Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O CD154 (cluster de diferenciación 154), tamén chamado CD40L ou ligando de CD40[1], é unha proteína que se expresa principalmente nas células T activadas e é membro da superfamilia do TNF. O CD154 da célula T únese ao CD40 situado nas células presentadoras de antíxenos, o que causa diversos efectos, que dependen do tipo celular de célula diana de que se trate. En xeral, o CD154 (ou CD40L) desempeña o papel de molécula coestimulatoria e induce a activación en células prsentadoras de antíxenos en asociación coa estimulación do receptor das células T polas moléculas MHC da célula presentadora. En total, o CD154 ten tres posibles moléculas ás que pode unirse, que son: CD40, a integrina α5β1 e a αIIbβ3. O CD154 regula a función das células B ao unirse ao CD40 da superficie da célula B.
O CD154 está codificado nun xene do cromosoma X humano. Un defecto neste xene orixina unha incapacidade de realizar o cambio de clase das inmunoglobulinas e está asociado coa sindrome hiper-IgM.[2]
O CD154 exprésase principalmente en linfocitos T CD4+ activados. Aínda que o CD154 foi descrito orixinalmente nos linfocitos T, desde entón atopouse a súa expresión en moitos outros tipos de células, como as plaquetas, mastocitos, macrófagos, basófilos, células NK, linfocitos B, e mesmo en células non hematopoéticas (célula muscular lisa, célula endotelial, e células epiteliais).[3]
No macrófago o principal sinal para a activación é o IFN-γ producido polas células T CD4+ de tipo Th1. O sinal secundario é o CD154 situado na célula T, que se une ao CD40 da superficie do macrófago. Como resultado desta unión o macrófago expresa na súa superficie máis CD40 e receptores do TNF, o cal contribúe a aumentar o seu nivel de activación. Os macrófagos activados poden despois destruír por fagocitose as bacterias que invaden o organismo e producir máis citocinas.
A célula B pode facer a presentación de antíxenos ás células T axudantes. Cando unha célula T activada recoñece o péptido presentado pola célula B, o CD154 da célula T se une ao receptor CD40 da célula B, causando a activación das células B en repouso. A célula T tamén produce IL-4, a cal inflúe directamente nas células B. Como resultado de todas estas estimulacións, a célula B pode empezar a dividirse, facer o cambio de isotipo das inmunoglobulinas, e diferenciarse en célula plasmática. O resultado final é unha célula B que pode producir masivamente anticorpos contra o seu antíxeno específico. As primeiras evidencias destes efectos atopadas eran que nos ratos deficientes en CD40 ou CD154, había pouco cambio de clase dos anticorpos ou formación de centros xerminais, e as respostas inmunes estaban moi inhibidas.
A activación de células endoteliais polo CD154 (por exemplo por acción das plaquetas activadas) causa a formación de especies reactivas do oxíxeno, e de quimiocinas e citocinas, e a expresión de moléculas de adhesión celular como E-selectina, ICAM-1, e VCAM-1. Esta reacción inflamatoria nas células endoteliais promove o recrutamento de leucocitos na zona da lesión e pode potencialmente favorecer a ateroxénese.[4]
O CD154 interacciona con RNF128.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.