cría xurdiu por saltar as normas do amor cortés.
  • As que escarnecen algún trobador por saltar as normas do amor cortés. Neste último caso, pode seintegrar o ciclo do escándalo das amas e as tecedeiras Joan Soares Coello, en contra das leis do amor cortés que esixía a condición nobre para as damas dos namorados, dirixiu unha cantiga a unha ama de cría. É unha cantiga de gran sinceridade por parte do poeta e que parecía querer liberar a nosa lírica das normas ríxidas ás que estaba sometida. Fernán García Esgaravunha ridiculízao facendo unha cantiga que parodia a escrita por el, nela comenta as virtudes da dama referindo, cunha grande carga irónica, o ben que a ama de cría amasaba, tecía, cosía bragas e camisas ou facía chourizos. Joan Soares Coello debeu pensar que esta cantiga a fixera Airas Peres Vuitorom e dirixiulle a este a súa ira noutra cantiga. Vuitorom, naturalmente, respóndelle.
  • De entre as composicións en que aparecen as críticas mutuas entre xograres e trobadores destaca a tenzón. A tenzón é un xénero menor das cantigas de escarnio. É unha cantiga de carácter dialogado en que, polo xeral, un dos interlocutores fala nunha estrofa e outro na seguinte. Na Arte de Trobar dise que as tenzóns poden ser de amor, de amigo ou de escarnio, mais hoxe téndese a falar de tenzóns coma unha variedade das cantigas de escarnio e maldicir. Nesta composición dialogan un trobador e un xograr, co interese conseguinte da diferenza social e cultural que podían presentar. O primeiro que intervén elixe o argumento, o outro debe responder aténdose ó mesmo esquema métrico e rítmico. Hai pois unha tendencia á ridiculización pública e son, sen dúbida ningunha, a mellor crónica da vida e da sociedade da época.

Exemplos

Unha cantiga de Pero da Ponte:

Eu digo mal, com'home fodimalho,
quanto máis posso daquestes fodidos
e trob'a eles e a seus maridos.
E un deles mi pos nun grand'espanto:
topou comigu'e sobreçou o manto
e quis en mi achantar o caralho.

Ándolhes fazendo cobras e sões
quanto máis poss', e ando escarnecendo
daquestes putos que s'andan fodendo;
e un d'eles de noite asseitóume
e quisme dar do caralh'e erróume
e laçou depós min os colhões.

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.