Remove ads
asentamento militar da antiga Roma From Wikipedia, the free encyclopedia
O campamento romano da Ciadella foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, sito no tramo viario entre Brigantium e Lucus Augusti, entre as actuais parroquia galegas da Ciadella (Sobrado) e Vilariño (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.
Campamento romano da Ciadella | |
---|---|
Parroquia | A Ciadella |
Concello | Sobrado |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galicia |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | Séculos II a IV |
Períodos de escavación | Dende 1934 |
Estado actual | Parcialmente escavado |
Extensión estimada | 2'4 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
A Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, formada no ano 80, tería sido trasladada dende Mauritania a Hispania no ano 123, adscrita á Legio VII Gemina (León) por orde do emperador Adriano, como testemuña a Tessera de Castromao (Celanova), que di:
AE 1972, 282: C(aio) Iulio Serio Augurino C(aio) Trebio |
Sendo cónsules Caio Serio Augurino e Caio Trebio Sergiano. |
O recinto foi construído entón, nun planalto de 480 metros sobre o nivel do mar, rodeado por unha pequena cadea montañosa, preto do río Cabalar. Tiña unha muralla perimetral de 172 x 140 metros, coas esquinas redondeadas, e un foxo externo que complementaba as funcións defensivas da muralla. A extensión do campamento era de 2,4 hectáreas. Existían ademais catro portas de acceso ó campamento, e varias torres de vixilancia. No interior había dous edificios principais. Un deles era a Principia (cuartel xeral), de planta case cadrada, que medía 29,5 x 29,6 metros. A carón da Principia estaba o Praetorio (residencia do comandante) de 38 x 29,6 metros. Os dous edificios estaban separados por unha ampla rúa. O resto dos edificios serían barracóns, sanitarios, cortellos para os animais e unha cantina.
Segundo algúns autores, sería neste campamento onde estaría situada a mansión Brigantium da vía XX, ou per loca maritima, do Itinerario de Antonino.[2][3]
O abandono do campamento tivo lugar no século IV, cando a unidade militar foi trasladada a Iuliobriga (Cantabria). Foi entón cando comezou a súa deterioración, sobre todo na época da ocupación xermánica, malia que nalgunhas épocas foi novamente habitado. No século XIX sofreu o espolio da súa cantaría para a construción de edificios veciños.
As escavacións do recinto comezaron oficialmente en 1934, dirixidas por Ángel del Castillo López e Sebastián González, sendo Castillo quen identificou en 1943 que se trataba dun campamento romano e non unha mansio (paradas oficiais nos camiños romanos). Os materiais atopados no lugar foron abondosos, salientando pezas de cerámica, vidros e utensilios de ferro e bronce. Atopáronse tamén moedas, pertencentes a un rango de tempo que atinxe dende Domiciano (ano 86) até Claudio II (ano 270). A maioría destas pezas atopadas na Ciadella están expostas de xeito permanente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón sito na cidade da Coruña.
Boa parte do campamento non está escavado. Unha parte do sitio escavado ten unha cuberta futurista (aceiro e vidro) reutilizada, que protexe ás ruínas dos efectos erosivos. Malia todo, a zona cuberta ocupa unha superficie inferior á décima parte do recinto histórico, de xeito que a maior parte das ruínas están expostas á acción da choiva, do vento e da vexetación.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.